Luís Seoane no seu centenario 01.06.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Na Galiza da diáspora (Buenos Aires), nacía Luís Seoane o 1 de xuño de 1910, fai hoxe cen anos. Fillo de emigrantes, de vida trunca como tantos galegos que habitaron os barrios pobres da capital porteña. A nosa xente fuxindo de fames e miserias que camparon nos primeiros decenios do século XX. Buenos Aires era unha especie de consorcio onde os galegos abriron espazos e outros ficaron engolidos pola miseria dos guetos de explotación capitalista. Luís Seoane testemuñou esa realidade que o marcou considerablemente. No seu retorno a Galiza, cos seus pais, asumiu un compromiso de loita na súa mocidade e nos seus anos universitarios en Compostela. Arredado do galeguismo e do ideario comunista de Xoán Xesús González, aquel activista proletario e universitario de Cuntis, que abriu un oco no escenario republicano na conciliación entre nacionalismo e marxismo. Seoane foi protagonista dese ideario que sempre cultivou e espallou en diversos escenarios e paraninfos, onde fixo proclama destinguida da Galiza irredenta.

Luís Seoane salvouse de ser asasinado polos sátrapas franquistas -como sucedeu con tantos comunistas e galeguistas, correlixionarios seus- por ter nacionalidade e pasaporte arxentino, pretexto necesario para fuxir do inferno fascista en que estaba sumida toda Galiza. Luís Seoane foi a persoa que soubo concretar varias frontes contra o crime fascista e construír pontes solidarias entre os refuxiados e exiliados cos combatentes en favor da República.

Luís Seoane foi o mentor esclarecido de tantos encontros que fixeron posible esa nosa Galiza Ceibe que el proclamou tantas veces na Arxentina. No seu poemario: Fardel de Esiliado, conta a súa epopea: Desagarimado saín da longa noite en que te sumiron,Galicia,/ e aínda sentindo orgulo da túa gloria popular, antiga,/ da túa terra verde xurdida do océano, das túas pedras venerables,/ volto cara un lonxano cabo do mundo, un país estrano,/ onde outros fillos teus, meus irmáns, erguén cidades,/ irmandados no traballo cos homes doutros pobos edosos,/ a vagar esquecido e senlleiro entre as somas máis mestas.// Doorido, dende o combés deste barco, véxote debruzada ao mar./ Máis un día voltarei, derrubado e a vez afirmado pol-o tempo,/en moitedume,/ con todol-os que erráneos coma eu andan exparexidos pol-o mundo.

Sen a achega que Luís Seoane realizou desde o exilio, estariamos falando doutra Galiza da diáspora ben diferente ao que hoxe coñecemos. O Seoane artista deunos unha concepción da arte na que se referencian todas as connotacións do pobo galego. As clases enxergadas na miseria e na insubmisión: labregos, mariñeiros, obreiros e emigrantes aparecen emancipados de liberdade e de xustiza social. Sen a fabulosa achega de Luís Seoane non podemos entender as extravertidas expresións innovadoras da plástica galega contemporánea.

Tamén podemos contemplar a obra magna en todo ese inventario da cerámica de Sargadelos, cuxos únicos mentores foron Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo que desde a Arxentina proxectaron o que sería esa factoría de cerámica que rehabilitou e deu esplendor a tantos modelos esquecidos da arte popular galega e non só.

Luís Seoane non regateou en esforzos para dinamizar a memoria viva de Galiza, por medio de tantas publicacións nas que el foi protagonista, como fundador das mesmas e como colaborador infatigábel. Un home sempre puntual coa pluma e coa palabra en defensa dos dereitos insubornábeis de Galiza.

Alén do pintor e do escritor estaba o humanista, desbordando bondade e xenerosidade. Sempre abrindo portas para osixenar a casa común de tódolos galegos; erguendo pontes para que os intereses comúns dos galegos superasen fisuras e distancias. A unidade de clases como prioridade, foi o distintivo de Luís Seoane.