A parálise actual de Galiza - 01/10/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

O diagnóstico que nos están dando os diferentes especialistas en traumas económicos, sociais e asistenciais é de tal gravidade que conforma un complicado estado de parálise que non só está afectando ao ascenso do desemprego senón que está multiplicando a precariedade en tódolos estamentos do traballo, do ensino, da sanidade que se ven envoltos en recortes monstruosos: amén dun exceso burocrático que favorece a casta dos capitalistas e banqueiros. Rajoy, en nove meses, potenciou todos eses desaguisados que podemos contemplar nunha decadencia vertixinosa que está desmontando o chamado estado de benestar e que está tendo respostas nunha sociedade asediada, profanada e enganada pola mentira electoral do PP.

As rúas do Estado español conforman esa plenitude de manifestantes, desahuciados por intransixentes políticas que os está reducindo a un gueto de subsistencia. A voz popular na rúa, a que Rajoy e seu desgoberno non lle agrada escoitar seus ecos en unísono, ou enumerar e escudriñar os problemas que está creando esta parálise política. A resposta é voltar cincuenta anos atrás e recobrar á represión mais crúa do franquismo. As cargas policiais en Madrid o manifestan de que estamos nun estado de sitio sen precedentes. Esas cargas pretorianas, froito de tanta insensatez administrativa, intensificará un estado de repercusións moi negativas, dado que os que desexan respostas se lles aporrea e maltrata vilmente. Ninguén pode negar que estamos nunha ditadura disfrazada de democracia.

Nestas contradicións de ofrecer unha cousa e facer outra cando chegan ao poder, o señor Feijóo, presidente da Xunta de Galicia –esperemos que sexa por poucos días- sostense na mesma mentira desa nomenclatura do PP. O señor Feijóo é unha especie de virrei en Galiza –pero en malo-, que veu aplicando políticas de desintegración e retroceso. Creando problemas moi graves onde anteriormente non os había. Múltiples situacións como o paro que en Galiza vense agrandando e provocando límites de pobreza. Un futuro sombrío e tenebroso que o señor Feijóo non soubo ter políticas precisas que emerxeran do contexto galego, senón aplicou o que a dirección de Xénova lle impuxo. 

Galiza non pode consentir un presidente de palla que leva tras de si aos bombeiros en caso de incendio. Galiza merece ter, nestes deteriorados momentos, un espazo político novo, que solucione as verdadeiras e peculiares problemáticas que a actual Xunta non soubo solucionar. Nesta situación parasitaria hai razóns para dar respostas pragmáticas sen demora e desde xa. Nestes momentos, a sociedade galega está deixando de ser cómplice das barulleiras panfletarias que durante estes tres últimos anos estivemos escoitando perfectas demagoxias, moi ben estudadas e hilvanadas que, moitas veces, descolocan ao persoal. “Mais polos seus feitos, os coñeceredes”, velaquí a cuestión.

Vamos a asistir nas próximas semanas a unha característica non moi nova, de ofrecer o que xa non é posíbel realizar por parte das políticas deseñadas polo PP desde Madrid para Galiza. Veremos empoleirados, no anfiteatro dos mitins, a persoeiros que só veñen a Galiza nestas ocasións panfletarias e moi pouco da súa realidade coñecen. Virán ministros a contarnos os encantos e as grandezas do señor Núñez Feijóo. Outros xa permanecen nesa teima de facer vulto e inauguracións pasaxeiras: propaganda axeitada ás circunstancias, como é o caso da ministra de Fomento, Ana Pastor, a activísima aprendiz e discípula de Rajoy que terá nestes días algunha inauguración para amosar que Moncloa está ao loro e sempre procede con Galiza.

Mais o que moitos galegos non saben é que a ministra de Fomento, presentou no Parlamento, o pasado agosto, o “Anteproyecto de Ley de Medidas de Flexibilización y Fomento de Mercado de Alquiler de Viviendas”, ver: www.minhap.gob.es no que se expresa outra das delicadezas que este desgoberno potencia aos que mais teñen. O cinismo de Fomento non ten fronteiras en varios temas que se manifestan neste anteproxecto de cara a desahucio de inquilinos. Só o retraso de pago de dez días basta para ser expulsado, sen miramento de circunstancias. Un simple descoido de ingresar o diñeiro, un simple fallo bancario, estar hospitalizado ou de viaxe non sirve como alegato para pagar os retrasos. Xa non se trata de morosos, trátase que neste país hai millóns de familias que viven de aluguer e nas circunstancias económicas actuais miles de persoas non poden pagar puntualmente, con esta lei só con dez días de retraso valen para expulsar a un da vivenda. Esta é a crúa realidade deste país cun goberno que fai leis en favor dos que mais teñen, e, en detrimento dos mais desprotexidos. Proximamente verán en Galiza á ministra de Fomento ofrecer nos mitins mais surrealismos.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras