Lugo en Blas Lourés - 13/03/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Lugo, na multiplicidade cromática de Blas Lourés

A Lugo pódese retrospectivar de mil maneiras e obxectivalo en moitas concrecións cromáticas e espaciais, como ten acontecido durante decenios de anos crepusculares, no fragor concibido por pintores e todo tipo de artistas que forneceron heteroxéneas instancias en imaxes, nas que nos retraemos para respirar os antigos recantos do que foi Lugo e xa non é. E nesa metamorfose evolutiva de tantas particularidades e encantos que nos sigue ofrecendo a cidade da muralla e que os pintores recolleron, non hai dúbida que Blas Lourés (Lugo, 1927) ofrécenos imaxes de conxunto e de reducidos espazos neses azuis e vermellos, de abreviados trazos, dunha dimensión de permanente beleza arquitectónica e do latexo humano que se respira en todo o que Blas Lourés suxire.

A persoa que mellor resumiu e resolveu o profundo significado de Lugo na pintura de Lourés, en connotación poética, foi Darío Xohán Cabana, nun logrado e sentido soneto que transcribo:

“Se o meu amigo Blas Lourés quixera
poñer en lenzo a fraga dos meus soños
e poboala de pardais risoños
e habitala de alegre primavera;

se o meu amigo Blas pintara o río
da miña infancia engorde e rumoroso
e puxera un cabalo poderoso
bebendo augusto o claro correntío;

se o meu amigo deseñara altivas
mulleres da nación de nós en coiro
coas mans sobre a garupa do alazán,

non quixera eu tal vez máis cousas vivas
e perdérame o mundo verde e loiro
que perfilan as mans do meu irmán”.

Pois esa enorme fraga de pedra namorada, na que tantas veces nos encostamos e tratamos de perdernos e refuxiarnos, está configurada nos mellores logros pictóricos de Blas Lourés. Nesta dimensión, concrétase o alto ego en que Lugo expresa a multiplicidade de súas formas e de súas cores nese manancial de particularidades que flúen dos pinceis do noso pintor; do pensamento creativo dun dos pintores mais garridos que deu a nosa provincia, xunto a Xesús Corredoira, Xulía Menguillón e Tino Grandío. Blas Lourés conforma ese pedestal en que se erguen os mellores augurios da pintura luguesa.

Se dicimos que Blas Lourés é un pintor retrotraído á cidade de Lugo, estaríamos minimizando os contidos e as particularidades dun grande creador que revela unha Galiza dimensional e sobre todo agraria, como podemos ver no cadro: “A sega”, onde tres segadores e tres atadeiras connotan ese movemento no centro dunha enorme seara vermella. Ou o titulado: “A malla”, que representa unha das faenas mais duras da nosa labregancia, onde o colectivo rural se xuntaba para culminar un dos traballos de recolección mais importantes das nosas aldeas.

Nesta culminación do herdo popular dos nosos pintores, Blas Lourés prosigue esa tradición de revelarnos as esencias vivas dunha Galiza moi personalizada e identitaria que Castelao, Maside, Laxeiro, Colmeiro, Seoane e tantos outros souberon transcendela. Esa Galiza das romarías, das feiras, das festas das grandezas e das penurias está viva nos cadros destes autores. Velaí a nosa identidade nacional ben recoñecida e diferenciada doutras culturas e doutras manifestacións psicolóxicas. Velaí a grandeza das artes plásticas galegas cando inciden en algo básico e popular, que van alén do mal chamado costumismo.

Coñecín a Blas Lourés no seu ático atelier do Círculo das Artes de Lugo, pola década dos setenta do século pasado. Levoume alí Novoneyra e fiquei sorprendido polo que pintaba e as suxerencias que transmitía, sobre a paisaxe e a nomenclatura urbana que Loures definía. Uxío tiña grande paixón pola pintura de Blas Loures e sempre loaba aquelas pinturas que fixera sobre o Courel. Así que cando eu aparecía por Lugo e estaba con Uxío, un dos itinerarios marcantes deses enormes paseos que dábamos, íamos sempre parar ao atelier de Lourés. Aí falábamos horas de pintura e de inventivas, escolas, que sei eu. Ao saír á Praza Maior, sempre tiñamos que volver a subir, porque Uxío esquecía sempre as gafas. E outra vez a facer conversa, de tal maneira que deducín que Blas Lourés, alén de pintor era un pensador e creador de ideas pictóricas. A última vez que vin a Lourés, foi o 31 de outubro de 1999, no enterro de Uxío Novoneyra.
Compartir

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras