Federica Montseny en Galiza - 29.03.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA
A Editorial Trifolium acaba de publicar unha edición en galego da líder anarquista Federica Montseny (1905-1994), titulado: Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935. A enardecida libertaria catalá veu a Galiza cando tiña trinta anos. Unha muller xa cultivada no contorno dunha familia de militancia anarquista como eran seus pais, Joan Montseny e Teresa Manyé (con pseudónimos clandestinos de Federico Urales e Soledad Gustavo, respectivamente). Un libro tan puntual como necesario, que aborda interesantes temas do anarquismo galego, como é ben sabido tiña fondas raíces nunha ampla militancia na cidade de Vigo desde o século XIX, con personalidades tan consagradas ao ideario e a militancia como foi o vigués Ricardo Mella Cea (1861-1925) un dos excelsos teóricos do anarquismo ibérico.

Galiza era unha das obsesións que tiña Federica por compartir camaradería e ampliar as bases en certos puntos de Galiza, nunha situación extrema, dado que en 1935 gobernaba a dereita de Larroux e de Gil Robles, no chamado Bienio Negro, e un ano despois serían os axentes seguros para provocar a guerra civil. Nesta situación, aparece en Galiza Federica Montseny, do 3 ao 16 de decembro de 1935. Unha apoteótica visita naqueles centros con tradición do movemento ácrata, como A Coruña e Ferrol, e outras aínda en fase de desenvolvemento. Catro anos de II República, con experiencias e contradicións en escena, había que crear un escenario diferente. Así, a sagaz intelectual, achégase aos camaradas de Galiza e, durante esa estadía, dános unha serie de claves moi precisas do movemento libertario e de seus dirixentes e simpatizantes.

Naquel vagón que a leva de Madrid á Coruña, comeza a estudar a tipoloxía daqueles dous galegos que a acompañan no departamento ferroviario. Un troleiro mentirán e un soldado que se apaixonaba en evocacións a Galiza cando se reencontra coas súas paisaxes. Os militantes anarquistas das cidades falaban galego e cantaban cancións populares galegas. O apego dos galegos á terra nativa produce emoción a Federica. Os contrastes, o subdesenvolvemento, a emigración, a situación da muller exercendo dobre labor que o home, o peso caciquil con seus diversos tentáculos de asoballo sobre o pobo galego, a incultura e a domesticación dos simples por parte do clero e das clases dominantes. Estes son os referentes que encontramos neste elocuente traballo, que ben podemos consideralo como unha crónica de viaxe ou un traballo de campo.

O diálogo, as diverxencias, as bondades e as anomalías que nos refire Federica Montseny, constatan o aspecto máis dinámico daquela Galiza proletaria, sometida e maltratada polos opresores, como nos manifesta no caso da súa visita á vila mariñeira de Cariño. Nestas súas visitas pola costa coruñesa incide constantemente no rol da muller galega e na súa desesperada situación. Federica é unha muller sen ataduras de ningún tipo, unha intelectual formada neses círculos feministas da Barcelona anarquista. No seu primeiro discurso en Galiza, pronunciado en Betanzos, manifesta: "Diríxome aos homes, falándolles das mulleres e doulles un bo pau. A ausencia de mulleres no local sérveme de tema e faime comprender un dos aspectos do problema galego. En Galicia, a muller, que traballa tanto como o home, está arredada á vida do fogar polas preocupacións ambientais e a actitude masculina. Arredor disto, comprendido axiña, fago unha serie de consideracións que xa non lembro".

Na súa andaina por Coruña, Betanzos, Ferrol, Cariño, Compostela, Carballo, Lugo e Ourense particulariza ambientes, comportamentos e mentalidades de impacto e de acción dos anarquistas galegos. Curioso que non visitase Vigo, quizais por considerar que a sementeira de Ricardo Mella xa tiña frutificado..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras