Os políticos e as tramas corruptas- 15/01/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Hai unha sensibilidade meridiana na sociedade actual que transcorre entre as graves dificultades que a angustian, nos mais diversos problemas sociais e económicos, e unha clase política fachendosa e cargada de privilexios, grazas a esas dotacións corruptas, froito dun dominio asolagado e incontrolado que aos homes de Estado non lles convén nin descifrar nin impor leis drásticas contra este estado de cousas tan sutís, pero tan contundentes como é a acción mafiosa que impera na familia política.

Neste caso hai excepcións notábeis, que fan honor á palabra “política” que para Aristóteles significaba ser “a arte de gobernar”. Son poucos, pero os hai honestos e moi vencellados aos problemas que sufre o pobo asalariado. Estes políticos da minoría honesta resultan ser os verdadeiros representantes dunha futura democracia, ben distinta a esta que nos asfixia, por estar sostida e dominada por corruptos. Corruptos de variadas especies que concorren a servirse da política e de outros anexos a ela para contraer fabulosos patrimonios a conta dos contribuíntes.

Lendo a S. Xoán Crisóstomo (século IV), decatámonos que o problema ten unha profundidade na avaricia de tódolos tempos e espazos. Este douto da patrística encomendáballes aos novos cristiáns da época, marcar diferenzas cos políticos que ían arranxados de relucentes roupas e de pomposas riquezas, cando sinala: “É que non vedes aos dirixentes políticos, como se afanan por levar uniforme con insignias imperiais? Por elo queren que se lles rendan maiores honores, tendo escoltas e fortunas terreais”.

Desde estas sentencias de S. Xoán Crisóstomo pasaron mil setecentos anos, e aínda que pareza unha contradición de que as cousas non teñen cambiado. O cambio é abismal, comparando o Imperio Romano en descomposición ante o mundo de hoxe, potencialmente globalizado. Aqueles axentes ricos do imperio fardaban para impresionar á plebe. Os corruptos globalizados non deixan rastro na indumentaria nin nas súas contas correntes. Calzas vaqueiras e millóns de euros confinados e amagados en refuxios blindados, este é o estilo estético e ético dos opresores actuais. O silencio é o mellor aliado para manterse nas falcatrúas multimillonarias. E nesta visión de ver o seu universo económico nos excesos da usura e da rapina, para eles non hai barreiras nin puntos de chegada, esta é a mística destes sobreviventes da elasticidade do roubo.

Cando un é capaz de reflexionar sobre as tácticas de Urdangarín, usando a mecenas de Estado, en todo o que sospeitamos da política, mesmo arrepía. As últimas noticias que nos chegan desas relacións tan enmarañadas sobre unha suposta implicación da Zarzuela cos fraudes de Urdangarín, pode que alteren o alter ego en descomposición institucional da xefatura do Estado e da monarquía. Nesta situación tan grave para a cidadanía, pensamos naquela estrofa do “Libro de Alejandro”, que di:

“Fue el Rey con todo esto la palabra perdiendo,

la nariz aguzando, la voz enronqueciendo;

dijo a sus barones: “Ya lo estais viviendo,

arrenuncio del mundo y a Dios me encomiendo”.

Versos premonitorios, talvez? Alén das atractivas noticias do descaro e das consecuencias que poden ter, os cidadáns presenten o desenlace benévolo que pode ter este asunto. Así son de concretos os favores na mais oculta tebra, do que non nos deixan percibir en clave política.

O único que nos cabe aos parias deste mundo, fronte aos poderes políticos, é manter a esperanza na reconstrución da verdade. Porque a verdade sempre foi revolucionaria.