A transcendencia de Hugo Chávez - 11/03/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

O presidente de Venezuela, Hugo Chávez Frías (1954-2013), xa forma parte da historia dos grandes próceres das liberdades e da emancipación social das clases traballadoras e dos oprimidos de América Latina. Unha lección mais, a de Hugo Chávez, que se suma a de tantos protagonistas que desde as colonizacións europeas en América loitaron, con diferentes estratexias, por redimir aquel continente. Por dar protagonismo á prole asfixiada por tantos oprobios, neses escenarios de crueldade e morte na que sucumbiron millóns de explotados. Mais a insubmisión foi acumulando esa tal forza na conciencia de clases e na loita que no continente Americano proxectouse dunha maneira decisiva, tanto no mosaico nacional como no perfil combativo.

Pode que a moitos nos parecera que Hugo Chávez era un temerario cando fracasou no golpe de Estado contra un dos presidentes mais corruptos de Venezuela, Carlos Andrés Pérez, xunto aos demais presidentes vende patrias que lle antecederon: amparadores dos monopolios e das multinacionais de petróleo que enriqueceron a burguesía colaboracionista e empobrecendo a todo un pobo. En todo isto hai unha historia tráxica e conmovedora sobre a usurpación mais elemental das materias primas venezolanas que tomaban diversas direccións cara o exterior.

O mais curioso de todo isto é que un militar, como Hugo Chávez, fracasado na intentona golpista que se presente a unhas eleccións presidenciais e as gane. Sobre todo apoiado por unha grande maioría das clases populares que percibiron unha mensaxe axeitada a súa liberación como clase, mais que a seus intereses que non os posuían. Esa carga emocional de desespero dos pobres de Venezuela, pronto vai ter unha resposta de acción por parte dos gobernos de Chávez e que chegan a entender a oferta liberalizadora do líder. A participación da sociedade marxinada nos asuntos de Estado e na defensa dos intereses do pobo, outrora negados, tivo unha efectividade contundente.

E nestes tránsitos históricos polo que pasou a Venezuela do presidente Chávez, a sociedade puido entender dúas cuestións liberalizadoras, no que respecta a recoller a mensaxe de liberación nacional idealizada e realizada por Simón Bolívar que contextualiza coas emerxencias de liberación social realizadas por Chávez. Por tanto esa unión liberalizadora entre o logro independentista efectuado por Bolívar en moitos dos países sudamericanos, entre eles Venezuela, e o cambio social con que Chávez harmoniza a súa revolución proxectando cambios sociais, onde a participación popular e cada vez é mais homoxénea en fortalecer unha política que entraña encararse a un presente bastante confuso que o líder marcou os tempos dentro da nomenclatura estatal. Todo un desafío contra os representantes dos poderes económicos nacionais. co fin de cohesionar unha política abertamente antiimperialista, emanada desa unión bolivariana-chavista e na que se conxuga a protección dos intereses nacionais e da clase traballadora.

Hugo Chávez foi un líder de masas moi peculiar que, desde Venezuela, o seu ideario transcendeu a toda Sudamérica. É innegábel que Chávez, mais que ese carisma que o investiu, tivo unha maneira de entender ao pobo de Venezuela e de ser comprendido por este, que non tivo ningún presidente na historia dese país. Esa oratoria tan simple e coloquial de establecer un diálogo directo co pobo. A súa palabra incisiva, como os seu eufemismos serviran agora de compulsa para verificar a dignidade revolucionario de Chávez.

Toda esa acción verbal tiña unha conexión cos puntos mais sensíbeis da sociedade venezolana. Relixión e revolución son compatíbeis no chavismo como elemento utilitario para atraer e proceder en cambios sociais. Servidor estivo presente na Praza da Revolución da Habana, en febreiro de 2006, cando o goberno cubano outorgoulle a maior condecoración de Cuba, a medalla de José Martí. Nesa ocasión a palestra durou unhas cinco horas, entre Fidel e Hugo Chávez, ambos discursos foron bastante desiguais en contidos. Chávez manifestou ser monaguillo e ser crente, as citas bíblicas e de Bolivar foron constantes no seu discurso, consideradas polos cubanos alí repregados como unha enorme curiosidade. Moitos dos marxistas non entendían esa cohesión. Mais ese tipo de oratoria era coherente ante un pobo de fácil devoción e complicada relixiosidade. A obra e o pensamento de Hugo Chávez non deixa indiferente a ninguén.