Metástase - 05/02/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Non valen paliativos, nin desmentidos, nin dobre linguaxe de autoexculpación, nin histéricas fuxidas de ton por parte dos que tratan de acubillar a realidade do PP, fronte ao que un alto porcentaxe da cidadanía dá por certo, ante tanta evidencia e ao que nos mostran os investigadores xornalísticos: un excelente condimento para que poidan degustar e dixerir os xuíces. A culminación da vergoña está servida e, sobre todo, cando Rajoy enrócase nese taboleiro de xadrez dicindo non a todo, cando hai verdades invariábeis e absolutas que confirman o que nese caderno de notas escribiu Bárcenas.

Se a corrupción a nivel de Estado e de partidos políticos era un clamor popular, agora hai probas determinantes que evidencian o proceso dese tumor canceríxeno que non quixeron erradicar a tempo e que agora converteuse en metástase. E tal a propagación que afecta a todo o organismo político dos que nos desgobernan, que xa non vale parchear mais a cámara de rodaxe porque se desincha por tódolos lados e xa non admite mais remendos.

Por tanto, os cavernícolas políticos trataron de esconder ese cancro, mentres a sociedade insinuaba e apuntaba ao carácter que estaba tomando esa proliferación de células destrutivas e incontroladas, até que a metástase foi posíbel e, tamén, afecta a toda a sociedade. Agora podemos concibir que unha metástase apoderouse dos organismos democráticos e xa non é posíbel manter a ese cadáver fedento. Hai que reinventar un novo corpo democrático e prescindir dos habituais cirurxiáns que permitiron a destrución do corpo que xace ben defunto.

Nesta situación, de crise total que se experimenta no Estado español, xa non hai lugar para triunfalismos por parte dos magnates do goberno, nin medias verdades, nin vale acelerar o ocultismo e crear confusión. Xa non valen nomes para exemplarizar os erros e os fracasos do outro (la herencia del pasado) que este goberno trata de esquivar seu propio fracaso, sostido na mentira, que xa é incumprimento electoralista.

Que dimita o señor Rajoy e seus anxos protectores seria unha solución de solvencia para o PP, sempre e cando haxa organismos xudiciais competentes e sen marcas ideolóxicas que sexan inmisericordes cos que fan tamañas falcatruadas co erario público. E nesta cuestión, a baixo sospeita que se mantén sobre diversos membros que compoñen o organigrama da pirámide, constátase neses papeis, cada vez menos supostos, con autores que teñen que explicar e esclarecer esas prebendas e non utilizar o esquizofrénico “No”! “No se nada”! Cando houbo varias voces que admiten a realidade.

En todo ese totalitario “No es verdad”! Por qué non tratan de levar ante os tribunais a Bárcenas? Porque saben que na súa baralla hai determinantes cartas que poden alongar mais o problema. A esta altura xa non vale dicir a todo que non é verdade o das cartas e dos sobres. Os grafólogos constatan a veracidade da autoría de Bárcenas nestes arranxos corruptos. Así é como a verdade dos acontecementos faise insubornábel.

O que é moi curioso, aínda pintoresco, que só dous da última fila, un concelleiro do PP en Euskadi e outro en Asturias dimitan de seus cargos, polo inadmisíbel dos “Papeis de Bárcenas”. Miles de cargos públicos do PP que non abren a boca, suponse que están en convivencia cos desmentidos que proclama a cúspide do PP. O silencio será sempre un mal inimigo de quen minte e conspira.