Julio Camba e a Galiza non desexada - 29/05/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
O entorno da ría de Arousa sempre atrae, motiva e configura unha serie de temarios sobranceiros que particularizan esas terras mariñeiras. En diversos son os estadios e os roles deste espacio no que se configurou un estilo propio de vida e de cultura, tan significados no que se individualiza a persoalización do que entraña a contundencia heteroxénea das nosas xeografías que unifican nación.

Un viaxa por Vilanova de Arousa e non deixa de admirar seus recantos arquitectónicos que aínda teñen ese respiro rústico e un acomodo de utilidade mariñeira. Esas casas feitas á medida de quen as habitou, portento do noso patrimonio marítimo, o viaxeiro procura eses recantos que emancipan e manifestan autoridade e pulsan calidade identitaria. Todas esas particularidades que Vilanova ofrenda a quen a visita, leváronme a pensar, cando pasei por diante do Museo de Valle Inclán e seu expoñente monumento, nas múltiples referencias que na súa dramaturxia expón conceptos que clarifican aquela Galiza virada á pobreza e a diversos graos de explotación. Valle non condenou esa colonización só configurou certas expresións dunha sociedade anómala e as expuxo desde unha óptica esperpéntica.

Cando un pasa por diante desas presenzas de Valle Inclán un non deixa de pensar naquelas críticas inmerecidas contra os galegos. E era por que quizais percibiu outras cousas ben distintas e naturalizadas no universo urbano e capitolino madrileño. Galiza na distancia, desde a distancia e para a distancia non nos serve. Aínda hoxe non nos interesa.

De súpeto, o viaxeiro atópase cun busto doutro fillo de Vilanova, Julio Camba. Enorme admirador de Valle, de Concepción Arenal, de Pardo Bazán, de Fernández Flores e de todo un florilexio de autores en lingua castelán nacidos en Galiza. A depredación uniformada de intelectualidade con pretensións de triunfar en Madrid e considerar que a lingua e a identidade galega non ía con eles. Así culminaron as súas obras reiterando unha Galiza desde o mimetismo mesetario.

De Julio Camba trato de recuperar un libro que lin en 1968, nos meus últimos meses de mili en Sidi Ifni, “La rana viajera” da Colección Austral, despois de corenta e catro anos recupero a lectura de todas esas particularidades que se expresan no apartado: “En la tierra de los políticos”, que é Galiza. Neses dezasete capítulos, axeitados a modo de artigos de prensa, divírtenos con frases e con inquedanzas moi rudimentarias e limitadas polo que respecta a identidade galega. Camba, pode que esclareza algún temario do que acontecía coa xerga política de galegos caciquís en Madrid. Pero desafinou cando pretendía que ese comportamento se axeitara mais aos tempos e ás realidades fluídas e potenciadas desde a capital centralista.

O cosmopolitismo integracionista nas conxecturas dos escritores casteláns nacidos en Galiza, ademais dos planeamentos absurdos e contaminados co fin de entorpecer a nosa identidade nacional e fomentar teimosas interpretacións para desnaturalizar o noso idioma, dunha maneira ben provista de despropósitos e de achegas cara o idioma e a cultura centralista, ídem colonialista.

Julio Camba, con seu ímpeto anarquista e bo aderezador de artigos e contidos literarios, mantivo unha disidencia co idioma e coa cultura de seu medio nativo, Vilanova de Arousa. O mesmo que aconteceu con Valle Inclán. Por tanto, todos merecen ser respectados en aras da liberdade de expresión e do que eles deciden, mais non debemos esquecer que Galiza ten o don de ofrendarnos moitas cousas que certos persoeiros vulneran e tratan de darlle unha interpretación alienante. E iso non vai en dirección correcta e dun sentido común que hoxe se plántea desde varias esferas e medios para identificarnos con esa Galiza que continuamos sendo diferentes, pese a aos que pretenderon e pretenden homologarnos e eliminar paréntese do que nos diferencia.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras