Pahiño - 19/06/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García
A morte do futbolista Manuel Fernández Fernández, Pahiño, transcende alén do deporte cara un espacio cívico que el manifestou contrariando a dictadura de Franco. Non é habitual que un xogador daqueles anos da tiranía, da década de 1940, tivese o valor de exhibir xestos e palabras contra aquela represión. Pahiño antepuxo ao deporte a súa acción contestataria. Unha maneira de conspirar e prevalecer na sensatez solidaria cun pobo oprimido. Poucas ou contadas veces vimos a un futbolista desafiar a un poder político dictatorial dunha maneira provocativa e distendida como el o fixo.

Os futbolistas de hoxe están alonxados de facer crítica política, todo por garantir e defender o seu status económico e preservar o seu protagonismo mediático. Xa os clubs, mecenas de grandes intereses capitalistas, lles inculcan aos xogadores unha maneira de vida e disciplina orientada a estar ao marxe da vida política, aínda que ese comportamento de absentismo ideolóxico o practiquen indirectamente, en función de defender súas fortunas coa praxe e o idealismo burgués.

Mais este caso non se deu con Pahiño, eran outros tempos onde os xogadores ganaban menos e saían das entrañas dun pobo lacerado. Pahiño era do pobo e sabía ben das contradiccións de pobreza que se daba na súa parroquia de nacencia, San Paio de Navia, na periferia de Vigo. Na periferia proletaria viguesa deuse un compromiso republicano e socialista, onde levedou e fructificou Pahiño e moi pronto foi xogador do Celta de Vigo, de preponderante enerxía cívica e futbolística, aí a cimeira de seu compromiso forxada naqueles abrentes vermellos e republicanos e dun celtismo que respiraba identidade galeguista, aínda que asolagada. Nesas circunstancias, Pahiño foi o tótem admirado e sacralizado pola individualidade do seu xogo ante a ficción. Unha personalidade insólita e marcante por ser el mesmo e non deixarse dobregar á feitura dos demais. A súa integridade foi insólita nun tempo de tebras e alienacións deportivas que nos fai reflexionar sobre o seu comportamento. Un comportamento que anos mais tarde se repite co grande Garrincha.

Pahiño, estivo no Celta, no Deportivo da Coruña e no Real Madrid, nesta equipa de 1948 a 1953, onde forneceu as súas posturas ideolóxicas sen dobregarse. Foi un dos grandes e esclarecidos dianteiros que ao marxe do fútbol lía o que non tiña que ler e escoitaba emisoras clandestinas –segundo os acólitos do franquismo-. O propio xornal do réxime: “Arriba”, sentenciou: “Qué se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski!” Pahiño tiña pudor, clase e belixerancia en favor da xustiza social. Foi así como se burlou do franquismo no mesmo nariz do xeneral coruñés, Gómez Zamalloa, xefe da expedición da selección española a Suíza que largou esta consigna: “¡Ahora, señores, cojones y españolía!” Pahiño non puido reprimir o xesto burlesco e despectivo ante o militar fascista, custándolle de ser excluído da selección.

O valor cívico e futbolístico de Pahiño constata a un grande home, con un rexo comportamento ante inxustizas cometidas contra a sociedade mais indefensa e desfavorecida. Pahiño merece estar no inventario dos grandes galegos universais.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras