No ano de Celso Emilio, Casado Nieto e Paz Andrade - 03/01/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
O presente ano vai a ilustrarnos coa lembranza centenaria de dous poetas de tantas benquerenzas líricas, Celso Emilio Ferreiro (1912-1979) e Manuel Casado Nieto (1912-1983), co engadido da celebración do Día das Letras Galegas que se dedica a Valentín Paz Andrade (1898-1987). Os tres incidiron puntualmente en compromisos coa terra nativa: naturalizándoa e personalizándoa de diversa maneira, pero sempre cunha precisión entrañábel, co bo matiz que precisamos entender a patria común, desde eses adentros que, cada vez mais, néganse desde a irresponsabilidade institucional.

Os tres poetas eran persoas moi próximas a toda actividade na que Galiza tivese respiro e repercusión. Os tres traballaron desde esa vocación de engrandecer a súa Terra, desde a moderación e desde o radicalismo, segundo foron entendendo as nosas problemáticas. Mais é innegábel que recusaran dos problemas, procuraron dicir cousas puntuais para reconstruír nación. Servidor coñeceu aos tres e os entrevistou na década dos setenta para o semanario catalán, “Canigó”, e os tres non repararon en críticas contra o sistema de devastación que se contemplaba en Galiza.

Aquén mais coñecín foi a Casado Nieto, un gran falador e comunicador, presidente do Centro Galego que a el debe a grande e novidosa biblioteca. Non regateou certeiras críticas ao sistema ditatorial. Lembrarei sempre aquela chamada na que me convocaba para lerme unha carta que enviara ao Nuncio do Vaticano en Madrid, na que lle suxería –como cristián- a non conveniencia para Galiza, cubrir a vacante arcebispal de Compostela na persoa do bispo, José Guerra Campos, despois da morte de Quiroga Palacios, por tratarse dunha persoa mais afecta ao franquismo que ao Evanxeo.

De Casado sempre percibín un fondo amor que testemuñaba a Galiza. Grande amigo dos membros ourensáns da Xeración Nós. Compadre de Risco e gran atendedor de Pedrayo que consideraba seu mestre, con quen contraeu fonda irmandade en defensa da galeguidade. No poema: “A miña Terra”, prioriza ese sentimento tan particular que sentía por Galiza: “Douche as gracias, ouh Deus, por facéresme galego,/ por dáresme unha Terra antiga, sabia, probe, soñeira, bretemiza,/ por agromáresme entre pedras mofentas pola choiva dos séculos,/ entre homes que viven asemade no tempo e na eternidade”.

Celso Emilio Ferreiro é o poeta dos dons patrióticos e dos sentimentos combativos. O íntegro poeta dos compromisos inaprazábeis; tan puntual como certo nas batallas que a comunidade civil demandaba en seus silencios. Celso foi o impostor maior contra aquela farsa tenebrosa coa que se abandeirou o franquismo. Aí está a súa poesía: coitela de dous gumes que foi abrindo conciencia popular en tantas singraduras: “Nós queríamos libremente/ comer o pan de cada día. Libremente/ mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,/ libremente falando, cantando nas orelas/ dos ríos que camiñan pra o mar libre./ Libremente, libremente,/ nós queríamos somente/ ser libremente homes, ser estrelas,/ ser faísca da grande fogueira do mundo,/ ser formigas, paxaros, miniños,/ nesta arca de Noé na que vogamos”.

A chamada de Celso Emilio para defender a palabra: verbo da contundencia identitaria, continúa vixente a súa defensa contra depredadores que non vacilan en asignar a súa defunción con decretos e consignas envelenadas. Celso esclareceu a defensa da palabra auténtica e popular dunha Galiza inmorredoira, nestes seus particulares sons: “Língoa proletaria do meu pobo,/ eu fáloa porque sí, porque me gosta,/ porque me peta e quero e dame a gana;/ porque me sai de dentro, alá do fondo/ dunha tristura aceda que me abrangue/ ao ver tantos patufos desleigados,/ pequenos mequetrefes sin raíces/ que ao pór a garabata xa non saben/ afirmarse no amor dos devanceiros,/ falar a fala nai,/ a fala dos abós que temos mortos,/ e ser, co rostro erguido,/ mariñeiros, labregos da linguaxe,/ remo i arado, proa e rella sempre”. Velaquí o grande monumento da conciencia e do combate que Celso proclamou como legado de facer patria liberada.

Van ser moitos os motivos para recrearnos, durante o presente ano, na obra de Valentín Paz Andrade e dela superar a ide mínima que temos deste vello galeguista. Porque este pontevedrés de Lérez, soubo aconchegar todas esas minucias de amor a Galiza, que tantas veces non percibimos e nelas non exitamos emerxer dese minifundismo corrosivo. En Galiza precisamos de moitos Paz Andrade, con ideas e ideoloxía de celme galego. El foi o empresario de referencias autóctonas, que creou desenvolvemento. El medrou ao lado de Castelao nese redentorismo patriótico de fogueira acesa. Poeta, escritor e político. Autor do poemario: “Pranto Matricial”, en memoria de Castelao, que simplifica todo ese ardor carismático que Paz Andrade foinos deixando con súa presenza. O noso poeta tivo esa esperanza temperada en tempos de represión, persecución e cobiza, para sinalarnos o fulgor dunha Galiza resucitada, despois do anunciado: “Non escoitedes voz na que se esquezan/ as raíces do barro que nos dou/ feitío de criaturas,/ amor para repartir cos semellantes/ quentor do noso sangue.// Non escoitedes ecos e retorno/ dos paredóns da morte./ A vida virá sempre a sulcos novos/ pra se facer fecunda/ no grao de cada espiga”.

Tres poetas para celebrar, conmemorar, esgrimir e perpetuar.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras