Melgaço, alén de belixerancias e contrabandos - 11/05/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A raia mollada ou fluvial entre o Alto Minho e Galiza, ademais da percepción común que temos destas terras que o río Miño separa por accidente melgaco 1xeográfico e non por histórico. Isto non é motivo para crer que as dúas partes estiveron sempre de costas unha da outra.

Nese longo percorrido por onde o Miño marca fronteira, do lado portugués, de Melgaço até Caminha, hai un marco de desconfianzas que emerxen da independencia de Portugal e que se manifestan na presenza deses castelos e fortalezas de preservar a independencia e a liberdade fronte a ameaza de Castela, ou do Estado español, nunca da Galiza.

Os pobos de fronteira do lado portugués manifestan todos eles ese vigor defensivo que se articula nesa torre homenaxe amurallada de Melgaço, as fortalezas de Monção, Valença do Minho, Vilanova de Cerveira e Caminha. Mais eses desafiantes arteluxos de arquitectura militar, a ambos lados desa fronteira artificial, nunca impediu o fraterno e milenario encontro entre as veciñanzas de Melgaço e Arbo, Monçãó e Salvaterra de Miño, Valença e Tui, Vila Nova de Cerveira e Goián, Caminha e A Garda.

Mais as desconfianzas que se deron outrora non impide andar por unha terra que moitos consideramos común, alén de arbitrios políticos e belixerancias de Estado. O peso do idioma, costumes, psicoloxía propia que temos en común entre miñotos e galegos, non está aliada con eses contenciosos; con esas intrigas ben calculadas que intentaron separarnos a galegos e portugueses, desde Madrid e Lisboa; foi a proteína malsán que Franco e Salazar impuxeron nas fronteiras.

Agora un pasa o posto fronteirizo de San Gregorio, exento de pides e gardiñas, polo borde esquerdo do Miño até chegar ao monumento románico da dimensionada capela de Nossa Senhora da Orada, considerado como o introito de ollar as terras galegas de alén Miño e ese Melgaço que respira autenticidade do pasado e da modernidade, que pulsa e integra eses dous mundos equidistantes pero que teñen o mesmo respiro.

Melgaço ten historia propia e aínda respira esas confidencias que o sentimento e a dignidade de súas xentes fixeron posíbel, articulando ese enorme promontorio de castelo e murallas que resistiu aos invasores casteláns, cubríndose de gloria contra os invasores a heroína Inês Negra, muller de coraxe miñoto que en 1388 esclareceu a enerxía da cidadanía de Melgaço, obtendo privilexios do rei João I e Foral de D. Manuel I, en 1513.

Multiplicadas historias relatan os dons prolíficos das xentes que habitan o Norte profundo de Portugal desde tempos pretéritos. Melgaço acumula unha idiosincrasia moi particular e sen ela o Alto Minho sería mais pobre e irredento. Todas esas particularidades que se articulan en súas freguesías ponderan todo o que representa o núcleo urbano de Melgaço. Un pobo excelentemente estruturado e guarnecido polo entorno periférico do castelo, con esa igrexa románica e rúas transversais protexidas por ese tecido de casas populares que exhiben a beleza especial dunha maneira de vivir e de compartir esperanzas.

Nesas rúas estreitas, tortuosas e silenciosas, resoa o “bom dia” do morador ao visitante que fai convivio e presente esa irmandade ao abrir conversa sobre os diversos respiros de Melgaço.

Unha cidade crepuscular que manifesta os seus portentos desde a pre-historia até o século XXI, como manifesta J. Marques Rocha, o enorme investigador sobre Melgaço e de tódalas cidades portuguesas asentadas nos rentes do río Miño: Melgaço, Monção (De onde é natural este autor), Valença e Vila Nova de Cerveira. Un libro que nos guía polos mais recónditos extremos dun microcosmos tan especial como é Melgaço.

Alén doutras particularidades que ofrece esta cidade, desde esas pareces antigas e rúas quebradas un avista a cidade nova, a que ofrece esa modernidade e que non rompe cos extractos mais antigos da cidade. Toda unha metamorfose dese tecido urbano que engade e non dispersa o que determinan os tempos na definición dos espazos.

Mais a obsesión deste viaxante, non turista, era a de procurar o “Espaço Memória Fronteira” que Melgaço recompilou todas esas minucias e pormenores históricos de fronteira; eses espazos onde as maltreitas experiencias por sobrevivir alentaron a estas xentes fronteirizas a inventar as mil e unha argucia de resistir ás leis dos ditadores e crear condicións para romper esas limitacións inquisidoras existentes dun lado e doutro da fronteira.

Cheguei ao “Espaço Memória Fronteiriza” e dona Catarina Oliveira Santos, administrativa e guía deste espazo, facilitoume –co permiso correspondente- fotografar os diversos apartados museísticos que ocupan o vangardista edificio, tan funcional como esquemático para albergar unha serie de detalles sobre a emigración e o contrabando.

Ámbolosdous tiveron unha relevancia histórica sobre os diversos extractos sociais que sufriron cuantiosas persecucións e penalidades. Aí esta viva e ben expresada unha serie de concorrencias e factores con que o pobo humilde soubo crear unha serie de tramas para fuxir daquel peso de sombras.

As fuxidas emigratorias teñen neste museo diversas perspectivas e testemuñas que aclaran moito ben as circunstancias de abandonar o país amado. Esas cartas con faltas ortográficas esclarecen o tipo de emigración e das carencias culturais e sociais que tiñan estes emigrantes, sempre cargados de manifesta saudade, como se fai connotar nos documentos expostos. Toda unha documentación escrita, gráfica e sonora que conmove; que simplifica tempos de turbulencia, represión e masacre, onde o ser humano non tiña o valor de tal, para os dous ditadores de alén e aquén Miño.

Mentres un sube por esa rampla observando tódolos documentais, sonorízanse uns pasos terroríficos, con esa carga tenebrosa de ser mesmo eles devoradores de silencio. De súpeto, a descuberta do uniforme dun garda civil, con tricorne e manto de asalto.

melgaco 2Unha patética imaxe que os portugueses de fronteira tiñan como sinistra á garda civil que eles chamaban carabineiros. Houbo varios abatidos, como ben confesan os xornais portugueses da época, aquí expostos.

O contrabando de café, gando, e outras artigos dos que carecía a España franquista, mobilizou non a poucas persoas que fixeron do río Miño unha base clandestina de mercadorías que minorou a subsistencia de moitas familias de ambas bandas do Miño. Pero moitas destas familias ficaron marcadas pola represión e a cadea, e outros deixaron a súa vida como se mostra nesta exposición.

Velaí o exhaustivo número de documentos procesais e de outro tipo de información que, sen dúbida, nos achegan alén daquelas belixerancias ao redor do contrabando e da emigración, que se deu en épocas mudas pero non xordas.

Ese escenario está proxectado desde varias frecuencias de información que atinxen a pormenores moi puntuais, testemuñas de persoas que viviron o mundo oculto da emigración e do contrabando e que se mostran nese vídeo, con elocuentes e patéticas versións do que durante tantos anos se deu nesa área fronteiriza do río Miño. Mais aí están expostos os formatos de embarcacións e outros arteluxos utilizados para cruzar o río e burlar aos gardas.

Neste “Espaço Memória e Fronteira”, atopamos un excelente libro do mencionado investigador, J. Marques Rocha, titulado: “Contrabando nas raias do alto Miño”, toda unha elocuente versión de datos contrastados que se converte nun documento base para entender os diversos procesos, instancias e espazos sobre eses puntos negros onde os aparellos represivos de Franco e Salazar operaban.

Un libro excelentemente documentado que nos fala das dúas bandas da raia. Un libro que tiña que ser divulgado na Galiza, por tantas datos e historias descoñecidas e que esclarecen tantos silencios premeditados.

Mentres me despido de dona Catarina, dáme indicacións para eu chegar ao Museu do Cinema de Monção-Jean Loup Passek, fago a seguinte reflexión: por qué todos eses feitos e aconteceres represivos que se deron na fronteira do río Miño con Portugal, desde o lado galego, seguen pertinentemente ocultos?

A memoria non interesa para moitos alcaldes de pobos que lindan co río Miño. Para eles é mais interesante cumprir a consigna de seus partidos de dereita, para ocultar unha realidade de feitos que emerxen por todas estas xeografías e que está na mente de todos.

Nesta fronteira, do lado galego, hai materia documental e oral para recobrar a dignificación dos que sufriron tanta crueldade, para expoñela nun memorando. Neste caso, podía ser Arbo, Salvaterra ou Tui, os que albergaran un museo histórico sobre a fronteira.

A memoria histórica no franquismo como no post-franquismo continúa sendo materia para esquecer e fulminar. Por iso, nós os galegos, temos que agradecer a Melgaço este encontro coa realidade represiva que executaron dous Estados totalitarios. Para nós, os galegos, ten un inmenso significado cada un dos temarios expostos neste museo da recuperación da memoria e da dignidade.

Na zona histórica un chega ao Museu do Cinema de Melgaço-Jean Loup Passek. Estaba á miña espera unha xentil guía, dona Elisa, que me mostrou as fabulosas instalacións museísticas. Todo un engado no que se respira en cada un dos departamentos e salas.

Este museo foi inaugurado en 2005, e débese a unha doazón do cinéfilo francés, Jean Loup Passek que en visita a Melgaço, ficou impresionado por estas paisaxes miñotas que doou toda a súa colección con carácter permanente.

Os temarios expostos van desde o pre-cinema até unha longa temática cinematográfica dos irmaos Lumière, con distintos aparellos retrospectivos que foron articulando os diversos procesos técnicos do cinema actual. Carteis e fotografías dos grandes filmes e dos grandes directores e actores. Todo un insólito panorama sobre o cinema que se ofrece en Melgaço.

Un continúa a ruta museística e dentro da fortaleza está o Museu da Torre de Menagem, outra xentil moza, dona Fátima, advertida por dona Elisa, mostra a exposición do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, con efectivos que van da pre-historia até a idade contemporánea. Todo un escenario no que se expón a historia de Portugal e nutridas particularidades de Melgaço. Aquí a cultura é un luxo e, talvez, un vicio construtivo e exemplar.

Desde esta ática torre a paisaxe tamén nos entroniza a outras preferencias que é o xantar (almoço), que para miñotos e galegos é a comida do mediodía.

Nesas circunstancias, un tratou de domesticar a fame na Adega Restaurante Sabino, diante do Concello (Cámara Municipal), nunha histórica tasca fundada polos anos corenta, por Maria José Saraiva e João António Marinho. Un restaurante con perfume a autenticidade da terra de Melgaço e a súas variadas utilidades gastronómicas. E nese desafío que o apetito demanda, atrevinme a degustar lamprea con arroz e cabrito do monte, especialidade da casa Sabino. Unha delicia para gardar do saco das memorias.

E o viaxeiro enceta ruta cara Arbo, e pasando o Miño, a lembranza conmóveme con historias do pasado mais inmediato da emigración e do contrabando. Tamén véñenme á memoria aquelas liortas nas pesqueiras do Miño, entre portugueses e galegos, en Caldelas de Tui, que recolleu no século XVII Gabriel Feixoo de Arauxo, o primeiro dramaturgo do teatro galego, que escribiu, “Entremés famoso sobre da pesca do río Miño”. Nese desafío de palabras e palabróns, un portugués advirte aos galegos:

“Quedáo cein homes na pedra
pesqueira táo afamada,
os mais fortes da manada;
por eles náo será quebra.
Pois os que conmigo vein
sáo escullidos ó dedo,
o diabo lles tein medo
queles a él náo tein”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras