Desobediencia civil, xa! - 24.05.2011
ECOS DA BERENGUELA -xornal 

XOSÉ LOIS GARCÍA
Ollei na praza de Cataluña a capacidade organizativa dos convocantes e a contundencia con que se personalizan os problemas sociais, nun estado de cousas atenazado polos que ostentan o poder. Miles de proclamas -algunhas en galego- vindas dunha xuventude pragmática fronte ao absolutismo que protexe unha economía hiperplanificada polo modelo neoliberal e que crea tanta desorde social, na que está sempre presente a cobiza capitalista. A dignidade e a autoestima dos mozos do Movemento 15-M, lévanme a unha reflexión sobre a proclama de Thoreao, sobre a desobediencia civil como forma de resolver infinitos problemas. Nesa verdadeira ágora democrática de base debátense os valores que teñen que emerxer dunha utopía solidaria.

Hai poucas semanas que lía no libro Politeia de Platón, o seguinte: "Alí onde só se tributa culto á opulencia e aos opulentos non pode florecer a virtude". Cando o fetichismo capitalista está por enriba de toda ética e virtude solidaria, o modelo de lucro absolutiza e fornece o ego acaparador baixo criterios estritamente económicos e a sociedade paria estará escravizada por ese hiperindividualismo capitalista. Polo tanto, neste sistema omnímodo dos ricos, non hai a mínima sensibilidade por aqueles que producen plusvalía que eles se apoderan dela pola forza do seu poder. O propio pai da economía capitalista, Adam Smith, di no seu libro A riqueza das nacións: "Unha sociedade na que a maior parte de seus membros son pobres e miserábeis non pode prosperar nin ser feliz".

Aceptando esta frase de Smith, no que toca a varios parámetros da pobreza das nacións, lévanos a reflexionar sobre o capitalismo desregulado que altera calquera orde e esnaquiza o equilibrio que tiña que predominar nunha sociedade comprensibelmente democrática. Cada vez máis, observamos como as riquezas se concentran nunha minoría de persoas, creando máis pobreza que predomina baixo unha xerarquía de acaparadores obscenos que truncan calquera valor ético que proceda dunha autorrealización ou dun modelo capaz de frear ese hermetismo subxectivista. Ante tal desorde, cal é a proposta inmediata? Coido que de momento é a palabra rotunda e sensibilizadora, como dicía Tomás Mann: "A palabra, incluso a mais antagónica, vincula profundamente, mentres que o mutismo afasta".

Na praza de Cataluña, chaman a atención aquelas consignas e meditacións que mencionan a plutocracia, o goberno dos ricos. O Imperio capitalista non é un invento burgués, xa Aristóteles confirmou nos seus escritos as maneiras clásicas da plutocracia que nada ten a ver co radio de acción depredador que ostenta hoxe. Aínda que o goberno dos ricos sexa un fracaso social, polo que concerne a esa periferia en que millóns de seres teñan que vivir na miseria mais solemnizada, a súa plutocracia segue creando máis desigualdade e pobreza nos países máis industrializados. Así que a plutocracia se abastece dos xermes do pauperismo, marxinación social, desem- prego e un longo etc. Isto significa que o Imperio da riqueza, incrustado nas democracias europeas, permite eludir toda clase de reivindicacións e pór oídos xordos á crítica dos desherdados. Mais a historia da loita de clases continúa mostrando que a clase capitalista, sen a mínima sensibilidade social, non poderá contar sempre co beneplácito das masas que ignoran o que se agocha nas democracias intervidas pola plutocracia.

O Movemento 15-M móstranos que temos que emanciparnos conscientemente, mais se este movemento vai da protesta á proposta, creará unha orde nova saída dunha vontade democrática e de base revolucionaria. Unha democracia que lles permite aos corruptos estar no poder e gobernar para quen máis influencia ten no poder económico estaremos consentindo unha ditadura solapada..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras