Minifundio laboral - 04.05.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
O complexo mundo laboral de hoxe ofrece outras continxencias que proclama o abandono das vellas fórmulas reivindicativas e de acción directa. Fixando todo no diálogo da dirixencia ou no cumio de expertos que lles aterroriza frear certas violencias que os empresarios sosteñen na súa relación cos laborais. Os dirixentes acomodados domesticando a plebe; fomentando reconciliación entre dúas clases ben opostas, entre os que xeran riqueza e os que se apoderan da plusvalía. Pode que isto pareza un discurso fácil e xa superado, mais a loita de clases está aí ben viva, con toda esa exposición de contradicións que se dan nas relacións do mundo laboral, comezando polos salarios de miseria e continuando pola inseguridade dun posto de traballo que garanta un salario digno. Os salarios de miseria están en función do exceso de horas de traballo: alienación perversa que os burócratas sindicais ollan para outro lado e os que a sofren aceptan esta humillación inmisericorde. A cadea de alienación e castración proletaria está servida desde as mesmas esferas dos que se unxen dirixentes sindicais que, por outra banda, claudicaron ideoloxicamente ante unha patronal que sabe manipular a cenoria ante tanta asneira.

O capitalismo da globalización actual optou por uns medios capaces de desarmar as accións máis usuais do proletario clásico e liquidar as poucas armas con que este contaba, como eran as folgas sectoriais ampliadas pola solidariedade doutros gremios; as barricadas como resposta ás agresividades patronais foron sucumbindo pola tolerancia e pola admisión desa ideoloxía reducionista e concentrada no diálogo entre o lobo e o cordeiro. Neste formato de convivencia foise dixerindo un desfase non só na loita de clases senón na conciencia de clases. E esa regresión a unha mentalidade servil, por parte dun proletariado combativo e moi puntual no escenario das contradicións de clase, nas sociedades industriais de Europa, débese ás falsas prebendas que o capital foi introducindo nas diversas categorías estruturais do mundo obreiro. Creando subprodutos de clase e dando migallas para manter aos outros na mais terríbel opresión de clase.

Todo isto foi sustentado por unha ideoloxía liberal e socialdemócrata de rancio corte burgués, introducida nas estruturas e capacidades máis sensíbeis da ideoloxía proletaria. A aceptación dun revisionismo ideolóxico converteu a clase obreira nese subproduto de produción, submisa e acondicionada a un consumismo egoísta capaz de alterar a súa realidade como clase e facerlle crer que este é o mundo posíbel de igualdade entre clases.

Cando chegan catástrofes de identidade capitalista, como son as producidas polos ciclos de crises económicas, ou crises de superprodución, como Karl Marx as denominou, liberais e socialdemócratas, en santa alianza, afánanse por buscar solucións para salvar aos que provocaron esa crise. E para eliminar as crises hai que eliminar as estruturas dun capitalismo salvaxe que nos seus momentos de regresión concorre ao diñeiro público que os Estados non vacilan en darlles osíxeno. Así que esas crises producidas polo sistema capitalista vén pagalas directamente a clase traballadora no seu conxunto e, a máis, padéceas na perda de postos de traballo, na vulneración de dereitos laborais e de atoparse censurado nunha caverna que moitas aceptan como refuxio natural para, quizais, autoculparse de algo que non cometeu.

Nesta dirección de disxuntivas, sen que os burócratas sociais que desasisten o máis elemental de tanta miseria servida polo sistema, non son capaces de reorientar a situación e regresar aos principios dunha ideoloxía de clases. Nesta situación, o minifundio laboral continuará progresando en súa autodestrución.