Beiras, no permanente recurso nacionalista - 24/01/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
Corría o ano de 1973 e aquel grupo de rapaces novos, emigrantes en Barcelona, uns exercendo de obreiros e outros de estudantes, mais todos eles participantes da Irmandade Democrática Galega (IDGA), unha instancia clandestina obsesionada por esclarecer a problemática emigratoria e a sangría que estaba padecendo Galiza en tantas e depredadas situacións. Todos ao redor dun libro: “Sempre en Galiza” de Castelao. Un documento esclarecedor sobre aquela Galiza que intentou saír de tantas depresións que fomentaron incontábeis secuestros da nosa realidade. Ler e discutir cada un dos capítulos do “Sempre en Galiza”, incrementou ese crecemento ideolóxico nacionalista e, tamén, posturas encontradas sobre certas carencias ou matices económicos que respondían á falta de infraestruturas, segundo Castelao.

Nese ano de 1973, cando estábamos discutindo estes temas, vinte e nove anos despois da publicación do “Sempre en Galiza”, a Editorial Galaxia, publicaba en febreiro dese ano o libro da autoría de Xosé Manuel Beiras, titulado: “O atraso económico de Galicia”. O temario resultou un boom esclarecedor que deu un xiro de cento oitenta grados, con respecto aos conceptos que se esgrimían encol da economía galega. Este libro incitou aos insurxentes de IDGA, en plena clandestinidade, a realizar unha lectura, en diferentes fases, que nos levaba a debates moi serios e determinantes. Foi neste compendio onde comprendemos certas claves do declive económico histórico de Galiza. E aínda que a colonización tiña para nós outros compoñentes, exentos da realidade económica, o libro de Beiras foi concluínte para entender esa perpetua dependencia de Galiza a poderes opresivos. Lembro as pertinentes reiteracións que facíamos nos debates sobre todo nos seguintes capítulos: “A faciana galega do colonialismo interior: Actuación da sociedade industrial sobor do seitor precapitalista” e, tamén, “A faciana española do colonialismo interior: Dependencia da sociedade industrial galega”.

Foi nese ano en que coñecín a Xosé Manuel Beiras en Xenebra, os dous coincidimos naquel Coloquio sobre historia, economía e cultura, organizado polo Centro Galego “A Nosa Galiza”. O 21 de abril falou Beiras de moitas problemáticas e de moitas disidencias operantes en Galiza que fomentaban ese atraso secular. Despois pasou por Barcelona, tantas veces, e os galegos fomos comprendendo que o “Sempre en Galiza” e “O atraso económico de Galicia”, son dous compendios que discirnen moi ben a incapacidade política e económica da nosa nación, abrindo camiños e corrixindo erros, fomentando esperanzados abrentes.

Se nos adentramos en toda esa dinámica literaria de múltiples artigos políticos e intervencións que se procesan no libro: “Prosas de combate e maldicer” (1991), decatámonos da dimensión intelectual dun animal político aristotélico como se amosa na incidencia pragmática de Beiras. Ese enorme caudal de ideas fáisenos necesario para fomentar un talante asembleario e participativo para que o BNG non fique anquilosado en disxuntivas e indiferenzas.

No nacionalismo galego xa pasou o tempo de construír pirámides e, dentro delas, nomenclaturas ríxidas onde a burocracia non permita acelerar debates que son imprescindíbeis. Mais non un debate pechado onde as elites determinen conceptos que causen división e afastamento a un proxecto no que deben participar as bases. Parece que hai certo interese por esquecer aspectos históricos nos que Beiras foi adaíl preclaro, polas súas contundencias esclarecedoras.

Se nos detemos nas cifras e nos porcentaxes de catro lexislativas nas que participou como deputado e candidato a presidir a Xunta de Galicia, Xosé Manuel Beiras Torrado levou ao BNG a un apousento ascensional que ten referencias moi puntuais na política galega. Nas eleccións autonómicas de 1989, o BNG consegue con Beiras grupo parlamentario, co 8% de votos e 5 deputados. Nas de 1993 consegue o 18,5% e 13 deputados. Nas de 1997, Beiras encandea ao BNG a traducirse na segunda forza parlamentaria de Galiza co 24,8% e 18 escanos. Nas eleccións de 2001 consegue o 22,6% e 17 deputados, un menos que nas de 1997.

Pouco sabemos –mais intuímos- que o recambio de Beiras por Anxo Quintana, un secundario na política do BNG, non así como alcalde de Allariz, levou ao BNG nas elección de 2005 a un descenso de 4 deputados, con respecto aos que tiña Beiras. Mais como o BNG entraba do goberno bipartito co PSdeG, evitouse por tódolos medios facer autocrítica dos resultados, tapándoos en clave triunfalista. O mais grave de todo isto foi a de intentar apagar a combustión inxectada por Beiras a seus militantes. O mais cru daquelas determinacións escurantistas foi a de intentar desvalorizar os quilates dun político pragmático como Beiras, desde unha perspectiva monolítica e dun infantilismo pequenoburgués.

Confinado nese sentimento de permanencia, Beiras non claudicou e seguiu ofrecendo camiños a unha nova xeracións que xa non é como a nosa, que entende a unha Galiza doutra maneira, mais pragmática e mais compartida nas decisións comunais. Isto suscitou o Encontro Irmandiño. Beiras entende e percibe o que connotan esas mozas e mozos irmandiños en producir cambios cualitativos que non dependan de políticas estáticas do pasado. O nacionalismo galego pasa, incondicionalmente, por ser participativo e non eludir os debates individuais e colectivos nin aprazar perspectivas. Neste amplo espazo de continxencias, Xosé Manuel Beiras continúa sendo un respiro dese pulmón colectivo nacionalista que inspira confianza e non asfixia. Prescindir de Beiras sería anquilosar a base dun cambio xeracional que se percibe nos ambientes do nacionalismo de esquerdas en Galiza.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras