6.202.700 - 30/04/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

6.202.700 é o número de desempregados no Estado Español. Unha cifra que provén da desfeita dun goberno cainita que se desentende da traxedia que están soportando as clases baixas e medias. Perdeuse o horizonte e os señores do desgoberno están atrincheirados sen dar respostas aos enigmas económicos. Un “goberno” que despreza con desvergoñadas prepotencias a intelixencia e a dignidade dos cidadáns. Un equipo de desgoberno que tiña que estar recluído noutras instancias tenebrosas: lonxe do sufrimento da xente do común.

Un Rajoy desaparecido. E cando se lle encontra pide “paciencia” con evasivas e sarcasmos. As contradicións son ben explícitas en todo ese cruzamento de respostas na que se exhibe a inoperancia e a ridiculez de non estar á altura de nada e de someterse ao ordeno e mando de Angela Merkel. Neste sistemático desorde flúe a pasividade dun goberno de palla e cun desprezo ao que din os especialistas económicos mais autorizados sobre os graves contratempos do paro e a caída devastadora dunha economía cada vez mais fráxil e sobre a cal, os omnipresentes de Guindo e Montoro balbucían o mínimo e aprazan os problemas até 2015, ano electoral no que o PP xa está construíndo mais demagoxia para sobrevivir ao temporal que se aveciña.

Mais falar nestas circunstancias de eleccións para 2015, pode que o asedio popular, aínda adormecido, tome medidas drásticas en seu desespero e opte pola desobediencia civil, argumentada polo desprezo dun “goberno” deslizado a esnaquizar as conquistas dos contribuíntes. Hai síntomas de grupos que xa optaron por torpedear os abusos e as incertezas pola que está pasando a sociedade. Estas posturas están tomando corpo e desenvolvendo accións fronte aos silencios administrativos e as mentiras que abren e toleran desfeita. 6.202.700 parados ensombrecidos pesan na conciencia dunha sociedade que cada vez é mais crítica coa intransixencia dun goberno varado en ningures.

 

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras