Israel, xenocidio de estado - 08.06.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Nada novo sobre as múltiples e invariábeis agresións do Estado xenocida de Israel contra os palestinos. Nada novo sobre a palabrería dos gurús do mundo occidental, que continúan na súa hipocrisía en demandar explicacións do Estado de Israel e non condenar os seus actos de exterminio contra os palestinos. Os USA, sen Obama e con el, continúan o mesmo sistema de tolerancia e apoio ás políticas agresivas que os gobernos hebreos poñen en práctica desde 1948, ano da creación do Estado de Israel. A política europea continúa as mesmas estrataxemas que as cultivadas polos ianquis. Denuncias e condenas ante o Consello de Seguridade da ONU, ese parapeto cerimonioso onde os oídos xordos de Israel continúan silenciando a súa impunidade fronte aos soños dunha Palestina libre e independente.

A luxuria sionista de Tel Aviv, confluída e resgardada polo dólar xudeu norteamericano, é a que fai posíbel ese inmobilismo con respecto a unha saída ao conflito israelí-palestino. A degradación desa impunidade no que respecta á ocupación desa Palestina fraccionada entre Cisxordania e Gaza e os muros que converten a estes territorios en guetos. Unha maneira de división e asedio permanente, que só unha sociedade capitalista permite que a destrución sexa perfectamente viábel e practicada por un Israel poderoso ante unha Palestina agredida e perseguida. A hipocrisía occidental no seu auxe máis perverso, na súa política con respecto aos delitos que o Estado de Israel está cometendo. O asalto militar israelí ao barco Mavi Mármara, en augas internacionais, presenta o asedio a unha poboación como a de Gaza, con escasas posibilidades de sobrevivir a ese bloqueo que Israel ben practicando desde hai anos.

A Netanhayu xa non lle vale dicir que tal situación ben preferida por unha ameaza continua que atenta á seguridade de Israel. Todos sabemos que Hamas está vencido no seu reduto de Gaza e que aqueles improvisados ataques provocaron a terríbel desfeita que o exército hebreo levou a cabo baixo unha estratexia de aniquilación e destrución masiva hai tres anos. O sionismo ideolóxico de Zeev Jabotinsky nas súas máximas violentas contra os palestinos, sostiña que a vida dun xudeu valía pola de cen palestinos. Nese seu fascíneo o ollo por ollo e dente por dente antigo testamentario ficaba obsoleto, un ollo xudeu na equivalencia de cen ollos palestinos. Mais no caso de Sabra e Shatila en 1982, o calculo do xenocida Ariel Sharon, neste caso, aumentou o número previsto por Jabotinsky. Parece que o número de mortos en Gaza previsto por Netanhayu supere a dos seus anteriores mestres xenocidas. Mais desta vez cunha táctica ben diferente, morte lenta por desnutrición. Todo a prol da seguridade da caste militar e rabínica de Israel. Así é o pacto entre Tel Aviv e Wáshington, coa compracencia de seus lacaios occidentais, sempre obedientes aos seus ditados.

Os acontecementos actuais do asalto do exército israelí ao Mavi Mármara, con nove axentes humanitarios internacionais asasinados e con máis dunha ducia de feridos que levaban auxilio á cidadanía famélica de Gaza, manifesta o drama dese holocausto que Gaza soporta moi parecido ao de Mauthausen e Auschwitz. Pobre do pobo ou do colectivo que esquece a memoria recente dunha persecución tan atroz como a verificada polos nazis contra o colectivo xudeu. O pobo palestino de Gaza está soportando outra das limpezas étnicas por parte daqueles que foron tratados de moi parecida maneira nos fornos crematorios de Hitler.

Hai moitas maneiras de humillar, aniquilar, exterminar e moitas máis de xustificar o inxustificábel. Claro que Israel ten dereito a vivir como Estado soberano e independente pero non en aras de bunkerizarse e aplicar o seu potencial bélico contra a fame e as pedras.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras