A depredación da igrexa de Fornas - 09/02/2012
Opinión - logo gd 2
Xosé Lois García

Os medios de información dan conta do roubo duns trinta euros na igrexa chantadesa de Fornas, onde uns furtivos rebentaron os petos da igrexa. Pero antes forzaron e esnaquizaron as madeiras do sagrario que ficaron ao descuberto polos autores daquel outro intento de roubo que se efectuou en 2002, derrubando as paredes da fiestra da ábsida. Mais as madeiras do sagrario do retablo non lles permitiu aos ladróns ser efectivos no seu propósito.

Pasaron deze anos, con tres párrocos diferentes, dous bispos, e dous alcaldes sen que ninguén se preocupase por restaurar esa fiestras, inclusive os parroquianos. Realmente esa situación escandalizaba ao ver a parte do retablo ao descuberto desde o exterior sen que ninguén se preocupase ou poñendo oídos xordos a unha das construcións románicas mais destacadas do concello de Chantada.

En febreiro de 2004, servidor, denunciaba en “El Progreso”, esta desfeita nun artigo titulado: “A igrexa de Fornas, en súa divina proporción”. Entresaco do mesmo artigo algo que considero substancial con respecto á degradación da igrexa de Fornas: “En todas esas metafísicas que interpreta Luca Pacioli, pensei nun momento nese belo formato da igrexa románica de Fornas, nas terras de Chantada. Un formato sobrio e cargado de rigor escolástico da época. En todo el percibimos nobres e fermosas conceptualidades, do que eran capaces de erixir aqueles mestres de obras tan impregnados do divino e capaces de formular admirábeis tesouros arquitectónicos, en medio dunha paisaxe adusta, co fin de transcendela e contemplala. Aquela sociedade que lle tocou vivir esa realidade non descoñecía esa musicalidade de liñas arquitectónicas e simbólicas que emiten mensaxes para ser percibidas. Nese seu promontorio, a igrexiña de Fornas demórase no sono e nas benquerenzas dos eremitas medievais. Mais que igrexa, parece un oratorio para rezos sinxelos e confesións non reveladas, dunha comunidade que percibiu a mensaxe da pedra.

Luca Pacioli, desvela a reciprocidade deste tipo de arquitectura con o Logos, ao admitir: “Deus nunca pode cambiar e está todo El en todo e todo en todas partes, de igual modo nosa proporción é sempre, en toda cantidade continua e discreta, grande ou pequena, a mesma e sempre invariábel, e de ningunha maneira pode cambiar”. Lamentablemente isto non foi así. A igrexa de Fornas sufriu transformacións en 1606, derrubándolle paredes para introducir a sancristía. Así se cumpría o alegato do Concilio de Trento. A divina proporción en desfeita.

Desde hai tempo, a fiestra da ábsida foi derrubada por depredadores habituais. Este enorme furaco pide a gritos ser recomposto, cómo? Utilizando como padrón o formato das fiestriñas das ábsidas románicas de Brigos, Bermún ou Argozón. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela que mostrou a súa sensibilidade no caso de Pesqueiras, incida en rehabilitar parte desta divina proporción da igrexa de Fornas”.

Pois ese enorme furaco non foi tapado, nin reparada a fiestra románica, así que esa abertura estaba pedindo a berro firme que os ladróns de igrexas o intentasen de novo e así foi, pero desta vez sendo mais efectivos na depredación do retablo. Digamos que este é de finais do século XIX, e o mellor que se pode facer é sacalo para que queden ao descuberto as pinturas barrocas da ábsida que se ocultan detrás dese taboeiro e darlle mais solemnidade ao presbiterio.

Ao amigo César Carnero, cóengo da catedral de Lugo e delegado de patrimonio diocesano, eu lle digo que restaurar a catedral invertendo suculentas millonadas, está moi ben, mais cando se descoidan outras “divinas proporcións”, como a de Fornas, está realmente fatal. Sobre todo, cando ti coñeces moi ben o patrimonio románico da Ribeira Sacra, tan depredado, usurpado e sen unha perspectiva clara para saír de tantas precariedades. Neste caso como noutros, xa non valen lamentos, só solventar os problemas.
 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras