Novoneyra en Castelló de la Plana - 06.07.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Festexar as letras galegas de 2010 na persoa de Uxío Novoneyra resultou para os galegos de Castelló de la Plana un estímulo vindo da persoa e da obra do homenaxeado. A comunidade galega de Castelló, que conforma o Centro Galego O Aturuxo, non son moitos pero si ben avindos. Naquel acolledor e arranxado local, houbo curiosidade por coñecer máis do poeta en súa terra. Verificar a importancia dun poeta e estar máis de dúas horas a falar del, responde a que a pescuda sobre Novoneyra e a súa obra supera a simple curiosidade.

Nese acto, celebrado o 26 de xuño, ademais dos galegos, estaban socios doutros centros como o asturiano, co seu presidente á fronte, concelleiros de Castelló e outros achegados a verificar a descuberta dun dos mais interesantes poetas contemporáneos de Galiza, humanista e patriota. As preguntas levaban esa dirección de conectar o real dun poeta que fixo lingua e matizou patria.

Noventa socios ten a comunidade galega do Centro Galego de Castelló, cunha interesante biblioteca e cunha decoración onde apreciamos unha Galiza viva e inmorredoira. O seu presidente, Xosé Filgueira, natural de Noia, está a dirixir un proxecto fiábel da nosa identidade, en moitas das súas manifestacións culturais. Ademais están a construír un ambicioso local nun dos espazos lúdicos máis interesantes da cidade.

A novidade inesperada foi o encontro con Manolo Gutiérrez, máis coñecido por Fonsagrada. Un vello amigo e compañeiro nas loitas pola identidade de Galiza e, tamén, na factoría Seat. Tal era a súa expresión de galeguidade que ía traballar con zocos ou chanclos -como el lles chama. O Manolo tivo dúas ocasións na súa vida moi especiais que aproveitou, unha a de marcharse da fábrica de autos e outra independizarse e lograr éxitos na súa vida profesional de poceiro nas terras valenciás de Castelló.

As terras de Valencia, elas todas, son unha continuación das catalás e aragonesas, no aspecto de cultura, arquitectura e de ter en común os antigos reis e tamén o idioma, ofrecen paralelismos e matices nesa converxencia. Xosé Filgueira internoume por ese Castelló serrán que eu descoñecía. Xusto por esa confluencia de camiños e de expresións culturais, activos aínda para dar sorpresa a quen visita eses lugares. Como é o caso de Ares del Maestrat, cun patrimonio rico de arte rupestre, casas apertadiñas en comunidade deseñando paredes e cumiais por onde as rúas estreitas e tortuosas semellan a un cántico espiritual. Máis adiante Morella, a cercada por unha enorme muralla construída en tempos de Jaume II, sobre outra árabe. Impetuoso labirinto que maraca status nas rúas que deseñan o gueto xudaico, o alcazábar árabe e a pomposa colexiata gótica que semella un fortín de ática permanencia e da soberana prelatura.

Por esas serras abertas do Maestrazgo, compartidas por Castelló e Teruel, fomos a Olocau del Rei, con casas nobres, brasóns e data nos linteis esmorecendo no que corroe o tempo. Continuando a peregrinaxe introducímonos en terras turolenses, entre douradas searas onde o trigo danza ao son do ar. Entre oliveiras e abeleiras chegamos a Mirambel esa vila medieval amurallada que resiste nese labirinto de silencio, onde os labregos fuxiron e as freiras do convento tamén. Mais aí continúa de pé esa arte tan individualizada que personifica o talento e o talante desta xente nada rudimentaria que soubo construír para permanecer. Por estas terras do Maestrazgo de Teruel, estivemos por Cantavieja e Iglesuela del Cid. Terras de mitos e correrías do Cid e do xeneral Cabrera e súas impetuosas partidas carlistas. De regreso a Castelló e xa en compañía do Fonsagrada navegamos por 1200 metros polas Coves de Sant Josep na Vall d"Uixó, un Guadiana que se fai navegábel..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras