O recollepelotas - 08/05/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
Coido que a ocupación dun recollepelotas non figura na nómina dos oficios clásicos nin da mellor remuneración, cun horario moi flexíbel e especial de noventa minutos, o que dura un partido de fútbol. Hai un vídeo emotivo dun partido no Camp Barça, onde un recollepelotas achégase a Victor, xogador do Barcelona, pedíndolle un autógrafo, que o xogador aragonés lle nega con aire triunfalista a un adolescente recollepelotas que ve a súa petición frustrada. Mais ese recollepelotas salta á palestra o  16 de decembro de 1990, naquel partido entre o Barça e o Cádiz, só con dezanove anos, o recollepelotas xoga en primeira división, sendo adestrador Johan Cruyff. Aquel recollepelotas é Josep Guardiola, o que foi crecendo e formalizando un xogo moi orixinal, que co número 4 exerceu de mediocampista e foise convertendo no director de batuta do famoso Drean Tean. Un xogador persuasivo e con ideas, capaz de crear un novo estilo que patentou naqueles pases nada rudimentarios, que deron portento a esa beleza de ritmos coordinados que modelaron un renacemento do fútbol, onde Guardiola cultivou esa grandeza.

Pep soubo concretar eses condutos de xogo admirábel posicionado nun espazo transcendental para que toda a equipa xirara ao son do que el ía realizando. Aquela maneira de camiñar, de correr e de avanzar nesas secuencias nada estereotipadas, remitíanos a un  candor e a unha beleza de ollar outro tipo de xogo; outras equivalencias entre os puntos equidistantes, conformando un perímetro de xogo moi resolutivo. A beleza que debe ter o fútbol producida por un xogador, non se deu noutros espazos con esa  acción que proclamou o Drean Tean, mais a familia culé soubo percibir ese novo encanto, nesa totalidade expresiva de pases e regates que inconfundibelmente, Guardiola foi mentor. Velaí a enorme creatividade dun novo ritmo de modificar costumes que tiñan que cambiar e, sobre todo, por parte dos que están no céspede que teñen o deber de testemuñar orixinalidade. Guardiola foi o encanto dos que priorizaban cambios nas fórmulas de xogo. No Camp Nou sempre houbo esa tendencia a esixir dos xogadores matices de xogo diferente a outras equipas. Pep Guardiola tivo esa complicidade e serenidade de realizar o seu propio xogo e impor autoridade sobre si mesmo e encantar a todos.

Mais esas vivencias tan íntimas que Pep tivo no Barça, desde os seus primeiros anos de recollepelotas, connotou coa disciplina e coa cultura do Barça, que sempre levou por monteira o de ser mais que un club. Esta palabra que pode soar a excesiva, non a é para os que coñecemos moi ben a un club maltratado e fichado polo réxime franquista. Non perdamos de vista o macabro asasinato do presidente do Barça, Josep Sunyol i Garriga, o oito e agosto de 1936 en Guadarama polas tropas fascistas. O exceso de rancores e de marxinalidades durante a ditadura foron creando unha blindaxe sobre as esencias catalanistas. Sobre as prioridades que tiña o país. E nesas convulsións tan manifestas, creouse unha cultura, un orgullo e unha dignidade de non renunciar á orixinalidade catalana, a esa expresión conmovedora manifestada polo poeta Àngel Guimerà, cando escribiu: “Som i serem gent catalana/ tant si es vol com si no es vol.” Desta persuasión e realidade debemos tomar nota que o Barça é mais que un simple club, representa a unha nación asoballada, isto está no pensamento e no instinto dos cataláns e dos que comprobamos secuencias históricas de Cataluña. Pep Guardiola, no seu discurso ao recibir a Medalla d’Honor del Parlament de Catalunya, o 7 de setembro de 2011, lembrou que a súa familia materna fora vítima das persecucións franquistas, e reafirmou que estimaba a Cataluña e constatou: “Som un pais imparable”.

Esta é a cultura da masia da que se impregnan seus xogadores e toda a familia blaugrana. Pep Guardiola ese bo “seny” (sentido) de facer as cousas con tenacidade por un club para darlle respiros e grandezas a Cataluña. Velaquí ao recollepelotas, ao creador de modelos de fútbol e ao adestrador que puxo firme ao Camp Nou en tódalas grandezas que lle aportou durante estes catro anos, abandeirando títulos que nunca na historia do club se tiñan dado.

Mais o comportamento humanista de Guardiola ponderou un novo comportamento de facer deporte, de transcender nun estilo de convivencia moi por enriba de tantos kamikaces que habitan nas diversas esferas do fútbol. Dos que corrompen este deporte con agresións verbais e que ocupan as gacetas diarias da mentira e da grosería. Nestas batallas nunca estivo Pep, por principios éticos e estéticos. Velaquí a elocuencia da súa grandeza que atinxe moito ao lema de “Som i serem”, e de “fem i farem”. Nestes catro anos creou condicións desde o Barça para que o deporte sexa doutra maneira, lonxe de especulacións e de terminoloxías baratas.

Pep vaise polo grande portón do Camp Nou a reencontrarse co seu país, e volvera a entrar por ese portón para continuar facendo nación desde o seu Barça que tanto engrandeceu, con outra misión ben distinta, isto é probábel e desexábel.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras