Poemario de Xoán Xosé Fernández Abella - 03/02/2012
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

fernandez abellaXoán Xosé Fernández Abella (Monforte de Lemos, 1933), é un poeta noso e ben coñecido pola súa longa e beneméritas entregas poéticas, que desde fai sesenta anos ven posicionándose con inalterábel compromiso e rango en variados rexistros poéticos.

Unha poética, a súa, que flúe deses acordes líricos e de grandes resonancias sen requintes, no que concorre para descifrarnos diversos ámbitos da súa sensibilidade. A súa última entrega que publica Follas Novas Edicións, titúlase: “Poemas de amor, loanza, condena e outros”. Cun espléndido e revelador prólogo do escritor e profesor, Xesús Alonso Montero, que nos matiza os diversos ámbitos de Fernández Abella.

A poesía deste poeta está fundamentada e lexitimada na tradición mais esplendorosa da poesía galega. Poemas de fondas raiceiras, tal como se manifesta nese florilexio que conta con ese respiro intransmutábel que emana das cousas sinxelas e esquecidas e, tamén, as perfila para engrandecer lingua e Terra.

Fernández Abella e un especie de alquimista, como nos diría o poeta francés, Lucien Becker: “Penso que a poesía é unha especie de alquimia. Os alquimistas intentan producir ouro a base de metais de barateira. O poeta crea imaxes coas palabras de tódolos días.”

Pois o noso alquimista, de tantas benquerenzas no que significa o rescate das cousas simples que nos ilustran en tódalas dimensións desa alquimia verbal, simple, utilitaria e fecundativa de todo o que se ama. En Abella non hai dúbida nese seu primeiro cántico á Terra: “E soño, e cismo, e prego/ lograr esta ledicia:/ teu vate ser, Galicia,/ ¡Meu feiticeiro Chan!”

Neste deleite de ler seus versos estrelecidos e paixonais que nos reconducen cara tódalas direccións e horizontes, sen que as encrucilladas da poesía lle tendan confusión. Abella é un deses vellos lectores de antano en que a literatura clásica non era un arteluxo, era unha ofrenda dos deuses para ter merecido Olimpo.

Se temos bo lector, teremos bo compositor de versos. Na poesía galega podemos enumerar a grandes poetas tan vencellados a poesía clásica, como Cabanillas, Noriega, Crecente Vega, Iglesia Alvariño e un bo longo etc que pasaron polos seminarios. Coido que nesta tradición está Abella, aínda que non sei se pasou polo seminario, de tódolos xeitos está asentado nesa profunda e universal poética que fixo do verbo elocuencia e destino para lograr as mil primaveras cunqueirianas.

Por iso que ese clasicismo e aínda renacentismo petrarquiano teñen seu respiro nos excelentes sonetos deste libro que comentamos. Aquí esta a proba mais difícil do poeta que é a de ter pleno dominio do soneto, no bo rimar e contar, primordio e encomenda esencial de Gonzalo de Berceo. Por iso que o amor, neste libro, ten esa rotunda correspondencia de encomenda dixeríbel.

Eu diría que a pesar dos catro apartados ou propostas, non deixa de ser un libro unitario de homenaxes e tamén de maldicires; de temperos maldicires revolucionarios, no que se constata esa agresividade cando se maltrata e despreza o oráculo mais dimensional que para Abella é Galiza e todo ser vivo.

Rotundos poemas desfilan contra adulteracións que se fan contra Galiza: patria comunal que defende o noso poeta. Este poemario tamén se abastece con condenas contra ditadores, guerras e profanadores do humano. Estamos, pois, ante un libro de actualidade e ben diversificado que compre ler e, sobre todo, reflexionar do que acontece ao noso redor, poeticamente.

 

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras