San Amaro, padroeiro dos reumáticos - 16/01/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

SAN AMARO, PADROEIRO DOS REUMÁTICOS
HONRADO CON FESTA EN PROENDOS

O 15 de xaneiro, festividade relixiosa de San Amaro, foi tradicionalmente un destaque do santoral galego, dado que seu protagonista, está ligado aos monxes negros de San Bieito.

Amaro figura na tradición como discípulo de San Bieito de Nursia, o fundador da orden beneditina. Por iso, as credenciais de Amaro, é o hábito negro e o báculo. A súa festividade do 15 de xaneiro ten enorme preponderancia en Galiza e Portugal, no noso frontal Atlántico. Quizais teña desprazado a algunha deidade mitolóxica vinda do Norte profundo irlandés, que cultualmente os celtas celebraban e tiña moito a ver con Brandán que se lle deu a categoría de Santo.

Tantas incógnitas rodean o mito de San Amaro, mais o importante é que en tódalas xeografías galegas ten día especial e cerimonioso. En Vilanova de Arousa celébrase con callos e fanecas fritas, dando corpo a ritual antigo; en Pazos de Borbén (Pontevedra) e en Arnoia (Ourense) fanse grandes eventos polo 15 de xaneiro. En Galiza a nómina de celebracións faise longa. A raiceira desta festa ten orixes e connotacións pagás que se manifestan de moi diversa maneira e atribución cara este enigmático persoeiro que se confunde con o de San Mauro e tamén co San Amaro o navegante que na baixa Idade Media naceu ese outro mito. Mais os pobos de Galiza celebran ao mais antigo, ao das lendas que proceden daquela cultura preromana, que se difundiu e incrustou no primeiro cristianismo galego.

Na miña parroquia chantadesa de Merlán, temos un territorio chamado o campo de San Amaro, con súa capela dedicada a seu nome onde a súa figura maxestática ocupa o centro da capela.

Nese campo houbo un citania castrexa onde aparecen restos de cerámica. Quere dicir que houbo un centro cultural e cultual pagán, onde Brandán puido ter apoteótica festa e mais tarde pasou a de San Amaro. Mais no século XVIII, San Amaro tivo en Merlán un competidor, o bispo de Cartago San Ciprián, ou Cibrao, ao que se lle dedica a festa grande da parroquia, e, ademais lle roubou as atribución de ser invocado como avogoso dos reumáticos, que aínda se lles pasa a súa imaxe polos rentes dos cadrís e extremidades dos doentes de reuma.

Quen fai agora esa función e San Ciprián. Aínda que os foráneos lle chaman a esa capela a de San Ciprián, os parroquianos seguimos chamándolle a de San Amaro. Pese a eses cambios eclesiásticos que se produciron, o peso da tradición, definitivamente, é sempre insurxente.

Sobre a lenda enigmática de San Amaro, abunda na bibliografía de Galiza e de Portugal. “Paremiología hagiográfica: santos y santas gallegas” da profesora da USC Mª Pilar Río Corbacho, esmiúza varias vertentes desa tradición, xa non galega senón universal que leva ese porte de curiosidade e tamén de lenda, cuxas orixes cultuais fornecen as tradicións de Galiza. Unha lenda que fixou corpo literario nesas dez estampas líricas que o poeta Ramón Cabanillas, titulou: “Estoria do Bendito San Amaro”, na última deles fai esta loa tecida na mais harmónica vía da tradición de San Amaro: “O bendito San Amaro/ ten unha hermida en Salnés/ n-un castro soave, redondo/ como un peito de muller./ O que a San Amaro vaia/ nunca lle perderá a lei/ nin á fala de seus pais/ nin á Terra onde naceu”.

A obra mais interesante e dimensional, que nos transborda ás esencias do enigma mitolóxico das lendas de San Amaro, é a de Carlos Alberto Vega, titulada: “Hagiografía y literatura (La vida de San Amaro)”, Madrid (1987). Sen dúbida, estamos ante unha investigación fundamental para comprender a metamorfose con que se foi consolidando ese mito do paganismo e apropiado pola Igrexa que, en certa maneira, axudou á difusión e a darlle prerrogativas e contributos a San Amaro, en tantos lugares e altos castros que figuran no devocionario galego.

O pasado ano, por estas datas de festividade, fun convidado á parroquia de Proendos (Sober) polo meu vello amigo, Alfonso Campos, ese home que anda en tantas cousas removendo pedras e articulando cacharriños de antano ciscados por esa terra mítica das ribeiras do Sil soberino. A festa de San Amaro comezou ao lado desa igrexa románica que talvez se asente nun espazo pagán de culto, dado que ao seu redor están os apreciados e, tamén, enigmáticos petróglifos, insignia de identidade dunha parroquia antiga de tantas e de tantas referencias que nos levan a remotos tempos que aínda dan vida á nosa identidade.

Entre foguetes e repiques de campás San Amaro comezaba a ser honrado. A fría néboa mañanceira obrigou ao ateo, que isto escrebe, a refuxiarse dentro desa igrexa que os de Proendos ornamentaron e déronlle brillo de festa que fornece tódolos pasados con este presente en desfeita. Ver aquilo, un coro cantar en galego e a mais que centenaria banda de música de Sober tocar o himno nacional galego dentro da igrexa, mesturando esa harmonía co realce resplandecente desas pinturas manieristas do século XVI, dedicadas á Natividade e mais á Epifanía que decoran os beirais do presbiterio románico da igrexa parroquial. Ao lado dereito, custodiado polo enorme arco toral, esa imaxe de San Amaro, unha talla rural e popular -segundo Nicanor Rielo Carballo- do século XVII, na que se hospeda un certo feísmo da talla que a fai mais atractiva e solemnizada. Ataviado con vestes negras, atribución bieita e con ese gorro tan orixinal como é o camauro, ese gorro papal da Idade Media que tanto gusta de poñelo o actual papa, Bieito XVI. Só con ese gorro merece a pena conservar e mimar a este San Amaro de Proendos.

Despois do concerto e dos saúdos festeiros comezou a outra festa, a da boa mesa no lugar de Francos, na casa do benquerido Alfonso, que me convidou a entrar na cociña para experimentar os arrecendos dos pucheiros, non me deu tempo porque a cociñeira, a súa parente Olga, non tolera que os homes entren a ese espazo consagrado a farturentas sorpresas. Tais sorpresas: cocido suculento, saído das boas maneiras gastronómicas da Olga ao estilo enxebre de Sober; año asado perfumando o comedor e facendo adeptos a ese sabor inesquecíbel. De sobremesa, o famoso doce de carrola (de noz) que non falta en ningún fogar de Proendos, para non ofender a San Amaro.

Comín ao lado da cociñeira Olga e de Manolo, o seu marido, e de Ramón que me ilustraron sobre a cultura vinícola de Sober, tan recia como transcendental. Falamos de tantas cousas destas terras que fornecen tradición e identidade das que se sustenta o noso país. Sen elas e sen a festa de San Amaro, Galiza sería mais pobre.

Venres 2910/2021, debate sobre 2 libros da miña autoría

Venres 29, debate sobre 2 libros da miña autoría, publicados no presente ano.
Promovidos pola Libraría da Proencia. Na igrexa de Pinol (Sober), ás 19 h.
a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras