No centenario de Luís Veiga Leitão - 22/05/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

No presente ano celébrase o centenario de dous poetas que trataron de temarios moi similares e incluso coincidiron case no título. Dous autores suculentos para a poesía de Portugal e de Galiza. Dous grandes vultos dunha poética de combate e compromiso contra as ditaduras de Salazar e de Franco. Refírome a Luís Veiga Leião (1912-1987), autor do poemario: “Noite de pedra” (1955), e de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), autor de “Longa noite de pedra” (1962). Poetas de dúas temáticas moi semellantes sobre as cadeas da ditadura e a represión. Aínda que Veiga Leitão estivo desde 1952 a 1955 na presión, e Celso Emilio non. Mais o aterrador desa situación pon a ámbolos dous poemarios en desigualdade en canto que seus autores non tiveron a mesma experiencia represiva.

Por iso é que o libro, “Noite de pedra” de Veiga Leitão foi concibido todo el na presión e articulado con grandes doses desas experiencia dun preso político. E na tradición da poesía portuguesa de prisión, a de Veiga Leitão enlaza con aqueloutra literatura forxada nos cárceres, moi ben definida e expresada. Un dos rexistros mais antigos desta poesía en Portugal, é a do poeta Manuel Maria Barbosa du Bocage (1765-1805), autor do poemario: “No Cárcere”. Unha verdadeira reconstrución do estado de animo dun preso nestas circunstancias; unha manifestación de sentirse orfo e tales circunstancias e apelar ao sentido mais humano e de auto-recondución.

Nese sentimento de orfandade fronte ao peso das sombras a voz do poeta introdúcenos en diversos espazos do cárcere e de todas esas impresións naceu un inventario poético que é “Noite de pedra”. E que o poeta de Moimenta da Beira describe no poema prefacio deste libro: “Noite de pedra// Cerração de muros/ arames farpados/ grades de ferro/ cruces de ferro/ nas campas rasas/ duma luz morta// E a lua os cornos da lua/ uma baioneta calada// Noite de pedra noite forjada/ - para que o silêncio esmague/ o coração dos homens”.

E nesta proxección de proclamar a liberdade para todo un pobo, Veiga Leitão posiciónanos fronte a ese gran dilema que as ditaduras ditaminan. Pero o preso político, arestora, aínda ten esa mobilidade de concretar unha literatura opta para rachar cadeas e silencios. E nisto aséntase toda esa parcela de poesía e prosa que se deu en Portugal de Salazar e nas colonias portuguesas de África durante o proceso anticolonial e, tamén, coa ditadura brasileira. Os poetas en prisión, como Veiga Leitão, Agostinho Neto, António Jacinto, Vasco Cabral, José Craveirinha, Ovídio Martins e tantos outros conspiradores desde a mazmorra carceraria, ergueron eses grandes monumentos de arte literaria e que non se lles pode de encadrar dentro do típico realismo social ou no contexto panfletario.

Por tanto, a poética de Luís Veiga Leitão estruturada baixo esa tensión pero tamén na contención reflexiva de salvocondutos existenciais do to be or to be shakespeareano e, tamén, no ser e estar freudoniano, formulándonos a realidade dunha situación xerada na crueldade e dunha activadora renovación que a supere.

É curioso como Veiga Leitão, no centro da súa cela, chega a crear un universo distinto ao que se trazaba na poética contestataria. Eses símbolos e esas metáforas son froito dun espírito creador que supera os traumas propios que se crean nun cárcere. O noso poeta foi un enorme observador de innumerábeis detalles dese espazo; en toda esa incontinencia escrupulosamente verificábel, foi así como na “Noite de Pedra” toman outra dimensión ben distinta ao que un pode imaxinar. Nesta realidae, coincido con Rilke, cando dixo: “Todo ten que ser captado, comprendido, sentido, todo ten que ser descoberto e recoñecido entre as trémulas resonancias da lembranza; ningún suceso vivido, por insignificante que pareza, non pode ser menosprezado; un íntimo lance, o episodio mais pequeno, tense que desenvolver como se fose todo un destino, e o destino mesmo ten que ser como un texido amplo e marabilloso, en cuxa trama cada fío é guiado con infinita ternura por unha mao cariñosa, e colocado ao lado doutro fío, para ser sostido por outros mil”.

Nestas concrecións é o que se pode contemplar en todo ese tecido e entramado que emerxeu de “Noite de pedra”, no que o autor articulou todo un elocuente tecido desde ese centro para dimensionar todo un espazo tétrico ás particularidades da emoción. Aquí radica a grandeza da poesía de Luís Veiga Leitão. Nesta direción quero concurrir a un texto de Azorín que di: “No hay poeta grande sin emoción. Podrá darnos el poeta la visión de la naturaleza o la expresión de la muerte, o el sentido de lo infinito, o las esperanzas del amor; pero si en sus versos no no pone su espirito y nos hace sentir y nos hace sufrir y nos hace pensar y nos hace amar, por perfecto, sereno y maravilloso que sea en la forma, no habrá logrado nada”.

Neste seu centenario que se cumpre o próximo 27 de maio, o amigo inmorredoiro, Luís Veiga Leitão tráeme un sen fin de lembranzas que se perpetúan naquelas íntimas presenzas de pureza humana e dun contaxio humano que supera tódalas quebradizas desventuras; talvez a superación de incertezas. Velaquí o home vergastado por unha ditadura cruel, mais que el superou pola súa certeza e sensualidade, tendo como bandeira a humildade e a fraterna esperanza de cambiar certos hábitos humanos que nos levan a intrigas e desesperos. Luís Veiga Leitão practicou xenerosamente este verso de Pitágoras: “Non teñas por hábito comportarte sen reflexión”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras