Bernardino Graña na Academia - 15.06.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A Real Academia Galega entronizou en Cangas, o pasado día 12, a Bernardino Graña, natural desta localidade da península do Morrazo, como académico de número desta institución. En Galiza hai cousas que chegan tarde mais ao final chegan e confirman a autenticidade das persoas que, en silencio e sen concorrer en teimosas vaidades, soben a ese podio que revela o esforzo da vida mesma, dos que protagonizan xenerosidade polos traxectos máis sensíbeis que atinxen á comunidade galega. Este é o caso do novo académico.

Bernardino Graña é unha persoa singular, en moitas facetas e harmonías nas que el ten tocado. O herdo popular que adquiriu da mariñeira e pescadora vila nativa, naqueles anos contaxiosos onde o popular zumegaba realidades e tradicións elevadas polo pobo a eses contos nada inxenuos e tan ilustrativos na nosa literatura. A oralidade de cantigas e contos que Bernardino codificou daqueles mariñeiros que trafegaban no mar de Cangas e das mulleres que remendaban redes e contaban contos ao son das ondas do mar de Martín Códax. No seu discurso, Bernardino proclamou: "Tiven a inmensa sorte de escoitar as historias que aprendín en galego". Esa oralidade que aprendeu de seus proxenitores e especialmente da súa madriña, pola que ten un afecto especial, foi o inicio da súa aprendizaxe de contar e redactar historias: sensibilidade exposta en varias das súas publicacións brindadas a nenos e adultos, con esa marca sorprendente e máxica na que se confirma o talante expresivo dun dos nosos mellores escritores contemporáneos.

A poesía de Bernardino sempre virada cara ese espazo mariñeiro da súa nacenza e naturalidade, propicia propostas e proxectos que testemuñan o amor pola busca identitaria. A identidade galega na poesía de Bernardino ten un expoñente de reencontro co pasado, el ben sabe que sen pasado non hai presente.

Bernardino é ese neno grande rebordando tenrura e confirmando naturalidade e xenerosidade, capaz de asediar o que non entra no seu maxín. A súa autenticidade popular confirma a súa defensa pola pertenza ó que é noso e, tamén, por esas intromisións foráneas que alteran e extorsionan a nosa personalidade. El viviu no esófago do monstro -en Madrid- e coñeceu seus asoballos e súas devoracións. Naqueles anos universitarios, dos anos cincuenta do século pasado, principiou a súa militancia patriótica, concibindo unha Galiza con moitos futuros e impregnada de pasados valorosos. O Bernardino de "Brais Pinto", aquel mozote de grosos anteollos, sempre serio e ben arranxado, que en foto histórica aparece con seus compañeiros de irmandade e lumieira, continúa sendo necesario.

Bernardino sempre é el propio, a súa personalidade non admite símiles, nin contaxios nin eufemismos. Como nos diría Juan Ramón: "¡No le toques ya más/ que así es la rosa!" A súa autenticidade define a súa obra e a calidade persoal. Bernardino ten esa maneira particular de facer as cousas, con ese engado tan definido en súas pegadas literarias.

Coñecín a Bernardino nos albores da década dos setenta en Barcelona, era profesor en Tarragona e estaba moi eufórico por regresar a Galiza. Rosalía estaba metida na súa cabeza e no seu corazón, por iso non estraña que o seu discurso o titulase: "Contos populares e Rosalía". Noutra ocasión, en agosto de 1974, encontreino nunha manifestación na Praza da República no Porto festexando o 25 de abril. Despois viñeron os encontros nos Galeusca. Unha visita ao meu Merlán nativo moi confortante. Mais o encontro máis emotivo que sentín con Bernardino aconteceu fai un mes no Courel, na homenaxe a Uxío Novoneyra, encontrei un Bernardino fráxil, delicado e moi emotivo. Con tenrura colleu a miña man e transmitiume as súas emocións de amizade. Longa vida para Bernardino Graña.