Charles Dickens e a próxima folga xeral - 20/03/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
Xa metidos no bicentenario do natalicio de Charles Dickens (1812-1870), apetece realizar unha incursión na escrita deste grande literato inglés, que pola súa búsqueda humanista priorizou un destaque importante no que concirne á xustiza social e sobre todo ao conflicto de loita de clases na época da raíña Victoria de Inglaterra; a situación do proletariado téxtil, encadrado na mais vil explotación. Se reparamos no seu ensaio novelado: “Hard Times” (Tempos difíciles), sobre todo nos capítulos titulados: “Obreiros e irmáns” e “Obreiros e patróns”, e se observamos os persoeiros principais destes dous capítulos, chámanos a atención o sinistro Josiah Bounderby, xactancioso capitalista e dono dunha fábrica téxtil, corroborado explotador de obreiros e con influencia na política victoriana de Londres da que gozaba de privilexios. Stephen Blackpool, un operario tecelán concienciado pero silencioso e Slackbirdge, un axitador sindicalista radical e do entorno asembleario, cuxo discurso é o seguinte: “Meus amigos, maltratados obreiros de Coketown! Amigos e compatriotas, escravos dun agotador despotismo que se ben exercendo con mao de ferro! Amigos, compañeiros no sufrimento e no traballo, meus semellantes! Dígovos que chegou a hora de unirnos como un poder único e de reducir a po aos opresores que durante demasiado tempo fóronse enriquecendo saqueando as nosas familias, aproveitándose do suor das nosas frontes, do traballo de nosas maos, dos gloriosos dereitos da humanidade e dos sagrados e inmortais privilexios da fraternidade!”

Prosigue o dirixente sindicalista Slackbirdge en súa chamada á folga xeral: “Amigos e irmáns, homes deste país, asalariados de Coketown, que diremos do home (do traballador, porque non me queda mais remedio que profanar ese apelativo glorioso) que, pese a estar ben informado de vosos quebrantos e das maldades que soportades, vós que sodes o sangue e o nervio que sostén ao país, despois de ter escoitado, con nobreza e humanidade, faredes tremer aos tiranos, decidindo aportar fondos na caixa de resistencia do sindicato de traballadores, e de ter a ben mantervos en decisións tomadas colectivamente por este organismo en beneficio común, arranxando medidas defensivas fronte á opresión”.

Fronte a este discurso de Slackbirdge, está a prepotencia do capitalista Bounderby, que chama a contas a seu silencioso tecelán, Stephen Blackpool, para que dea nomes e comportamentos dos obreiros sindicados para intensificar a represión e desmantelar a chamada de folga. Stephen, é o prototipo deses obreiros que non se manifestan ou que non opinan nin apoian discursos radicais, mais nel hai unha conciencia clara de home explotado e de certeza belixerante; de ser un obreiro que non delata aos sindicalistas, nin se humilla ante o vocerío e as expresións do capitalista e do delegado do goberno de Londres no momento de indagar sobre os líderes sindicais que chaman á folga. Mais Stephen Blackpool ten moi clara a súa conciencia de loita de clases e a súa invulnerábel capacidade de saber en que bando está. Sendo obrigado a que dea nomes, o seu discurso ante os dous opresores é ben simétrico coa situación de millóns de traballadores en circunstancias infrahumanas de explotación laboral. Así lles responde Stephen: “Sobra con ollar a esta cidade, e a riqueza que ten, e ollar a cantidade de persoas que se aglomeran nela, para tecer, para cardar, para gañar a vida, todos mais ou menos do mesmo xeito, desde o berce ao cemiterio. Miren como vivimos, e onde vivimos, cántos somos, e cales son as nosas posibilidades e como é a nosa vida, sempre a mesma. Ollen como as fábricas traballan sempre e como non nos aproximan a un certeiro futuro, excepcionalmente á morte. Miren ben como é o trato que recibimos, o que escriben de nós, o que falan de nós, e vostedes van con súas comisións ás secretarías de Estado para tratar sobre nós, e como sempre están vostedes no certo, e nós sempre equivocados, e como nunca tivemos razón, desde que nacemos”.

Naquel grande salón do capitalista, cargado de iconografía luxosa vinda do traballo dos obreiros, Stephen Blackpool tivo un discurso coraxoso e lineal co do radical sindicalista Slackbridge, cun posicionamento lacónico que só pode xurdir dun home que pensa e madurece ao pé dunha máquina de tear e que sabe o momento e o matiz de espetarllo aos explotadores que tiña diante de si: “Xa non é útil a mao de ferro. Xa non vale a victoria nen o triunfo. Nin tampouco servirá de nada arranxar as cousas para que os dunha banda teñan sempre a razón e os da outra sempre estean errados. Si un deixa que milleiros de persoas teñan a mesma vida, pechados en problemas, serán como un só home, e vostede será outro, con un abismo negro e infranqueábel entre os dous, durante moito ou pouco tempo como semellante sufrimento non chegue a durar”. (...) “E sobre todo non servirá de nada valoralos só pola forza que teñen, tratalos como máquinas ou como a números que se suman, como si non tivesen afectos ou simpatías, nin lembranzas nin preferencias, nin nunha alma que sufre e agarda, tratalos, cando todo vai ben, como si non tivesen nada dentro, e cando as cousas van mal dicindo que carecen de sentimento humano en súas relacións con vostedes”.

O discurso que Charles Dickens lle quixo dar a este seu persoeiro, Stephen, ten unha lectura moi concreta e moi firme neste presente confuso, onde millóns de persoas sofren a explotación mais tremenda dos desgobernos da dereita; desa confabulación de ministrábeis, capitalistas, banqueiros e un longo etc. Un libro: “Tempos difíciles”, dous capítulos e tres persoeiros, son a base e a complicidade para entender as claves de millóns de explotados, chamados “mileuristas”, que polarizan este mundo oprimido e conxestionado por un continuo asoballo encuberto de democracia; consolidado por corruptos que conforman a nomenclatura das perversidades e das intolerancias mais agresivas que sofren tódolos asalariados. Por iso compre romper as cadeas que o goberno posfranquista do PP está a pór no Estado español. Na folga xeral convocada para o próximo día 29, non só temos que concorrer para protestar contra a reforma laboral tan agresiva que este goberno sustenta para incrementar mais paro e salarios infrahumanos. É prioridade oporse aos recortes en materia sanitaria, de ensino e de tantos bens públicos que a clase traballadora conquistou e que agora queren privatizar e monopolizar. Hai que frear esta intolerábel vergoña, esta desfeita dos que queren marcar couto e feudo. No que todo vale para aniquilar aos verdadeiros protagonistas que erguen presente e futuro que é a clase traballadora. Por iso, o 29 de marzo ten que ser un día histórico de folga xeral no que toca a parar paralizar todo o pais laboralmente, para advertir a Rajoy e aos que se acubillan en súas pretensións de impor leis que enriquecen a uns e empobrecen aos que xa están na miseria. Dickens agradecería ese nobre xesto de non deixar profanar os dereitos conquistados.