Críticas a un suposto dilema intelectual* (III) - 28/02/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

A toma do poder por parte da clase traballadora na conformación revolucionaria de Rusia, en 1917, móstranos como a acción dos intelectuais estaba perfectamente en sintonía coa acción de masas. Houbo, naquela ocasión, unha relación directa e non unha independencia que protexese a ausencia de calquera tentativa de monopolizar a acción dos intelectuais. Mais estes viron que os acontecementos lles eran favorábeis e blindáronse co poder dos soviets. O gran dilema dos intelectuais rusos comeza despois de consolidarse a revolución, a absterse de críticas puntuais co fin de corrixir defectos revolucionarios que os líderes comunistas presentaban como verdades intanxíbeis e intocábeis.

A crítica como correctivo revolucionario non existiu por parte dos intelectuais. Durante o proceso revolucionario, o intelectual non se permitiu describir nin subliñar certos deslices que, a partir da toma do poder, foron froito desa esmagadora ortodoxia que se manifestou imperativa durante o período post-revolucionario. Onde vemos aos intelectuais afectos ás novas estruturas do poder e altamente colocados como gardiáns desas nomenclaturas. Este comportamento os levou a unha fatalidade histórica, ao pórse ao marxe dos verdadeiros revolucionarios que defendía posturas populares, tantas veces críticas a ese poder omnímodo. Esa crítica puntual por parte dos intelectuais puido evitar moitos crimes stalinistas.

Cando resucitaron esa crítica amagada, xa ultrapasada, contra a ortodoxia na época de Kruchef e Brejnef, colocáronse no outro extremo da belixerancia daquel poder, con críticas e esquemas preparados pola CIA e polo Pentágono norteamericano. Por iso, cando o intelectual da Unión Soviética criticou ao poder, neses últimos decenios de súa existencia, o fixo cos mesmos presupostos e a mesma retórica que o facía o intelectual de Occidente contra o poder comunista, reivindicando liberdade e Dereitos Humanos que para Occidente non deixaban de ser unha farsa; unha grande mentira que se testemuñaba coa imposición de ditaduras militares, con a finalidade de saquear o Terceiro Mundo e orquestrando guerras económicas e de simple pillaxe.

Nesta grande mentira estaban moitos intelectuais motivados pola falta de garantías e liberdades para poder pensar e manifestarse libremente. Pero a grande maioría dos intelectuais soviéticos enmudeceron, ante a ríxida disciplina que o poder soviético lles impuxo, en nome das liberdades e das conquistas proletarias, negando o aceso a unha consciencia crítica que puxera en evidencia a eses esquemas. E nestas aventuras en que se embarcou o intelectual soviético, pagou moi caro os seus erros ao aliarse co poder e, sobre todo, blindarse dentro del, desprezando as críticas responsábeis do propio pobo.

Se verificamos a outra face da moeda, na Alemaña nazi, vemos como a maioría dos intelectuais alemáns foron combativos contra o totalitarismo nazi, impoñendo un honroso e clarificador combate desigual. Pero era o combate das ideas insubornábeis. Estes intelectuais buscaron no exilio un espazo de suxerencias combativas, como é o caso de Bertol Brecht, Thomas Mann e tantos outros que exhibiron a súa protesta e conformaron unha fronte dinámica contra o xenocidio de Hitler.

O mesmo aconteceu na España franquista, onde centenas de intelectuais exiliáronse a consecuencia da Guerra Civil de 1936-39, creando toda unha serie de aparellos críticos que dinamizaron tódalas atentatorias contra o réxime do criminoso xeneral Franco. A intelectualidade española no exilio, mantivo esa coraxe e esa autodeterminación de manter viva unha loita que se foi plasmando nesas infraestruturas que dinamizaron os intelectuais críticos, no interior, contra a ditadura fascista.

Mais hoxe os intelectuais, presos ás pautas do pasado mais recente, aínda están nese mesmo grado de idealización da liberdade e da democracia que, curiosamente, os antidemócratas a torceron e posesionáronse dela. Os mesmos que crearon unha falsa ilusión coa democracia, no seo das clases sociais mais desfavorecidas, onde tantos “intelectuais” foron os causantes de tanta desinformación, propiciando que en democracia todo estaba solucionado, montando outro tipo de ditadura solapada. Nesa grande mentira estivo e está ese mal chamado intelectual, cuxos intereses propios son os que emanan da clase dirixente.

É paradoxal que tanto a liberdade como a democracia non son concedidas, son conquistadas con métodos insubornábeis da maioría da sociedade que sufre o imperativo dunha clase social poderosa, en cuxos mecanismos está un ente intelectual oculto nesa dirixencia.

Por iso, resulta inxenuo reivindicar unha acción progresista de un intelectual marcado por valores nitidamente burgueses, ou colaboracionistas cos poderes fáticos. Se algunha vez pensamos que o intelectual actual –como aconteceu con outra xeración de intelectuais anteriores, consciente e revolucionaria- é capaz de liquidar tiranías, aínda das que están incrustadas na democracia, e fomentar outros valores ben diferentes aos que se practican, esa mudanza de identidade e postulado de clase podía, minimamente, ser críbel. Lamentablemente, por agora, isto non vai suceder polo encadramento intelectual, asentado e clasificado polo poder capitalista que é o que mantén o seu peculiar elitismo.

*Ponencia de Xosé Lois García, pronunciada o 22 de marzo de 1996, na Assembleia Nacional Popular de Cabo Verde, no Colóquio Internacional: “Que Estados, que Nações em Construção nos Cinco”.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras