Xosé Vázquez Pintor, na súa "Seara" - 30/01/2012
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

Nesa “Seara”, tan espigada como oureal, resplandecen os once poemarios publicados de 1971 a 2011 de Xosé Vázquez Pintor.

Corenta anos de produción que a Editorial Espiral Maior recolle como Obra Poética completa. Un poeta que concibiu a súa obra nese misterio de rebuscas a través do seu mundo infantil e de adolescencia, a idade mellor para seleccionar eses contactos emerxentes co seu microcosmos nativo e coas nosas diversas xeografías.

En todas esas correspondencias confidenciais está a presenza cósmica das terras da súa naturalidade: Agolada, Melide e a da península do Morrazo, non só. Unha maneira de naturalizar as realidades vividas e pensadas sobre as mesmas. Coido que sen estas observacións e retencións dos obxectos non hai poesía.

Paul Eluard, acostumaba a dicir: “É preciso que o poeta, o home, apodérese da realidade, a domine. Esta realidade non pode confundirnos. Non se enmascara. Non existe o anxo da realidade.

Pode ser desgraciada, poirenta, cruel e van, monstruosa. Todo poeta valente ten o deber de abrir un camiño tan longo como sexa posíbel para a exaltación humana”.

O fácil é encontrar espazos, mais o difícil é abrir camiño e, sobre todo, lograr que se transite por el e percibir a floculación das cousas mais inadvertidas. Vázquez Pintor, nos seus poemarios, coida desas particularidades dunha maneira especial e rotunda, nas que se procuran esas permanencias orixinarias dos balbordos insinuosos que o poeta ten que recoller e explicitar o esencial dese descubrimento que a natureza lle ofrenda. E nese fecundo percorrer de descubertas tanxíbeis o poeta percibe algo extraordinario, cando di: “E no cabo da eira/ subiou o vento/ e a ponla festeira/ deixou lamento.”

Ubicarnos nestas transcendencias do vivir e sentir inmenso do poeta e, sobre todo, interpretar a materia terrestre e os sons do que flúe, abordando achegas a eses catro tempos no que a intensidade das cousas dannos a universalidade do destino das mesmas que só se logra cando se verifican non só con imaxinación senón con profunda sensibilidade, que transmite ao lector esa grandeza do que non advertimos. Así é como a metamorfoses das cousas tende a manifestalas en contundentes expresións que o poeta nos desvela. Esta é a premisa con que Pintor revela o achádego.

“Seara” é un compendio de rexistros poéticos que non só revelan as proxeccións dun poeta maior, nada receoso en darnos tantas primicias e múltiples lámpadas que conceden esplendor á poesía galega dos últimos corenta anos.

O verso de Vázquez Pintor emerxe e busca reencontrarnos para ser enteiros e coraxosos na determinación de recoñecernos nesas partículas identitarias; nese socorro imprescindíbel que nos procura e asiste na ávida integración con que o poeta tenta procurarnos e comprometernos.

Os poemas aglutinados nesta “Seara” teñen ese respiro humanista e inmunizador. O poder da vida no combate desa búsqueda existencial e de todo aquilo que imprime permanencia e sensibilidade no que se verifica das cousas sinxelas que engrandecen, nese obsesivo transcender e estar, as cousas mais orixinais e constatábeis que priorizan a nosa identidade.

Nesta “Seara”, o lector pode percorrer todo o libro guiado por esa voz fresca e caudalosa de amenceres e forzas torrenciais que nos levan a reencontrarnos con grandes segredos desa combustión creativa que é a de Xosé Vázquez Pintor. Un poeta necesario para percibir tanto porvir do que se oculta nesta Galiza irredenta, para vertebrala e dimensionala en tantas ofertas que atopamos na poesía do noso autor.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras