Crise do bipartidismo - 12 Decembro 2013
logo nosjpg

Unha das importantes crises polas que pasa actualmente o Estado español é o bipartidismo. Os mais neófitos en política poden observar como a crise económica, entre outras, aceleraron o proceso de pór ao descuberto toda esa maraña destecida desde a Constitución de 1978 até hoxe.

Unha das importantes crises polas que pasa actualmente o Estado español é o bipartidismo. Os mais neófitos en política poden observar como a crise económica, entre outras, aceleraron o proceso de pór ao descuberto toda esa maraña destecida desde a Constitución de 1978 até hoxe. Xa somos bastante adultos na pretendida democracia para sospeitar e nunca entender os amaños de dúas forzas políticas que monopolizan o poder e que fixeron unha Constitución á medida de seus intereses. Unha réplica ben antiga do bipartidismo de Cánovas e de Salmeron, que durou anos e articulou os maiores escándalos de corrupción e caciquismo.

"Sospeitar e nunca entender os amaños de dúas forzas políticas que monopolizan o poder e que fixeron unha Constitución á medida de seus intereses"

O descrédito do bipartidismo, na opinión do cidadán medio, advírtese desde unha panorámica sombría fronte a grave problemática pola que están pasando millóns de familias sen sustento e en plena precariedade que en miles de casos xa podemos falar de pobres de solemnidade. E nesta desfeita cuantificamos a Constitución de 1978 amañada por dúas clases sociais, dunha dereita todopoderosa e saída do franquismo e outra que tiña o afán de sustentar o poder con tódalas ataduras e ambicións que aceptou do pasado. Mais agora comezamos a darnos conta da fráxil e teimada soberanía do pobo que continúa residindo na mais ortodoxa nomenclatura do todo poderoso bipartidismo representado polo PP e PSOE. Os dous, exclusivamente, amañaron a lei electoral que os beneficia; os dous van de maos dadas en temas de cambio de algún artigo da Constitución pasando por enriba dos propios dictames constitucionais, excluíndo aos demais partidos.

A resistencia é tal, por parte do bipartidismo, a non ceder no que monopolizan dese herdo nefasto que foron sustentando con esa terríbel paranoia que ilustra o que aínda continúan emitindo frases sen contido como “Estado de benestar”, “Estado de dereito”, “Estado das autonomías”. Todos estes termos son materia de ficción, secuestro da realidade ao non admitir a eterna frustración dos desposuídos. Resulta paradoxo que a letra constitucional diga que todo cidadán ten dereito á vivenda, cando a realidade dos desafiuzamentos é outra e para os desaloxos utilízase a forza pública do Estado despótico, mal chamado democrático.

"O problema das nacionalidades históricas coa inercia de Cataluña fai tremer a ese Estado das autonomías, amañado como colchón para amortecer os golpes dunha realidade plurinacional que late e bate".

Urxe cambiar de referencia, sobre todo do xogo vicioso do bipartidismo, a que predomina até hoxe está completamente caduca. A problemática é tan fonda e duradeira que o bipartidismo xa non ten respostas, e as que poida dar para atallar a súa caída empicada xa non se salva nin con paracaídas. O odre vello está demasiado remendado para soster novo líquido que o fai rebentar por tódalas bandas. Os que señorean o bipartidismo dálles pánico un novo odre.

O problema das nacionalidades históricas coa inercia de Cataluña fai tremer a ese Estado das autonomías, amañado como colchón para amortecer os golpes dunha realidade plurinacional que late e bate. A miopía do Estado único e resoluto; o españolismo elevado ao pedestal dun nacionalismo sen nación, con seus tentáculos devoradores cara outras nacións e culturas que non se teñen en contan. Todo o contrario, trátase de esgrimir tódalas armas para potenciar con mentiras e picarescas esa realidade que a santa unión do bipartidismo amaña.