A vella feira da Gouxa - 13/12/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Digo vella feira porque a súa antigüidade remóntase a creación daquelas feiras que os monxes de Oseira foron ordenando nun extenso perímetro de feira da gouxamoitos quilómetros, como a do Carballiño, A Gouxa, Rodeiro, Río, Agolada, Vilamarín, Carballedo, Trasouteiro e Penasillás, estas dúas últimas nas faldras do Faro chantadés, xa desaparecidas.

Feiras todas elas cun potencial de gando importante que se criaba en ámbolas dúas costas do monte do Faro e das serras da Martiñá. A Gouxa é un pequeno lugar da parroquia de Bidueiro, do concello de Dozón, provincia de Pontevedra. Xeograficamente ocupa parte dese monte intermedio por onde desfilan acuáticas trobas de ríos, regatos e riazóns que descenden do monte do Faro. Alí está A Gouxa, cos respiros do que foi feira de portentos labregos, non lonxe de Oseira e das tres divisións provinciais: Lugo, Ourense e Pontevedra. Por onde pasaba e pasa o camiño da Prata con peregrinos e penitentes. E a antiga estrada como a nova autovía de Santiago a Ourense que se deixan ver desde os promontorios da Gouxa.

A esta feira concorrían das tres provincias a catar bo gando, groso e miúdo. Tiña fama a súa feira e, ademais, tiña historia, que foi calando nos dicires populares, das notábeis xugadas de bois que alí se vendían e que os ladróns de outras épocas e salteadores de camiños tiñan pola Gouxa prioridade, acomodo, cobertura e sólidos escondedoiros. Historias que atormentaban, sobre todo, aos nenos, como a min, que escoitei falar dun crime famoso, nos albores da década de 1950. Un crime que os malfeitores cometeron cun labrego que vendera unha xogada de bois. Desa triste noticia había varias versións nas terras de Chantada, moitas delas parecían auténticas novelas. Para min, A Gouxa era unha terra distante e tráxica.

Tardei en coñecela e un día de feira, que se celebra os días 11 e 23 de cada mes. Fun a esa terra rasa, soleada, apracíbel e sen contenciosos, mais sen gando e sen facenda. O seu pasado lustre e portentos o observamos nos agora decadentes pendellos do século XVIII, abandonados e aínda en pé como suplica de continuar ergueitos como menhires silenciosos. Un enorme círculo gandeiro xa sen reses, sérvelles a moitos de mexadoiro.

A ámbolos lados do camiño central, os tendeiros de roupa ocasional para o traballo diaria, lanzan seu berro de reclamo. Prezos de barateira, axeitados ao peto dos labregos. Ferraxería e ferralla miúda. Até eu me animei a mercar unha faca portuguesa de acelerado corte; unha catana brasileira desas que erguen os coitadiños dos operarios nas facendas. Símbolo, tamén, da guerra de liberación nacional que ergueron os angolanos; e unha coitela de bo tempero e de arqueado deseño, ben parecida as que ergueron as hostes de Roi Xordo escorrentando nobreza e señorío. Merquei estas tres prendas defensiva e ofensivas. O meu amigo e veciño, Xosé o portugués, tiña medo que nos pararan os gardiñas e nos acusaran de bandidos.

Noutro dos beirais da feira unha colección de gaiolas con aves nunca vistas por algúns, entráronlle polos ollos ao meu outro amigo, o Antonio do Gaiteiro de Costoira. Cativárono esas galiñas exóticas, que os mozambicanos chámanlles “galinhas do mato”. O Antonio, só a verlles os movementos presentiu que tiñan que dar boa carne e mercou catro. Así que á falta dos nosos produtos prospera o exotismo.

Nas paradas de polbo abrimos apetito e as polbeiras reclaman sustento de clientela. Unha desas da parroquia de Arcos (de onde son as verdadeiras polbeiras do Carballiño), coidando que eu era un crego, acomodounos unhas racións que nos serviron nun local de feira. Un espazo moi especial e orixinal, pola vetusta rusticidade dese local que parece decadente, mais por iso non deixa de ser acolledor e que nos lembra aqueles antigos pendellos que daban graza e sostibilidade ás nosas feiras. Un local onde se degusta, despois do polbo, carne ao caldeiro, que ben a ser o esencial dunha tradición que se deu en tódalas feiras que compartiron ese radio de acción dos dominios do mosteiro de Oseira. No fondo deste local, sae calor e olor especial, da carne que coce en enormes caldeiros que varias donas atenden á cocción e aos comensais. Os clientes son maioritariamente homes temperados para facer honor a un bo xantar de polbo e carne cocida, con viño tinto do ribeiro.

Nese bulir de servidoras e servidos, o seu propietario, Manuel da Corna, pon atención aos pratos baleiros para acugulalos con mais carne. Manuel da Corna é unha persoa xentil, que atendendo aos comes e bebes, fai conversa de feira. Nesas amábeis conversas xurde o tempero da vella feira da Gouxa, que aínda que non é a dos tempos idos, aínda recende a pasados e a memorias sorprendentes.

Feira feita, un regresa a Chantada a través desas paisaxes ourensáns de Piñor, Cea e Vilamarín. Paisaxes que axudan a que a pitanza sexa dixestiva e o corpo teña relaxación. A Gouxa propicia tantos dons impagábeis que recompensan o longo ir e vir.feira da gouxa

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras