Errores e horrores ferroviarios - 28/07/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

A pretendida “Marca España” do PP convértese en bafo e descrédito de quen a inventou como referencia propagandística partidista e disimulada. A catástrofe ferroviaria de Angrois manifesta as carencias infraestructurais dunha rede ferroviaria que en Galiza toma unha grande dimensión de errores técnicos que previsiblemente superen os humanos. Parece que os históricos sinistros ferroviarios no Estado español, non conmove a certos políticos que non sacan conclusións de mellorar tecnicamente a rede, empeñándose en desmentidos interesados e demonizando ao maquinista. Como se todo un complexo viario só dependera dos maquinistas. Por suposto, que un convoi ferroviario das característica do Ave ou do Alvia ten que ter rigorosamente unha serie de dispositivos que no momento dun fallo humano accionen tódolos mecanismos que tiñan que estar previstos no tema de seguridade. Parece que isto non aconteceu no caso do accidente de Santiago de Compostela. Neste caso, fican moitas incógnitas sen revelar, agardemos que todo este horror non fique como misterio administrativo, igual que pasou co metro de Valencia.

Tanto o presidente de Renfe como o de Adif empéñanse en difundir a crenza de que o mortífero accidente provén do maquinista. Por qué? Hai un interese, unha coartada en acondicionar as investigacións? Parece que se intenta que todos estéamos ausentes do fallo técnico apuntando cara o fallo humano. Antepoñéndose ao diagnóstico dos expertos e enxeñeiros en infraestructuras ferroviarias, engadindo a investigación xudicial. O resultado destas pesquisas estarán por enriba dos comentarios e das opinións de ministros e políticos que acentúan a súa crítica cara o conductor da máquina. Hai un interés forzado en priorizar nunha estética propagandística mais que nunha ética de reservar certas opinións agresivas contra o maquinista que incidir nese tramo perigoso do lugar da traxedia. É certo que o conductor comentou que ía a 190 quilómetros en vez de 80, a esta autoinculpación moitos tratan de criminalizalo sen antes ter un presuposto tácito que xurda dunha verificación que determine os feitos do descarrilamento.

A impresionante catástrofe que ocorreu na famosa curva da Grandeira, pode levarnos a unha reflexión profunda sobre as vías e instalacións convencionais –pode que este non sexa o caso-, atípicas nunha sociedade que precisa de cambios técnicos profundos; que precisa dunha modernidade vial que responda ás necesidades e ás características dos galegos e de Galiza, respectivamente.

De momento Galiza está excluída da alta velocidade e recusada dunha rede ferroviaria ampla e tecnificada que nos comunique con Lisboa e con toda a fronte atlántica, así como con Francia e o resto de Europa, pola cornixa cantábrica e non soamente con Madrid. Neste caso, o proxecto aínda está sen executar en varios tramos entre as provincias de Ourense e Zamora, nos que levan mais de quince anos de atraso e con varios ministros de Fomento do PP e do PSOE metidos na mesma retórica, exhibindo propaganda, intereses creados e sempre xustificando esa eterna demora con simplismos demagóxicos.

Galiza a das grandes traxedias onde os políticos incorreron en falsas xustificacións e dubidosa exemplaridade. O noso pobo si que foi exemplar e determinista; adiantado en tantos socorros e solidariedades e tantas veces esquecidos polas institucións políticas. Os veciños de Angrois, tan puntuais como solícitos cumpriron cun deber que se simplifica na nosa antiga tradición galega de axudar e amparar con desvelo aos que sufren estas desgracias. Unha solidariedade tácita e xurdida das fraquezas e desventuras que soportou a xente popular, a que tivo que superar traumas e maldicires vindos da administración. Exemplo cívico e mutualista foi o que exemplarizaron os veciños de Angrois, coordinándose dunha maneira eficaz e concorrente.