IV Festa da Palabra Poética - 31/07/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Nesa abastada festa poética onde concorre a palabra ergueita e soberana na “Insua dos Poetas”, no Irixo, a moi poucos quilómetros do Carballiño, monumento a celso emilioconcretamente en Esgueva de Madarnás, xusto naquela longa carballeira que custodia as viravoltas dun río de augas lentas que baixan na plenitude de seus arrechouchíos. Xusto neste recanto-encanto, convocounos seu organizador, o poeta Luís González Tosar, ao IV certame dunha festa coral onde a palabra viva ampliou escenario de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, no centenario de súa nacencia.

Entre carballas e monte raso ergueuse a inaugurada escultura: “Irmaus”, do artista Manuel Penín. Unha escultura estrelecida na luminosidade da poesía que nos deixou Celso, como himno de irmandade que tantos cantan e bocexan en tódalas xeografías galegas. Aí, entre o espeso carballal de Tosar, no aconchego dese montículo sen excesos, como abreviando o enorme poder da poesía, a nosa, elévase esta testemuña de bronce. Aí fica ergueito une monumento escultórico que Celso merece neste profundo bosque de suculentos encantos, facendo compaña aqueloutro monumento erixido no III certame da palabra, en honor do poeta de Parga e chairego de tantos encontros e albores, como foi Xosé María Díaz Castro, cuxa poesía agarda (agardamos) facer honor ao Día das Letras Galegas a el dedicadas non lonxe destas kalendas literarias.

Xosé María e Celso, fican irmandados no silencio deses arboredos druídicos, onde quizais os bardos fixeron liturxia coa palabra antiga que neste evento se perpetúa.

Coido que resultou un acto moi activo pola presencia de escritores, intelectuais, políticos e xente do pobo, a que pisa a cotío lama e trollo. Un evento de irmandade, destas características, precisa de apoio e de presencia para que o facho do lume sacro poético ilumine a Galiza nos cruces de camiños onde o encontro e o convivio de irmandade, moitas veces non é certo.

Confraternizar a palabra, mesa e mantel é moi importante nos tempos que corren. Erguer o verbo minucioso, sen barreiras e sen articulacións escurantistas, como o de González Tosar, en súa proclama de benvida, promove esperanza. Ramón Nicolás, un dos que mais sabe de Celso Emilio, deunos pinceladas sobrias e de rigor que confortou a todos os que coñecemos a Celso. Xesús Alonso Montero con súa palabra cívica e rexa, concreta e revolucionaria ofreceunos un florilexio de matices sobre o grande poeta de Celanova. Xosé Luís Méndez Ferrín glosou e vertebrou as marabillas dos recunchos que ofrenda o Irixo, por vales, montes e ríos esa articulación que acada nobres recantos da terra ourensá. María do Ceo, a musa dun cantar fadista do épico Camões, da lírica de Luís González Tosar nos sons dos seus músicos mais íntimos, Xosé Salgado e Álex Salgado, marido e fillo, respectivamente, ecoando voz por auga remansada. As gaitas de Marcos Foxo e Tania Älvarez, proclamando país verdadeiro. As “Setecarballas da Insua dos Poetas”, como premio e galardón a persoas que se teñen destacado na creación literaria, artística e na defensa da natureza e, sobre todo, dese Irixo que detesta do lixo e das estrumeiras que nel queren impor. As palabras obrigadas de Jesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, aportaron apoio a este singular evento. Tamén, Manuel Baltar Blanco, Presidente da Deputación de Ourense, manifestou ese elo reiterado de ourensanidade. Ao final, Manuel Penín, debelou a evocativa e ática escultura, outra presencia mais de Celso Emilio que todos precisamos dela e da súa “Llama de amor viva” (San Juán de la Cruz, dixit).

Nunha festa destas características, engrandece a Galiza e fai honor a quen a organiza. Como dicía José Martí: “Honrar, honra”. Unha festa singular no que se articula unha pluralidade aberta, que remata nun banquete popular, aderezado con música e ao mais antigo estilo que os galegos celebraban estes convivios, sen desencontros, como confirma o cronista romano, Estrabón. Longa vida á “Festa da Palabra”, na “Insua dos Poetas”, no Irixo.

Na foto, en primeiro plano, monumento a Celso Emilio. Ao fondo, o de Xosé María Díaz Castro.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras