A festa e feira de Merlán 13/09/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A freguesía e couto de Santo Tomé de Merlán (Chantada), noutro tempo feudo parcela dos condes de Taboada e Ulloa, e, mais tarde, do señorío dos feira merlanQuiroga. Unha parroquia na que se sustentou xurisdición, forca, soga e coitelo, con torre defensiva que serviu de cadea no lugar da Torre. Un espazo capitolino que concentra a capela de San Amaro, a escola parroquial e o campo da festa e da feira. Todo un ente identitario do que emerxeron unha suma de valores, de resistencias e pretensións para cultivar a tradición no que compete ao marco xeográfico existencial.

Neste perfil, Merlán é unha parroquia que aínda exhibe a súa cultura castrexa, as súas marcas romanas, os seus documentos medievais e contemporáneos, nas que se concreta unha multitude de portentos que definen a idiosincrasia deste antigo couto de Santo Tomé de Freixedo, como así se chamaba até o século XIV, transferindo seu nome ao lugar de Merlán, e que é o que predomina actualmente. Unha xeografía, pois, cruzada polo trazado de dous camiños reais e por un patrimonio cultural e arquitectónico no cal se tece o patrimonio inmaterial, con tantos resortes históricos e cun caudal de manifestacións que manteñen viva a tradición oral desta parroquia.

Merlán non é o meu espazo de nacenza pero si de naturalidade; é a parroquia de meus ancestros que así o testemuñan os documentos parroquiais e forais desde o século XVI. E nestas instancias inscríbome na lexitimidade da tradición que practican ao redor da festa grande, dotada de tres días de reservaba festividade e dedicada ao bispo de Cartago, o douto e mártir do século III, Thascius Caecilius Cyprianus, mais coñecido por san Ciprián ou Cibrau. Unha festa que se entronizou en Merlán a principios do século XVIII, desprazando a san Amaro, padroeiro da capela da Torre e milagreiro dos reumáticos, dons transferidos por san Amaro, pola graza e vontade do conde de Taboada ou polo señorío dos Quiroga. Esta festa dedicada a tan alta santidade martirizada prevaleceu puntualmente até hoxe. Con trescentos anos de historia consideramos que cada xeración lle deu a súa propia versión de mantela viva como agora a descoñecemos eses roles.

Os cambios e os abusos que se introducen en moitas das nosas manifestacións, como son as festas, proceden do descoñecemento do modelo e da canónica que se seguiu até agora. Por iso o cambio de conceptos que eliminan as normas tradicionais son un tanto agresivos. A tradición ten un peso obxectivo que é o fío condutor de transmitir as esencias vivas do que debe resplandecer para cultivarse.

Neste sentido, as procesións de antano de levar a imaxe do santo en catro andas, como así figura no Dereito Canónico no que respecta ás procesións, foron eliminadas. Agora a imaxe de san Ciprián é levada e zarandeada por dúas cabras que tiran dela nun carriño, este espectáculo non deixa de ser ridículo e ostentoso, por non dicir horteira. Ou a custodia que lle fan cabalos e cabaleiros á imaxe de san Ciprián –unha moda que non está no guión tradicional-. Se o bispo de Cartago levantara a cabeza e vise tal argumento, abofé que a agacharía coidando que os seus perseguidores, os centurións romanos, e as pavorosas pisadas de seus cabalos estaban de novo a perseguilo.

Para moitos estas prácticas poden parecer innovación, modernismo mais non deixa de ser un espectáculo que está dentro dun marketing pouco entendíbel e menos dixeríbel para os que cremos na tradición popular dunha relixiosidade que mantivo vivo o acerbo dunha parroquia e dun contexto determinado de festa.

Neste sentido, mal nos pode ir –no concepto de festa- cando desprezamos a ética tradicional impoñendo unha nova estética nada popular e moi populacheira e caprichosa. Non estou falando de profanación do lado relixioso ou místico. Non gusto da palabra profanación, e si de alteración no que respecta a unha romaxe tan popular como a do san Ciprián, en tódolos seus contidos, que connotan e preservan as raiceiras de nosos antepasados. Quen isto escrebe non ten o afán e menos a vulgaridade de crear polémica sobre conceptos de ética e estética, mais hai maneiras de facer as cousas para erixir a alma dunha festa.

Nesta cuestión dou meu parecer, moi persoal, porque me sinto de Merlán, miña primeira nación, e amo esa tradición de festa e, ademais, colaboro coa festa e feira en todo o que se me pide. Por iso os meus argumentos teñen un ton e son de flexibilidade cívica, pero contestataria.

Sei que a comisión de festas xurdida da AA.VV de Merlán ten ese afán de abastecer de grandilocuencia unha festa que veu a menos, como todas as do entorno rural. A esta asociación se lle debe o esforzo, contra reloxo, dun traballo impagábel de mozas e mozos e dos veciños de Merlán. Nesta dirección, houbo estratexias que eu mesmo aplaudín e apoiei como foi o cambio de data da festa, pasar da rixidez que tiña durante os días 16 (festividade de san Ciprián), 17 e 18, e admitir outra mais sustentábel por problemas laborais que viñan a diminuír convocatoria, transferindo ao terceiro domingo de setembro e mantendo o venres e o sábado que o preceden como o inicio das festas, para non restar os tres días de festa tradicional. Neste cambio de data houbo división de criterios e pareceres, mais predominou a sensatez de adaptarse aos novos tempos.

Neste proxecto da AA.VV., deuse pulo á feira das cabras dunha maneira rotunda, dado que a festa de San Ciprián tamén mantiña aquela feira anual de cabras que de diversas xeografías da bisbarra viñan facer feira en véspera das vendimas ribeirás, onde a carne salgada e cocida era o manxar substancioso nas adegas viñateiras e o odre curtido foi algo fundamental para carrexar viño por carreiros de ribeira.

Á marxe da boa programación e convocatoria que se fai para os días 14, 15 e 16, a comisión de festas de Merlán merece distinguila coa presenza masiva de festeiros para contribuír a ese esforzo e manter a antiga elocuencia da feira das cabras, que ten que ser sustentábel como referencia de todas aquelas feiras da comarca que deixaron de existir. E neste caso insólito de Merlán, as institucións locais, provinciais e da Xunta de Galicia deben estar atentas ao que aquí se restitúe da tradición para apoiar sen apelativos a esa dinámica proposta da AA.VV., de Merlán.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras