O galo do meu campanario - 20/04/2011
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Nunca cheguei a perfeccionar, nos meus debuxos da pizarra escolar, cando intentaba reproducir o cume do campanario de Merlán, a ese galo de ferro ou latón, tan misterioso como enigmático. Era unha teima infantil nese apelo insistente en destacar ese frontal neoclásico da espadana de campanario. Con dúas campás en destaque timbradoiro. A mais grande é un deseño moderno datado en 1920, da fundición Blanco de Monforte, que en realidade esa fundición non estaba na capital do Val de Lemos, senón en Canaval (Sober). A mais pequena está datada en 1820, de contundente sonoridade, melodiosa e que ben podía substituír a esa campá que dá sinais fúnebres na sinfonía de Hector Berlioz.

Sempre pensei que ese galo da igrexa de Merlán era xiratorio, para captar a procedencia do vento, tantos anos de observación decateime de que non facía a función propia dun cataventos. É un galo ríxido e orientado cara a maxestade do monte do Faro, por onde o sol esconde raiolas e esplendor, anunciando noite engulidora. O galo observa o que predí, entre lusco e fusco, da noite tenebrosa.

A soidade da noite tempera a orientación do galo e de seu canto de oficio como anunciador do día. Un símbolo místico de contrastes teolóxicos e de metafísicas exotéricas. Empiricamente quero ver o galo da sabedoría con chamada enfática aos perversos que están nas tebras do profundo nordés.

O galo de Merlán coa súa creste erguida e vermella, súa gorxa enchida como fol, remitindo cántico de chamada, súa pata animando fermoso movemento e procurando aos resabidos e condenados pola Igrexa. Ese ático galo anuncia albores de luz solar que fructifica vida en vertical e horizontal. O canto do galo, tan concreto como súbito, proclamas dá como se quixera sacar do foxo infernal a pecadores e restituírlles lucenzas de vida.

O galo da igrexa de Merlán, inmóbil e ferruxento, é ese símbolo oculto que se autoproclama como guía de pecadores. O noso galo filosófico, personaliza ao galo da negación de San Pedro, batendo nas conciencias extraviadas. Mais o noso galo non só é o do apóstolo das chaves de ouro e prata; tampouco é o da configuración do galo branco e galador da igrexa de Santo Domingo de la Calzada; nin o galo de Barcelos que despois de ser asado refixo seu canto florido e non agónico, aínda para facernos mais torpes ante eséxetas e intérpretes de labirínticas hermenéuticas. Ben austero é o galo de Merlán, ante os tres galos de Cacedo (Sober), significando composturas e fundamentos empíricos que só os galos expresan.

O noso galo de Merlán, aínda canta na intimidade do noso tímpano, con tolerancias harmoniosas, tan dispares como breves. Teño boas querencias con ese galo no cumial da espadana. De neno quería debuxalo e de adulto quero interrogalo, mais como é un galo futurista non se deixa.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras