A Quenlla: tradición e modernidade - 21.09.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA
A Quenlla, ese grupo musical folk co que conta hoxe a música galega, ten un repertorio nutrido de elementos identitarios no que resplandece toda unha dinámica de descuberta e de recuperación do que son eses acentos tradicionais de cantares e dicires elevados a tons musicais, que son a mostra máis exacta de dar fe daqueles acentos máis puros e creados para conformar esas harmonías que agora resolven levarnos ao reencontro co pasado. A Quenlla está aí, puntualmente no lugar exacto, na trincheira de combate polo noso, desde a palabra musicada e ordenada para combater as insidias e os malos agoiros que nestes tempos perseguen a autenticidade das cousas nobres que conforman dignidade e xenerosidade. A Quenlla ten o respiro sempre correcto de seus fundadores e pulmón que dá continuo osíxeno a ese corpo tan uniforme. Falamos de Mini e Mero, Mero e Mini, sensíbeis na construción do país, desde a escena musical.

Os que seguimos A Quenlla, desde hai bastantes anos, reflexionamos sobre unha historia tan fermosa como poderosa que este grupo foi construíndo e conectando coas persoas que aínda teñen ese respiro axeitado e idóneo para que Galiza continúe existindo na súa verdade e na súa autenticidade, pese aos dramas continuos aos que está sometida. A canción revela aos nosos antepasados a idear e a realizar combate de dignidade e de país que desexa facer presente co pasado. Nesta realidade está A Quenlla, entre a tradición e a modernidade.

O sábado pasado os meus veciños de Merlán celebraron a tradicional festa dedicada ao bispo patrístico e mártir San Ciprián -como nós o chamamos-, noutros lugares San Cibrao. Unha festa de tres días de duración. Despois de 28 anos sen asistir a elas, tiven a impresión de que a Asociación de Veciños de Merlán acertara en levar A Quenlla para un concerto nocturno que deu un respiro ao clásico e ao actual. O contacto coa xente, explicar o que se perdeu en varios períodos de tempo e que agora rexorde nesa teimosa experiencia do que se recupera, fomentou que o público presente nesta festa se sentira reanimado e consciente do que debemos coidar con celo mimo o que é noso.

Mais a festa deste ano tivo outros acentos na parte relixiosa do acto, a misa grande -ou misote- como chamaban os antigos, foi celebrada por Xesús Mato, ese crego fundador de Fuxan os Ventos, animador de A Quenlla, e tan benquerido polas xentes da montaña do Cebreiro e do Courel. Fixo apousento en Merlán, cunha misa onde a palabra viva de Galiza e do Evanxeo impresionou aos oíntes. A palabra explícita da xenerosidade e da humildade abriu fenda entre o público existente ao acto. A voz de Mini e Mero acompañando á de Mato salientaron conciencia de que o noso idioma é acto e perfecto, sen dúbida, para honrar e conmemorar santoral.

Despois do acto relixioso veu o pregón festeiro, no que Mero e Mini reincidiron en dar ánimo aos parroquianos a volver e a estar na tradición dos antepasados. Entre o dicir e o cantar, recomendaron: Ao ser a do San Ciprián a festa máis celebrada/ Que perdurou máis que no tempo para celebrar as cabras./ Resistindo tradición, festa a aquel santo ligada/ Festas e feiras son boas, e antes calquera que nada./ Viva Merlán e a comarca, viva a festa e os amigos, vivan as cabras da Feira, as que acompañan o viño.

A feira tradicional das cabras por esta festa ten collido ímpeto e sobresalto polo dinamismo que lle deu a Asociación. A concorrencia dos chantadeses a esta festa-feira dinamiza asistencia e existencia, tamén resistencia. Personaxes tan nosos como o Ramón da Fixenia, con seu sombreiro peruano; o Xelo co seu gabán que nunca apea; a Remedios e o Remixio a bailar sen acougo. Este marabilloso impresionismo da alma ás festas de Merlán. Cante o merlo.