En Pardiñas - 10/09/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

PREGÓN DO XXXIII CERTAME DA FESTA DE PARDIÑAS

 

Estimados festeiros e concorrentes a este XXXIII certame da festa cívica de Pardiñas, que vindes a facer convivio, a continuar esa tradición amparada polos nosos antergos e á ampliar cultura festeira e festiva, na que sempre este noso pobo soubo ornamentarse con as mellores galas do sentimento e da memoria colectiva.

Pardiñas é un dos exemplos no que se rescata esa vivencia do pasado e, tamén, do presente a darlle ese pulo de actualidade e de congregación plural. Unha festa enraizada na festividade de algún nome de santoral ou de algunha deidade do pasado mais remoto. Aquel outrora de presencia festeira e romaría, concrétase nun novo escenario de realidades que se encetou fai trinta e tres anos. Así que Galiza debe moito a seus mentores, Alfonso Blanco Torrado e a tódolos veciños de Pardiñas que fixeron posíbel rexuvenecer e integrar convivencia a este evento, que ano tras ano veñen agrandando con matices e lexitimando a idiosincrasia galega. Coa lembranza do pasado e a viveza do presente faremos acomodos e confirmaremos o futuro que xa non nos tocará vivir, pero si resplandecer nel.

Esta festa non deixa de ser unha autoprotección ante imposicións alleas e introduccións foráneas que os que nos desgobernan intentan atrapallar a nosa cultura. Pardiñas –reitero- é un exemplo a seguir, para fortalecer o pasado na renovación do presente. Un dos festeiros maiores que ano tras ano peregrinaba a Pardiñas foi o poeta Manuel María, lembro en certa ocasión en Barcelona que estaba obsesionado por estar nesta festa. Teimaba e teimaba, contando os días de regreso e dicía que non lle podía faltar ao Alfonso e a Pardiñas. Manuel María foi o cronista mais preciso de anotar a relevancia desta festa de encontros e nunca de desencontros. Relevancia tal que só un poeta da dimensión de Manuel pode ofrecernos desta festa cargada de humanidade pola simple razón de que é popular. No poemario: “Versos para cantar en feiras e romaxes”, Manuel María relata: “Á sombra das vellas carballeiras/ xa non se escoitan muiñeiras/ como no tempo dos avós”.

Que visión mais nítida tiveron os nosos poetas cando nos alertaron do que se perde e do que deixamos perder. Estas queixas veñen de lonxe, xa no século XVI, o quiñentista portugués, Gil Vicente, alertaba da alteración tradicional, ao dicir:
“Em Portugal ví eu ja
en cada casa pandeiro,
e gaita em cada palheiro;
e de vinte anos a ca
não ha gaita nem gaiteiro.
(...)
Só em Barquerena havia
tambor em cada moinho,
e no mais triste ratinho
s’enxergava hüa alegria
que agora não tem caminho.
Se olhardes as cantigas
do prazer acostumado,
todas tem som lamentado,
carregado de fadigas,
longe do tempo pasado.

E no ir deste laio do que se perde, o poeta brañego, Noriega Varela, en 1904 escribía:
“O que a Galicia mal queira
pode vivir sosegado:
fun o vinteoito á feira
e non vin unha monteira,
nin un dengue colorado.

Quezais alguén me non crea:
os sombreiros de Sevilla
están de moda na aldea,
e n’hai bonita nin fea
que non chufe coa toquilla”.

Nesta nosa Galiza actual o pasado histórico non se renova, aniquílase por decreto. Aos colonizadores actuais lles molesta a perpetuación do pasado. E no prodixio do pasado, a tradición aínda respira nestas manifestación festeiras. Ante tais carencias debemos practicar un código de conducta que axuden a manifestar e proclamar as nosas festas nesa dimensión tan singular de vivencias e convivencias.

As nosas festas tradicionais son un dos atributos que revelan autoridade comunal da nosa singular personalidade que marca no ser e no estar a dinámica mais contundente de ser galegos. De vivir e convivir dentro dos lindes xeográficos dun idioma, dunha psicoloxía propia, na extensión dunha antropoloxía e etnoloxía que nos diversifica dos demais. Esa cultura inmaterial, onde as festas son o prodixio inalterábel de permanencia, ten en Pardiñas a sobria recolleita dun pasado que lexitima todo o ventallo identitario no que permanecemos. Na transcendencia da tradición festeira do ciclo castrexo, dixo o cronista romano, Estrabón: “Os galegos eran frugais pero non desprezaban a fartura e a ledicia dos banquetes festeiros. No intre de beber o viño executaban danzas ó son de frautas e trompetas, consistindo en pórse en rolda, choutar no ar, e axeonllarse”.

Mais os cantos e as danzas non se reservaban só para as festas, como refire o cronista romano, Silio, cando describe aos mozos galegos do exército de Anibal, dicindo que “cantaban versos descoñecidos, divertíanse facendo resoar seus escudos e emitindo un ululare (aturuxo)”. Velaquí os vestixios e frecuencias da tradición que aínda permanecen connotando a súa presencia en nós.

Como podemos explicar esa transcendencia do pasado que permanece no presente, sen valorar ese sentimento nacional aínda que non teñamos conciencia de nación? O proceso histórico destas manifestacións festeiras anticípannos o común orixe destas prácticas. Aínda que os nosos colonizadores pretendan dicirnos que hai unha ruptura entre o pasado e o presente no caso galego. Mais, coidadiño coas pretensións de homologación e das tendencias que afloran no desprestixio das nosas manifestacións culturais erixidas polos colectivos populares. E unha das tradicións mais potentes e comunitarias son as festas, non as que nos veñen de fora senón das que se sustentan co noso espírito comunal e identitario. Esta festa de Pardiñas é un exemplo para combater a desnacionalización cultural. E non fai falla entrar en metafísicas do comportamento dos galegos, só o estímulo destas manifestación festeiras aclaran moito de nós e corrixen pautas foráneas.

Cando o pobo recoñece a súa autenticidade e reafírmase na tradición como protagonista de festas e romaxes feitas á medida de súas necesidades, está cultivando o herdo cultural dos nosos devanceiros. O que sempre teremos que potenciar o fundamento desa orixinalidade creadora para dar continuidade ás esencias identitarias. É por isto polo que temos que reivindicalas e sostelas criticamente fronte ao despoxo, voracidade e deformacións interesadas, rescatando e potenciando esa luz festiva que a mediocridade tenta escurecer.

En tódalas modalidades destas festas, podemos entender o significado mais expresivo da tradición como necesidade de sustentación histórica dun pobo que tenta superar estancamentos. Na transcendencia histórica dos pobos o que non sexa tradición é plaxio. A tradición é emancipadora; plaxio equivale a desfeita. A tradición, no pobo galego, sempre foi a conductora da dialéctica do entusiasmo que cristalizou integración.

A tradición cultural dun país como o noso, non somentes é o que se le, o que se di e as imaxes que se emiten del, hai outros valores instrumentais que debemos activar para dimensionar e continuar potenciando, para asegurar a súa continuidade sobre conceptos sociais, cívicos e culturais, que é o que estamos realizando cada un dos presentes nesta festa de irmandade e tradición popular en Pardiñas. E cando os galegos dicimos popular, sabemos ben do sentido tácito do mesmo, que non quere dicir folclore.

Por qué os galegos conformamos unha nación? Porque temos un sentimento que nos leva a expresala en moi diversos e puntuais eventos como esta festa grande de Pardiñas. Porque temos conciencia de normalizala e superar situacións intervencionistas. Se damos unha retrospectiva aos eventos festeiros e festivos, desde o que sinalou Estrabón, pasando por Prisciliano, polas regulacións dos tres concilios de Braga, da indispensábel aportación do mundo trobadoresco galaico-portugués, cuxa expresión mais contundente de afirmación tradicional e popular son os nosos Cancioneiros, dadores e transmisores do noso existencialismo nacional.

Nesta festa de Pardiñas non hai excesos estrambóticos, plaxios doutras culturas foráneas. Aquí vemos renacencias xurdidas das reminiscencias do pasado as que nutren o noso ser como galegos. Aquí en Pardiñas non só se toca unha gaita e se danza unha muiñeira; aquí están presentes os artífices de articular estes instrumentos e os educadores en ensinar os pasos contados da nosa danza. Aquí concorren os artesáns con diversas modalidades artísticas de seu artesanado, onde Galiza ten profundos respiros de permanencia. Aquí hai comes e bebes, sempre con troula e irmandade; convite certo a todo aquel que pasa diante de mantel tendido.

Velaí a delicadeza da irmandade tradicional co aturuxo conmovedor e panteísta que resoa entre estas carballeiras protectoras. Aquí non dicimos que se fale galego, senón que todos nós o falamos.

Amigas e amigos, vir a Pardiñas é recobrar miles de primaveras do noso pasado, da nosa tradición na que se recobra vitalidade, conciencia solidaria como precisión de erguer e liberar nación. Pardiñas é un exemplo a seguir para restituír festas e romaxes que se disgregan das raiceiras da tradición que lexitiman a nosa existencia como galegos. Como nos dixo, o grande poeta destes eidos de Guitiriz, Xosé María Díaz Castro:

“Terra do tempo, miña escada escura,
rocha de sombra onde o mencer aniña”.

E no seu inmenso poema: “Penélope”, confirma a nosa Matria:

“¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

Festeiras e festeiros xuramentémonos todos para facer pais, para lexitimar tradición, alborozo e ledicia de festa interior que noso sentimento proclame: festa, festa e mais festa. Moitas grazas.
Compartir

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras