No bicentenario de Francisco Añón - 09/10/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Tal día como hoxe, 9 de outubro de 1812, nacía na parroquia de Boel, concello de Outes, o poeta cívico Francisco Añón Paz. Unha das grandes figuras patrióticas que tivo o noso país. Naceu coa Constitución de Cádiz e medrou naquela Galiza na que se restauraba o absolutismo de Fernando VII, a nivel do Estado español. O neno de Boel tamén presenciou os avatares do Trienio Liberal, cando el era un simple colexial. Mais as ardentes aspiración libertarias en Galiza crearon un clima de cambio que alentaron a certos círculos da cidadanía, acendendo un facho aceso que iluminou proxectos no aspecto político do noso Provincialismo, tan contundente na historia do pobo galego.

O adolescente Añón, de familia labrega de Boel, chegou ao Seminario Conciliar de Santiago e daquí pasou a estudar xurisprudencia, titulándose como avogado en 1845. Un ano álxido para a preparación das revoltas liberais e provincialistas en que Añón publica o poema: “Recordos da infancia”. Añón xa ten o perfil dun liberal revolucionario e así o expresa na Revolución Galega de abril de 1846, mantendo o ideario de Antolín Faraldo e cooperando no levantamento militar de Solís e resistindo ás tropas realistas que tomaron Galiza e promoveron a desfeita cos asasinatos dos Mártires de Carral.

O exilio o leva a Portugal, onde en Lisboa ten un parente que exerce de vendedor de libros, que lle presta os seus primeiros apoios e vai contar con certa influencia nos medios intelectuais lisboetas, nos que terá unha participación e un protagonismo bastante destacado. En Lisboa redactou o famoso “Himno dos Povos”. A súa participación na política liberal e revolucionaria portuguesa, custoulle ser expulso de Portugal, partindo para varios países de Europa e recalando en Sevilla.

Estes mínimos datos biográficos nos sitúan, con brevidade, na personalidade de Francisco Añón, da súa actuación e da súa persecución. No tema de datos, sobre o noso poeta, recomendo o grande estudo, convertido en tese doutoral, de Fernando Bel Ortega, titulado: “Vida e obra de Francisco Añón”. Un testemuño que abrangue varios conceptos que personifican a vida e a obra do poeta de Outes.

Añón, como poeta, proclama aquela Galiza irredenta e recolle os acentos do Cura de Fruime, en seus tons anticasteláns, e fai achegas populares que nos recordan as coplas de Frei Martín Sarmiento. Pode que a poesía de ambos autores inducira a Francisco Añón a permanecer na súa propia realidade: no contexto galego e así iniciar un ciclo de permanencia, con todos os alegatos de aquela época política e convulsiva. Na súa poesía constátase a personificación dun perfil e dunhas fórmulas inéditas na poesía galega do XIX, anterior a “Cantares Gallegos” de Rosalía. Moitos autores teñen dito que Añón foi o precursor de Rosalía. Isto pode resultar unha opinión temeraria, dado que Rosalía parte doutros conceptos e doutras emocións que en Añón non se visualizan.

Añón é precursor, iso si, aínda que Murguía non o tivese exaltado no seu libro de arrecendos patrióticos, titulado: “Los Precursores” (1886). Añón foi unha desas glorias que practicou unha vida inconformista, un doutrinario que proviña do idealismo de Faraldo e ben contrario ás políticas que o centralismo estaba desintegrando a personalidade de Galiza e freando as súas liberdades e o seu progreso. Nestes episodios, Añón foi consciente do que se perdía e denigraba, implicándose cun fervor patriótico que asevera as contundencias dun verdadeiro precursor. O seu longo poema: “Galiza”, na primeira estrofa, mantense ese idilio liberador que expresa nestes termos: “Ay esperta, adorada Galicia,/ D’ese sono en q’estás debruzada;/ D’o teu rico porvir a alborada/ Po-l’o Ceo engergándose vay./ Ja cantando os teus fillos te chaman,/ E c’os brazos en cruz se espreguizan.../ Malpocados! o q’eles cobizan/ É un bico d’os labios d’a Nay”.

Francisco Añón finou pobre en Madrid, o 20 de abril de 1878, despois dunha azarosa vida de incontinencias e de rexurdires nas que a presenza de Galiza son innumerábeis e inequívocas. Insubornábel a súa ideoloxía que marcou referentes nesas emerxencias da intelectualidade galega da época. Manuel Curros Enríquez centrou a Añón como protagonista do seu “O Divino Sainete”, facendo o oficio de guía polos apousentos do papa León XIII. Francisco Añón Paz marca unha época, unha poesía que respira terra sublimada e unha páxina vital na nosa historia.