O Fascismo e o párroco de Merlán - 24/02/2012
Opinión logo gd 2

Xosé Lois García

Numerosas veces sentín falar a meus pais e a meus veciños das glorias filantrópicas e do ímpeto de D. Enrique López García, párroco de Fornas e parraco de nerlanMerlán, nas terras de Chantada. D. Enrique rexeu estas dúas parroquias durante vinte anos, de 1922 a 1942. Procedía dunha familia humilde de San Paio de Diomondi (Saviñao). Seu pai, José López Castro, foi garda civil en Ponferrada onde naceu o seu fillo en 1898. De regreso a Galiza foi un aplicado seminarista e moi cedo foi ordenado crego polo bispo de Lugo, Frei Plácido Ángel Rey Lemos.

Os seus fregueses de Merlán tíñanlle grande por estar virado enteiramente cara esta parroquia, pese a vivir na reitoral de Fornas, mentres esta parroquia contaba con tres lugares, a de Merlán tiña dezaseis, a densidade demográfica moi avultada con respecto a Fornas e fixo que o párroco estivese mais pendente do anexo que a da súa residencia. Parece que intentou construír unha reitoral no lugar da Torre, ese lugar que exerce como capital da parroquia, onde está a capela de San Amaro, o campo da festa e a casa da escola.

Unha escola de dúas plantas e de aulas mixtas, cuxo diñeiro e xestión, para a súa edificación, veu dos emigrantes de Merlán en Cuba. D. Enrique tivo un enorme protagonismo neste proxecto e na xestión da cesión de terreos e en contacto cos emigrantes. A escola ergueuse na lugar da Torre con ese diñeiro enviado de Cuba e a puntual colaboración de transporte de materiais. Nestas tarefas, D. Enrique foi quen fixo un reparto equitativo neses traballos, repartíndoo por cada unha das casas da parroquia, así como outros xestións que el asumiu.

A primeira pedra desta escola colocouse solemnemente o 28 de maio de 1925, coa asistencia do gobernados civil de Lugo, Jacobo Varela, a madriña de cerimonias e todo a parroquia co párroco á fronte, con capa pluvial e estola. Desta inauguración e da evolución das obras, D. Enrique exerceu de cronista que puntualmente publicaba seus artigos no xornal lugués, “La Voz de la Verdad”.

Na “Memoria” de construción da escola de Merlán, consta de varios apartado e un deles é o titulado: “Historia de Chantada e Carballedo”, da autoría deste crego que asigna co pseudónimo de Enrique d’a Torre, nestes datos históricos revélase a calidade intelectual deste párroco, polas pesquisas que realiza e pola orde discursiva e de redactar un temario histórico desta natureza.

D. Enrique, indubidabelmente, tiña unha vena intelectual que empregou na súa prédica que encantaba a seus fregueses e, tamén, unha vocación pola pedagoxía que quixo exercer, mais certos cregos da zona o denunciaron ao bispo Rafael Balanzà i Navarro. Mais D. Enrique tiña amizade co arcebispo de Compostela, Zacarías Martínez Núñez, un agostiño burgalés que foi biólogo e discípulo de Santiago Ramón y Cajal, prologuista da súa obra: “Estudios biológicos”, que ademais foi profesor de bioloxía e virado cara a pedagoxía. En Zacarías Martínez atopa D. Enrique López García un apoio considerábel que aplaca as iras de Balanzà e do grupo de párrocos erguidos en ira contra o de Fornas e Merlán.

Parece ser que a partir de 1931, coa proclamación da II República, D. Enrique emprega unha discursiva moi sutil contra o novo réxime, mais el continúa estando moi atento á parroquia de Merlán e, sobre todo ás festas de San Ciprián, que tiñan tres días festivos e unha feira de cabras. As manifestación relixiosas nesa festa eran moi floridas e ornamentadas. Na procesión desa festa desfilaban tódolos santos da igrexa até a capela de San Amaro, a excepción do padroeiro Santo Tomé que ficaba na igrexa exercendo de xerarca principal. O estrondo de foguetes e o repique de campás impoñía festa grande e reclamo campestre para merendas de foráneos e feira de cabras. Era unha festa que anunciaba vendima e castañeira. Nesta xeira, estaba puntualmente o párroco que despois desas exuberantes procesións, podían escoitar famosas bandas de música, para resaltar eses concertos que se facían despois da solemnidade da misa, animou á parroquia para erguer un rigoroso quiosco de pedra e ferro forxado en 1933, para dar realce a esas bandas.

Mais a guerra tamén chegou a Merlán e aquel párroco de trinta e oito anos defendeu a cruzada bélica, promocionada sen pudor evanxélico polo cardeal primado, Isidro Gomà i Tomàs, bendicindo aos que corrixían “errores” con mao alzada e masificando morte nas cunetas. D. Enrique fomentou entre seus parroquianos unha cruzada exhibicionista, rezos e pregarias polo avance dos sublevados e repique de campás por cada pobo ou cidade que o exército fascista tomaba. E o sancristán de D. Enrique, o vello Latas da Eirexe a vociferar ao son das badaladas: “Caeu Badaxoz! Caeu Teruel! Caeu Pina de Ebro! Así pasaron tres anos dando noticias de tomas e caídas en son de Te Deum e en honor das carnicerías fascistas.

As recolectas dominicais de Merlán dedicadas ás “Ánimas do Purgatorio” e a “San Antonio” ían destinadas para os confrades da guerra. D. Enrique pedía as mozas da parroquia, ás “Fillas de María”, apadriñar soldados da fronte de Aragón e Cataluña e enviarlles cartas dándolles azos para rematar coas hordas marxistas. Tamén obrigou a tres matrimonios de Merlán que durante o período republicano casaron polo civil, nesa situación persecutoria tiveron que facelo polo rito católico.

Nunha das actas do libro de defuncións de Fornas, do 28 de xuño de 1938, da conta do funeral do alférez González Herrero, de vinte e catro anos, da seguinte maneira: “...murió gloriosamente en el frente del Ebro, el día 26 anterior, luchando en la Santa Cruzada contra los enemigos de Dios y de la Patria”.

A miña avó paterna, cega, pobre e desvalida, nunca tivo a visita de D. Enrique, como facía anteriormente, si dos falanxistas que a zarandearon porque non tiña o suficiente para pagar o imposto do “prato único”. Nesa época, o meu pai recibiu unhas labazadas por eses persoeiros sinistros como eran os falanxistas. O párroco non puxo freo a estas inxustizas. Cando rematou a guerra, D. Enrique dedicou, no libro de defuncións de Merlán, unha homenaxe aos seis fregueses da parroquia mortos na guerra. Eses soldados obrigados polo bando fascista a ir ao confronto bélico, que algúns deles non simpatizaban cos sublevados. Mais esa “In memoriam.......!!!” que resaltou este crego, pode ser aínda aceptada como recordatorio a eses mozos truncados por culpa dos que declararon a guerra a un poder constituído legalmente. Mais D. Enrique foi alén da simple homenaxe desas seis vítimas de Merlán. No folio 181, vemos unha enorme cruz de tinta negra, os nomes dos seis falecidos en grafía normal, e na banda esquerda, en letra gótica e en caracteres ben resaltados a seguinte dedicatoria: “Cruzada antimarxista. 18 de julio 1936-1º abril 1939. Dios, Patria, Franco. Primeras víctimas: José Antonio, Calvo Sotelo, Mola. R. I. P”.

O curioso desta historia é que na volta de páxina, na 182, está a acta de defunción da miña avó maltratada, falecida en 1940. Esa enorme carga de tinta con que D. Enrique modelou a cruz, pasou á outra páxina e escureceu varias das letras desa acta. Toda unha metáfora que nos fai pensar...

En certa ocasión, sendo eu moi neno, oínlle unha conversa ao Vitorino do Cadela de Ansoar (Fornas) que mantivo co meu pai, as mesmas palabras reproduzo no meu libro de contos: “Xente de inverno”, son as seguintes: “Cando foi daquelas que lle cortaron a cruz de Fornas a D. Enrique, pola festa de San Ciprián [en Merlán], chegando a Vilela, o Camilo [párroco de Veiga, falecido en 1950] envalentouse e retorceume a orella sen medir palabra. Cando quixen coller un callau e soprarlle as ventas, o D. Enrique ameazoume mortalmente, acenando coa mao dende a sotana. Aínda non sei se o facía co dedo ou co revolver. O Camilo teimaba de levarme ata a cruz para racharme en anacos igual que ficara a cruz. Aínda que eu non creo en Deus, primeiro espaldo a sete cregos que tallo unha cruz”.

A belixerancia de D. Enrique tivo seus contra pés, a rematar a guerra, os fuxidos, un deles da parroquia de Fornas, deron un asalto á solitaria reitoral, paseárono polo patio da mesma e con rotundas advertencias convidárono a ocuparse das súas igrexas e non da política franquista. Tal foi o medo que D. Enrique colleu que determinou mudarse a Chantada, á famosa Fonda Merlán, moi preto do cuartel da garda civil. Faleceu nesta fonda o 12 de novembro de 1942.

Cando a comitiva fúnebre ía camiño de Fornas, na bifurcación con Merlán, estaban os desta parroquia, con tódolos enxeños funerarios: pendón, cruz, farois e cirios e teimaron que os restos de D. Enrique tiñan que pasar por Merlán, e que nesa igrexa tiña que ser oficiado o funeral. Todo ese enorme xentío que tiña a parroquia estaba exaltado –D. Enrique continuaba tendo grande carisma para os de Merlán- e pola forza paseárono pola Torre e Vilela, despois de negociar o alcipreste, Andrés Faustino Fernández Lugilde, párroco de Pesqueiras, cos merlaneses de terlle outro funeral distintamente ao de Fornas, cederon a non levalo á igrexa.

D. Enrique López García foi un párroco querido e mesmo enigmático, que en tempos tan delicados como o dunha guerra, non tivo ese tacto de pacificar, ou mesmo retraerse no Evanxeo como moitos párrocos fixeron e defenderon de seus fregueses antifascistas. Sempre o mesmo neste pobre país, o clero nunca tomou a vía evanxélica e si a da confrontación e a dos bandos. Así lle foi, unha veces correndo detrás do pobo e outras o pobo correndo detrás do clero.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras