A cultura do viño - 03/09/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

Un libro suxerinte, sen liturxias, nen acomodos que poidan adulterar a verdadeira cultura do viño, é o que remata de publicar o profesor Xosé Lois Ripalda, en Ir Indo Edicións. Trátase dun investigador cualificado, enormemente metido nas entretelas dos diversos eidos da etnografía galega. Non hai moitos anos que nos trouxo esa primicia editorial, titulada: “A cultura tradicional do pan”. Non hai pan sen viño, e viño sen pan. Así que a recente estrea: “A cultura do Viño”, ben a agrandar eses mínimos e acoutados estudos sobre a diversidade temática da cultura vinícola en Galiza. Nesta dimensión, non só falamos dun estudio de sobrio rigor, falamos dunha investigación científica dun autor que naceu e creceu nun eido viñateiro da Ribeira Sacra, Erbedeiro, do concello lugués de Carballedo.

Neste libro procésanse unha serie de temarios da cultura fluvial miñota, na que Xosé Lois Ripalda medrou como ribeirao, viñateiro e colleiteiro. Tres conceptos que se lle dá ao bo facedor de viño nas ribeiras chantadesas. Esa orde trinitaria que conforma a nobre distinción de crear o suntuoso líquido de Baco. E nesa orde de nacencia e naturalidade dionisíaca, están tódalas configuracións dese Erbedeiro nativo, onde Ripalda tivo a súa primeira aprendizaxe. Esa recia tradición medievalista dos benedictinos e cistercienses, repoboadores das nosas sacras ribeiras. Unha cultura na que Ripalda bebeu e asimilou desde o seu microcosmos chamado Erbedeiro. E de aquí expandiuse a outras xeografías vinícolas que nos confire nesas grandezas de cultivo e de bo facer viño.

Mais neste libro non se exceptúa nada dos prodixios da cultura viñateira. Fórmulas, modelos, tratados e tantas particularidades extensivas que floreceron nesa cultura que, con frecuencia, foron culto, son culto e rito nesa ofrenda de facer arte co viño. Neste libro están categorizados varios extremos de arte de cultivar viña, onde o viño é ese outro pulmón non só económico senón dunha prolífera cultura envolvente da que nos da noticia e crónica pedagóxica de Xosé Lois Ripalda.

Toda unha diversificación de temas agrandan ese universo do viño en Galiza, no que se manifestan os rexistros que potencian e vitalizan unha maneira de vida; unha existencialidade con diversas claves antropolóxicas nas que se capta todo ese mosaico que Ripalda sostén empiricamente nos modelos contemplados neste libro: “A cultura do viño”. Facemos énfase no índice para incidir e informar dos extensos contidos estudiados polo autor. “Orixe do viño”, “Denominación da orixe do viño en Galicia”, “O cultivo da viña”, “A vendima”, “O acougo do viño”, “Cubas e toneis”, “A botella”, “Xerras e cuncas”, “Embude e barcal”, “O pelexo”, “Traballos nas adegas”, “Os arrieiros”, “Os santuarios do viño”, “A augardente e a queimada”, “A taberna escenario costumista”, “Literatura popular”, “Regueifas da vendima”, “Cantigas”, “Contos”, “Frases célebres vencelladas ao viño”, “Receitario do viño” e “O viño na actualidade”.

Xosé Lois Ripalda ofréndanos todo un compendio necesario e fundamentado nos alicerces da cultura viñateira. Unha cultura sostida durante séculos en Galiza por maos xenerosas e por esa sabenza que nos transmitiron múltiples xeracións e que agora resalta o ribeirao de Erbedeiro.