Feijóo, nas súas desconxunturas - 24/10/2012
ECOS DA BERENGUELA -xornal

Xosé Lois García

Boa parte da cidadanía desfavorecida déronlle alento aos que lle negan o osíxeno, como é o caso do PP. Pero Galiza é outra cousa, alén do que pensamos e do que se expresa nas urnas. O panorama que se abre desde hoxe non deixa de ser complexo, si isto o observamos en clave electoral hai unha serie de factores difíciles de dixerir e, sobre todo, no que corresponde á depresión económica, que está sufrindo a cidadanía galega mais desasistida que lle vota ao PP. Esta cidadanía foi incapaz de manter un diálogo e unha reflexión sobre as mínimas circunstancias que provocan esas desconxunturas sociais e económicas. Neste caso, chegamos mesmo ao beiril do precipicio e con todo o que acontece continuamos sen ver a punta do iceberg.

Esta pode ser unha das lecturas posíbeis das que había que afondar, detestando de certos tópicos que protexen a ortodoxia do PP. É verdade que os votos non só se gañan nas urnas, dependen dun traballo concreto e o PP –hai que recoñecelo- é moi ávido e está presente en cada un dos escenarios dos que pretende estar. Escenarios moi desatendidos pola esquerda e polo nacionalismo clásico, faltos de intuición para contra restar eses poderosos tentáculos que ten o polbo do PP. Nesta última lexislatura, o PP non tivo oposición que desvendase as moi puntuais aventuras con que levou a sociedade galega a ese precipicio no que está. A oposición fixo un papel de supervivencia refuxiándose no Parlamento Galego, sen decatarse que este non é o único taboleiro no que debe estar. Hai outros espacios severamente desatendidos que compre asistilos dunha maneira moi rotunda e sempre en función das clases mais desfavorecidas e que a crise estalles pasando factura.

Estas últimas eleccións descúbrenos un factor novo; unha emerxencia que rescata á personalidade emblemática de Xosé Manuel Beiras. Neste caso, o electorado tivo memoria de quen levou ao BNG a un proceso de fluidez ascensional, partindo de catro deputados até chegar a dezasete. Coido que non se lle fixo xustiza a esta exemplaridade. A emerxencia de Beiras, partindo de cero e sen medios económicos para costear unha campaña electoral como a que se permitiron os grandes partidos tradicionais e de corte españolista é inaudito. Isto vai posibilitar un debate interno e de base no seo do BNG, até agora aprazado, contundentemente necesario para posicionarse nun novo talante e capaz de verificar os erros cometidos e volver a que o nacionalismo galego sexa unitario e non pase por un proceso de descomposición como o que ten acontecido. Neste caso, o electorado nacionalista e de esquerda puxo as cousas no seu sitio, remitindo un aviso de contundente clamor indicando o camiño.

Este electorado considerou que Xosé Manuel Beiras tiña que estar no limiar dese discurso que se nota a faltar no Parlamento Galego. Un escenario que centrará a atención da cidadanía para descarnar toda unha serie de problemáticas e atadeiras que Beiras, a bo seguro, vai transcender nelas. A presenza de Xosé Manuel Beiras como voceiro de AGE poñerá o listón moi alto e obrigará á boa parte da mediocridade parlamentaria estar á altura inigualábel que el propiciará e deixando en evidencia a moitas das súas señorías.

O novo escenario parlamentario, alén dos matices que cada un lle poda dar, terá un debate permanente de ideas e suxerencias, por parte de Beiras, que dificilmente para moitos que ocupen a poltrona, será un antídoto contra ese discurso reaccionario que o PP nos veu servindo sen ter unha resposta contundente e convincente por parte da oposición. Neste escenario, o BNG e AGE teñen moito que dicir e estar ao marxe de confusións para superar asperezas. O nacionalismo de esquerda na Galiza ten futuro, senón despreza as achegas que lle brindou o electorado. O debate é imprescindíbel para reconstruír certos parámetros de contención fronte ao nacionalismo españolista e as desconxunturas que Núñez Feijóo está provocando no noso país.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras