Festas que fan país - 15/07/2013
Opinión - logo gd 2


Xosé Lois García

O verao tráenos cada ano esa repetición de santoral, con foguetes e retretas e coas campás alborexando día grande de patrón; de santo ou virxe que as parroquias adoptan para facer festa grande e convocar convivio e convite, onde se proclama tradición e festa de gardar. A unha destas festas desta nosa Galiza que respira a enxebreza, estivo servidor, levado e orientado polo meu grato amigo, Antonio do Gaiteiro de Costoira. Alá fomos aos rentes periféricos de Santiago de Compostela, á parroquia de S. Cristovo do Eixo, onde o 10 de cada xullo celebran a este santo e patrón dos conductores que o levan nun camión, custodiado por unha longa caravana de autos que percorren as aldeas da parroquia.

San Cristovo do Eixo está a dous quilómetros de Santiago, nunha valgada estrelecente que olla ao sol do mediodía; unha parroquia transitada e comunicada polo antigo camiño real de Santiago a Ourense e pola estrada de paralelo traxecto que comunica a santiagueses e ourensáns. Tamén a suntuosa e alzada ponte ferroviaria do Ave que comunica a cidade do Apóstolo coa das Burgas, de vigorosas e arrogantes columnas que se alzan no territorio do Eixo, en escultórica exaltación.

O campo de cerimonias e de festa do Eixo é un nobre e tépedo carballal que mostra o seu rigor en envellecer lentamente, e baixo eses frondosos carballos os xenerosos veciños asentan unhas longas mesas para que o colectivo de veciños e visitantes degusten sardiñas asadas, boroa e viño da zona que fai reloucar os sentidos. Estes compangos son gratuítos para todos que se presentan despois dunha misa competente que se lle dedica con requinte e con tempo de hora e pico dita e sermonada por un crego arxentino.

Despois deste primeiro entroito dirixímonos á rúa do Padronés 5, no corazón do Eixo á casa de Moncho Munín, concretamente á “Pulpería Santa Lucía”, que rexenta Alberto Munín Taboada e súa familia, especialista en polbo, churrasco, carne e peixe do pais. Mais os convidados fomos sorprendidos cun prato tradicional que se condimenta especialmente nesta data das festas patronais de S. Cristovo, cabra guisada e de condimento delicioso, envexa dos mellores pepitorias da nosa cociña labrega.
 
No Eixo é tradicional degustar dese competente e maxestoso prato de carne de cabra. Esa puntualidade de honrar a S. Cristovo con esa delicia de mesa que é o perfume e o sabor que a cabra nos depara. Temos que recoñecerlle ese  contributo enorme que aportan os seres caprinos ao universo das nosas enchenzas e comedelas de festa. No Eixo  preséntase un altivo e arrogante prato que merece tributo e honra pola súa xenuína e exquisitez do bo comer, fórmula de honrar a S. Cristovo e mais a un dos animais do noso pastoreo tradicional. Quizais esa fórmula de condimento teña, tamén, un apousento na vella usanza de pastores.

Na miña tribo, Merlán, a festa das cabras que se fai puntualmente o terceiro domingo de setembro, hai esa tradición de feira e de festa que nos falta algo importante do que se fai no Eixo. Neste caso, compre ir a tradición e quizais facer tradición desde agora, aínda que sexa a golpe de imitacións.

O Eixo é un territorio de festas das mais apousentadas de Galiza. Na sobremesa, tivemos tempo a falar delo e parece que o carnaval que aquí se celebra ten aínda eses acentos tradicionais que nos veñen da Idade Media. Uns carnavais tipificados nas terras do Ulla e aínda das do Deza e A Estrada, que tiveron a súa difusión até as portas de Compostela. O Eixo, Conxo, O Castiñeiriño, Vista Alegre e O Sar, todos na redonda periférica compostelán manifestan feitura de parsimonias, ritos, indumentaria e outros rexistros de igual perfil.

Cando falamos do carnaval do Eixo, Alberto Munín trouxo os chamados adornos do xeneral: este é una figura importante de respecto, alicerce de tódalas florituras e adornos que se exhiben nesta grande festa de Entroido. Mais que é o xeneral? É o cabaleiro que aborda e deixase abordar dando o alto as persoas dicindo versos e respondéndolle con versos. Pois estamos ante esa figura antiga que coñecemos por regueifeiro. A regueifa é moi importante no que se concreta nese acto parateatral de crear respostas e ditos en verso, espontáneo e simultáneo, que os cubanos e brasileiros chámanlle repentistas. Nos regueifeiros si que hai creatividade do verso medido e contado, satírico e contestatario das longas terras do Ulla até Santiago, O Eixo conserva esta riqueza festeira que fai país e tradición.