Paco del Riego e a Galiza inmorredoira - 01.12.2010
ECOS DA BERENGUELA - xornal

XOSÉ LOIS GARCÍA

Hai moitas maneiras de amar, defender e traballar por Galiza. Francisco Fernández del Riego escolleu, con xenerosa dignidade, unha tarefa que respondeu a un espazo temporal con moitos cambios político-sociais e actitudes persoais; con tantos esvaróns e variantes por parte daqueles que renunciaron a seus compromisos con Galiza, ou compromisarios que pasaron en tempos difíciles e tráxicos ao outro bando. Paco del Riego non buscou esa comodidade de estar a salvo pasándose ao inimigo ou silenciándose. O seu galeguismo, maduro e entusiasta, fornecido no ideario da Xeración Nós e sustentado nese traballo de descuberta tivo un itinerario fecundo, no que tocou traballar pola superación dunha Galiza irredenta.

Difícil facer un repaso desa vida case centenaria, multifacetaria e sempre útil, en defensiva, desde parámetros do galeguismo teórico, convertidos en práctica cotiá que fortaleceu no período republicano, de entre ditaduras, formando parte daquela xeración de intelectuais que achegaron moito ao restauro dunha Galiza que superase vellos traumas e complexos. Aí estivo Paco del Riego na vangarda que apelaba a dereitos e liberdades para que o pobo galego recuperase a súa autenticidade. A desfeita que produciu a Guerra Civil, naqueles intelectuais galeguistas, dos que fuxiron, dos que se refuxiaron nas catacumbas e outros auto silenciáronse ou pasáronse ao inimigo.

Nestes desasosegos, Paco del Riego foi vítima da tiranía franquista. Buscado, represaliado e truncado soubo sobrevivir a tan fatais circunstancias. Naquela desorde, non renunciou ao seu ideario de galeguista e optou por fomentar cultura, creando esa canle que lles quedaba para reivindicar lingua e cultura. Buscou refuxios e axudou a crear plataformas de resistencia como foi a Editorial Galaxia, que ocupou un espazo histórico e indispensábel para a normalización cultural, estando reprimido e vixiado pola ditadura.

Paco del Riego comprometeuse dunha maneira irrenunciábel, desde aquela moderación galeguista que practicou durante a II República. Un home puntual na reivindicación estatutaria de 1936. Lúcido na esperanza da festividade da palabra, da nosa fala e da república das ideas, endexamais ignoradas. Claro que Paco del Riego mobilizou esperanza, con aqueles artigos que publicou baixo o pseudónimo de Salvador Lorenzana. Aqueles libros de texto sobre filoloxía e historia de Galiza. Toda esa obra literaria de diversos perfís desde a revista Nós, pasando polo Seminario de Estudos Galegos até chegar a Real Academia Galega, hai unha suma ascensional que nos permite valorar os quilates literarios do mestre Del Riego.

No pasado verán visitei o meu vello amigo Xosé Antón Miguélez, párroco de Vilanova de Lourenzá, naquela camiñada nocturna que demos ao son do curuxar das curuxas, levoume á casa nativa de Fernández del Riego, onde unha placa sinala o lugar e a data do seu nacenza. Entramos nun bar, no mesmo inmóbel, e fixemos unha reflexión sobre as particularidades sabias e intelectuais do vello galeguista; do seu valor de loita silenciosa e de hábil sementador da palabra florecida en luz e lume. Cando volvemos para a reitoral, ollei un busto de Paco del Riego, preto do mosteiro de Lourenzá, e decateime de que el xa era profeta na súa propia terra, tan difícil selo na Galiza de hoxe.

A Francisco Fernández del Riego debémoslle grandes e innumerábeis achegas que enriquecen a nosa cultura e a nosa idiosincrasia. Como académico da Real Academia Galega, foi o creador da celebración anual do Día das Letras Galegas desde 1963 e o presidente desta institución nun período curto mais de profunda renovación. Condutor de tantos proxectos que fertilizan país e ennobrecen un home enteiro e xeneroso que nunca recuou de seu ideario.