Viaxe polas terras de Taboada - 31.08.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
Cando un coida coñecer as proximidades dunha terra que linda coa dun, fica lonxe de conectar coas súas interioridades. Pode que un a cruce pero descoñeza os atributos que nela existen. Isto aconteceume coa terra taboadense. Un longo concello que vai desde os lindes mesmos da serra do Faro, con Pontevedra, até as beiras do río Miño. Taboada é un municipio fundamental para sustentar a nova comarca de Chantada que a conforman tres municipios. Desde esa liña recta que marca linde polo sur co municipio chantadés e, polo norte, cos de Portomarín e de Monterroso, sitúa Taboada ben próximo ao centro xeográfico de Galiza.

Percorrer Taboada é descubrir esa terra nobre e antiga onde a cultura labrega tivo unha preponderancia naquela formación de espazos onde as parroquias tiveron o seu primeiro respiro na era sueva e, máis tarde estas terras foron de señorío. A casa dos Taboada, con pazo orixinario en San Pedro de Bembibre, cuxa expansión foi notoria no acoutar de terras, alén deste solar nobre e soarengo. A nobreza dos Taboada e Ulloa, Alexandre e Bartolomeu, distinguidos nobres naquela Galiza central, onde os conflitos entre este señorío e seus servos foi notorio. Mais a presenza dos Taboada neste centro neurálxico galego indícana eses nobres sartegos no interior das igrexas de Bembibre, Vilar de Donas e Prado (Lalín). Señorearon, tamén, por longos anos, o castelo do Pambre.

Taboada conta con esa xeografía tan especial de paisaxes puras e transcendentes polas que corren as nacentes do Faro cara ao río Miño, pola que pequenos e curtos ríos, regatos e regadas perfilan nesa terra fértil un achego especial onde pazos de señorío e casas grandes de labregancia sostiveron unha economía conformada en extensas propiedades.

Á marxe da mencionada nobreza dos Taboada, aínda exhiben grandeza nos seus brasóns o pazo de Perrelos, en Castelo, o pazo de Esperante ou de Miraelfe, da antiga familia dos Losada, emparentada coa familia de Bartolomeu de Raxoi e Losada, o famoso cardeal de Compostela. O pazo de Relás, de Moreda e de Buín. Este último na parroquia de San Xullán do Campo, aínda que os veciños lle chaman a Casa Grande de Buín, temos que catalogala como pazo, dado que as súas propiedades avanzaron desde a terra mansa de labregancia até terras bravas de ribeira, con inmensas adegas, barcas e capela á beira do Miño, dedicada a Santa Marta. O pazo de Abuín, situado nunha veiga húmida e pracenteira con regueiros, cuxas beiras están protexidas por vellos salgueiros, amieiros e grandes soutos, agora vindos a menos. O pazo de Buín, aínda nas súas paredes decadentes, luce catro escudos que lembran a presencia daquelas familias nobres que nel tiveron apousento. Os brasóns dos Taboada, Moscoso e Montenegro, entre outros, xa non demandan respecto nin venia servil para quen pasa diante deles e tiñan obriga forzada en traballos sen soldada.

Nos rentes deste pazo de Buín fica un enorme e seco fontanario, protexido por un espeso souto de castiñeiros milenarios. O pazo, a comezos do século XX, cando sucumbiron os foros e a nobreza deixou de sela, foi mercado por un labrego que fixo as Américas en Cuba, e seus herdeiros partillaron este solar de nobreza que os veciños denominan Casa Grande.

Un dos propietarios, Abel Fernández Rigueira, abriume o patio, en formato de claustro señorial, a adega e a capela. Un formato barroco baixo a advocación de Santo Amaro ou San Mauro -o mesmo dá-. Con dúas imaxes ben agraciadas polo escultor anónimo, do padroeiro da mesma e un Santo Antonio de Padua ou de Lisboa, robusto e máis pintoresco que milagreiro.

A policromía do retablo marca a súa decadencia e os misais tridentinos tamén. Mais o Abel está gustoso en mostrar patrimonio memorial que aínda ten o respiro de antano.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras