Álvaro Cunqueiro en terras de Chantada 25/03/2011
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Chantada ten esa pegada tan curiosa e sosegada na obra de Cunqueiro, que fulgura en diversas artes da súa disertación e da entrañábel visión dun contemplador de paisaxes e memorizador de historias acontecidas como é o caso da viaxe de Frei Martín Sarmiento ao mosteiro bieito de Chouzán, en 1754. Bocexa Cunqueiro as maxestosas ribeiras, magnificando as virtudes dos viños de San Fiz. A viaxe de Frei Martín polos atallos das terras de Chantada procurando atavío e folganza espiritual nos beirais do Miño.

Os viñedos de San fiz na epopea silenciada que agardan restauro en calquera manual precisando puntualidade nas esixencias de non vulnerar historias do boa gabanza dos viños chantadinos. Cunqueiro adéntrase ao epicentro dos viños de San Fiz e non ás súas proximidades, e convértese en espontáneo cronista no que dixiren as súas retinas ante tanto conmoción telúrica e presentimento cara quen modulau esa paisaxe sempre en movemento. Cunqueiro, en explícita contextualidade ribeirá, escribiu: “Aquí comenzaba el Miño vinícola, y vienen despues los ribeiros chantadinos, los famosos de Asma y de San Fiz, las viñas que cuelgan en las planas laderas de Belesar. Viñas benedictinas las más, cuyos finos caldos –alguno un rubí disuelto en el vaso-, iban a esbeltos jarros, según el refrán, a la boca esquisita de las muy ilustres abadesas de Chouzán, y por el camino de los peregrinos a Compostela también”. Viños os de Chantada –no dicir de Cunqueiro-: “amigables, un poco cortos, pero muy atemperados y parsimoniosos”. En definitiva, viños para temperar ritual dionisíaco, para concentrar a eses seres misteriosos que ondulan a escrita cunqueiriana e reencarnarse nesa estirpe de multitudes de viñateiros que fixeron posíbel gracioso viño de impagábeis arrecendos.

Álvaro Cunqueiro, da baixa ribeira concorre ao alto Faro e sosega súas olladas no descender de ríos, regatos e regadas, que deixan oír súas harmonías, como pregos da terra, sorprendendo ao contemplador contemplado. Na cimeira do monte Faro, nos arredores da ermida de Santa María, Cunqueiro sente as zoadas dun vento denso e multiplicado de dons, para converterse en leal peregrino para señorear tradición no respiro do alto cume. Sosego e presaxio da verba enxoita de Xohán de Requeixo, rescatando mensaxes de romaría, de namorados e recadeiros. Cunqueiro espreitou ese son de vento sublevando pasado para ser presente e futuro, naquel verao de 1952 en que subiu ao Faro chantadino. Así os aconteceres, Cunqueiro impregnouse dos sabores do cancioneiro do trobador requeixao. O cronista propiciou comentarios sobre esa estadía coa sorpresa do vento do Faro: “Y al magín me viene esta canción de Juan de Requeixo, porque estoy en el chantadino Faro de Santa María, donde él fue romero.” Ese encontro entre trobadores, foi o vento nordés o interlocutor de temperar esa alianza entre a verba do pasado e a do presente.

As sonoridades melodiosas do vento do Faro e da auga do Miño, en seu balbordo de benquerenzas, apreixan a terra de Chantada na palabra senlleira de Cunqueiro. E Xohán de Requeixo facéndolle de guía ao escritor de Mondoñedo, para que modulase terra montesía e de ribeira. Cunqueiro, tripando camiño para non desandar, entra nas entretelas do fulgor festivo de Xohán trobador e nese contaxio réndelle tributo, cando un fato minoritario de chantadinos dedicáronlle unha pequena rúa ao requeixao, na capital do concello. A presenza de Álvaro Cunqueiro magnificou persoeiro, terra e abrentes de descuberta desa tenra luz aureal. Naquel encontro, a voz resoou e Xohán de Requeixo iluminou palabra de reconquista. Un evento de restitución do nome e das témporas do século XIII en Chantada. Cunqueiro, despois de falar, degustou cocido e viño de San Fiz. Xa hospedado na desaparecida Fonda Mazaira, ubicada na Pracela de Santa Ana, colle caneta e papel e escribe o famoso soneto a Xohán de Requeixo. Unha desas pezas reverentes que aliñan tributo e intemporalidade do trobeiro do Faro, na sublimidade deste verso de destaque e tributo para que a nosa lingua teña continuidade: “mil anos para un verso son unha mocedá”.

As ventaladas do Faro impregnaron a Álvaro Cunqueiro de significadas concorrencias co mestre Xohán. Festexar a palabra irredenta e non vencida no cumial do Faro, desde onde se divisan tódalas xeografías de Galiza e estimúlanse temperanzas para continuar ergueitos. Cunqueiro teimou e apresurou a seu amigo, o escultor Eduardo Rodríguez Ossorio, do fondal de Requeixo, a que esculpise e configurase en pedra a Xohán de Requeixo, esgrimindo seu verbo como borrea iluminando os aléns do Faro. Mil primaveras teña de lembranza o maxistral Álvaro Cunqueiro, neste primeiro centenario da súa nacenza.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras