A navalla de Manuel María nas maos de Valdi - 07/09/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Quen mellor que Xosé Val Díaz (Valdi) poida gardar e utilizar ese oráculo, que corta amarras e defende persoas e nación, como é a navalla de Manuel María. Unha navalla de portentos e agarimos: labrega, mariñeira e proletaria; defensiva e ofensiva. Que modela unha vara e decora un caxato. A navalla sempre é ben levala como íntimo agarimo e se é a de Manuel María –como neste caso acontece- será sempre unha navalla lírica, co verso no gume, para adobiar tódalas benquerenzas dun soño de esperanza, de dignidade e liberdade.

Qué sería dos nosos aldeáns sen unha navalla de bo temple, laborada na forxa por un ferreiro da estirpe de Vulcano? Pode que sexa a navalla a titular e a decana das nosas antigas ferrerías, onde se proxectaban e facían desa maneira tan simple e tan íntima, pensando na poderosa utilidade e, tamén, ser elocuente artesanía. Esa folla laminada, portentosa e respectada, ben mangada co pau do quercus robur centenario, ou de buxo iluminado e transcendente, con esas filigranas esculturais, para ser tesouro do peto, ser defensa do corpo e de estrelecida alma galega.

Ferramentas esculturais non lle faltan a Valdi, mais entre eses tantos apeiros faltáballe a navalla de Manuel María. Unha navalla moi especial que abre fendas e moldea arte na madeira, que defende a palabra galega e conspira contra os arroutos dos nefandos que nos negan autenticidade. A navalla sempre mostra as nosas sinais identitarias. É o noso ADN de aceiro, ferro e verso de autoxestión e determinación. Nunca entendín a un galego sen unha navalla no peto para defender honor e peito de país.

Manuel tiña e continúa tendo unha colección dunhas duascentas navallas, cada unha delas tiña a súa historia, ou a que o poeta lle atribuíu. El levaba unha moi especial, a da súa avó, docemente gardada como un tótem sacralizado e purificador. Por iso que a navalla de Manuel María nas maos de Valdi vai definir certezas na madeira e articular esencias figurativas da nosa identidade e da nosa memoria.

Na carballeira de Santa Isabel, nos rentes do Miño manso de Outeiro de Rei, entre a memoria e a presenza íntima, silenciosa e inmorredoira de Manuel María, cos figos de Esperanza, o viño do Cachón de Sober de Luís F. Guitián, o queixo de San Simón, as palabras xurdidas do noso cancioneiro e do noso pentagrama adobiarán a exaltación da navalla. A navalla que se entrega na druídica devesa será custodia de Valdi e que el gardará no seu peto de pana ou mesmo no da alma.

Valdi merece ter esa elocuente navalla tan especial para cortar as amarras dos que secuestran a nosa memoria. A memoria dos que precisan estar honrados como precursores e defensores que o noso escultor propaga e protexe na monumentalidade que exhibe en varios referentes das nosas xeografías. Valdi, forxador de ideas que resplandecen na pedra e na madeira, recibirá a navalla de Manuel María como símbolo de ser, estar e defender Galiza. Neste 8 de setembro, data do pasamento do poeta de Outeiro de Rei, a nosa homenaxe farase sensíbel na lembranza de quen aínda transita, despois de oito anos de ausencia, como referencia emerxente de tanto porvir que precisamos. Simplemente, temos seus azos e seu exemplo.
Compartir

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras