Emerxencias dos Gaite galegos - 03.05.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA
Non é fácil descubrir e recompor unha saga familiar como a dos Gaite galegos, os antergos da escritora Carmen Martín Gaite. No oficio da indagación e de codificar andainas e diversos parámetros en que se moveu esta familia, asentada en San Lourenzo de Piñor, no concello ourensán de Barbadás, o filólogo David González Couso non decepciona o lector ao ofrecerlle esa exhaustiva revelación rigorosa e intelectual de varios membros desta familia, no libro titulado: O fío da escrita (Toxosoutos, 2010), cun cUrto e acertado prólogo desoutro filólogo, Claudio Rodríguez Fer. E xa eses fíos, non fiaños, agrandan a descuberta cando González Couso nos adentra nun relevante perfil humano e intelectual dos Gaite, para desembocar en Carmen Martín Gaite. Comezando polo prócer desta saga con presenza en Ourense, Joaquín Gaite Núñez, natural da Coruña onde naceu en 1820 e finou en Ourense en 1880. Catedrático de Xeografía no Instituto de Segunda Enseñanza. Un persoeiro moi activo nos medios xornalísticos da cidade das Burgas e fundador do xornal El Orensano.

Joaquín Gaite Núñez foi un pedagogo moi valorado nos círculos de ensino e un persoeiro moi puntual e activo no xornalismo local. Un home moi vinculado ao ideario krausista, no que resalta o papel do libre ensino no que respecta ás correntes racionalistas. O gran valor desta descuberta é que David González Couso espreme todos os resortes dunha investigación moi seria e contrastada.

Continuando arreo do fío condutor que nos tende este mozo filólogo, a súa descuberta sorprende nese rigor de estilo que propicia levarnos alén dunha noticia novidosa que, por circunstancias varias, ten para o lector un destaque cando se decata que non se trata dunha biografía dos Gaite, mesmo dun estudo moi personalizado en varios activos do que impón o propio pesquisador.

Un fillo de Joaquín, Francisco Javier Gaite Lloves, nado en Ourense en 1861, abo de Carmen, sorprende a súa figura senlleira por ter ese portento intelectual na Escola de Artes e Oficios de Ourense, recoñecido pedagogo así como o seu irmán Antonio, profesor de ciencias e fundador do Ateneo de Ourense. González Couso, en seus catro capítulos mais que introdutorios, pormenorizados, de O fío da escritura, confirma as prioridades de entrar noutra fase de comprensión vital e necesaria como son os textos facsimilares, que representan a outra parte científica dos Gaite, que se abren cun opúsculo de Joaquín Gaite, titulado: Método contra el Cólera-Morbo Epidémico, publicado en Cuenca en 1854. De Antonio Gaite Núñez, irmán do anterior, temos unha interesante aportación sobre as explotacións dos montes comunais, titulada: Consideraciones en defensa de los montes públicos de Galicia. Publicado en 1885, con diversas reflexións: "Remedios hay para mejorar los montes, aún sin necesidad de apelar á otra legislación que la vigente, ni imponer á los pueblos grandes sacrificios o privaciones."

De Francisco Javier Gaite Lloves, encontramos o título: Elementos de Geografía Astronomía y Física, publicado en Ourense en 1894. Ademais da achega científica con que configura cada un dos apartados, está a parte didáctica e toda aquela metodoloxía da Institución de Libre Enseñanza, potenciada por Krause e Francisco Giner de los Ríos, que tivo en Galiza a este Gaite, promotor de ideas e inventivas.

Aínda suxeitos a ese fío que nos tende David González Couso chegamos a Carmen Martín Gaite, que aínda que naceu fóra de San Lou- renzo de Piñor, visitou e conviviu co microcosmos nativo de seus predecesores e levou non poucas sensacións da paisaxe ourensán ás súas novelas. Todo ese fascinio da autora por Galiza, está portentosamente emancipado nos innumerábeis estudos de revelación de González Couso..