O calendario e a incógnita do tempo - 30/12/2013
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García

O Xano bicéfalo anuncia mudanza no calendario. Os seus rostros, un de luz e outro de sombra, proclaman pasado e presente de calendas. Mais no ámbito dos viventes continúa no mesmo grao de asperezas e esmorecendo na sombría e confusa contenda que non rematamos de entender seus procesos. A cabeza fofa e fría de 2013 da paso a outra ben centrada nos abeiros resplandores que abre o ano novo 2014. Todos proclaman a xaneiro como o inicio de algo novo que vai durar os doce meses do ano, e despois volver á mesmo cerimonia de felicitacións e parabéns, de brindes e opacas consolacións. Da noxo tanta repetición de orxías e cerimonias que encadean a nosa suposta liberdade.

O que nos dita o calendario é un fraude. O calendario é froito de iluminados que marcan rixidamente o que temos que facer en función dos que organizan as finanzas e os díxitos bancarios. Aos tais convenlles ese organigrama ríxido para usufrutuar o tempo produtivo en cada estadio temporal que se reparte durante o ano. Ese aparatiño que levamos no pulso: o perpetuo avisador de erguernos e ir vender a nosa forza de traballo laboral ou intelectual. O reloxo forma parte desa mecánica de avisar a uns para que acudan ao aeroporto a culminar a súa viaxe, visitar amantes, cambiar de eventos e gozar de novas experiencias lúdicas, onde a utilidade do reloxo fica fora de calquera ordenamento que altera a vida de intrépidos magnates.

Mais hai outras persoas que corren ben cedo cara o transporte público e votan unha olladela á esfera do reloxo, tentando non chegar fora de hora ante outro monstruoso reloxo que o agarda no centro de traballo e no cal ten que introducir unha tarxeta que lle marca o tempo de entrada e de saída. Se ese proceso é alterado vai repercutir no salario ou no despido desa persoa. Esa é a castronada dos reloxos que controlan o tempo en función de intereses produtivos e non de problemas humanitarios.

A incógnita do tempo, no desconcerto dun cerimonial de dominación e alienación. En séculos pasados medir e controlar o tempo tiña como beneficiario a relixión, que estipulaba festas beneficiadas, ritos de perseveranza, anulación de pensar por si mesmo e outras maneiras de vivir na acción dese pensamento único, insólito e mutilador.

Os estamentos relixiosos entregaron esa doutrina de alienación ao patrón, ao empresario de que todo ten o seu tempo e que uns foron predestinados para mandar e outros para obedecer. Unha maioría destinada a producir e unha minoría para controlar e gozar dos bens produtivos e da plusvalía desa maioría. E a puntualidade marcada nas dúas agulliñas das esferas dos reloxos das catedrais e das áticas torres reclamando puntualidade produtiva.

Levamos demasiados séculos sen descubrir os desaguisados dos que controlan o tempo en seu beneficio produtivo, aplicando os mesmos esquemas de engano e ousadía, coa arrogante crenza do libre albedrío que protagonizaron as diversas correntes relixiosas e transferiron ao capitalismo emerxente da Reforma e Contrareforma un proceder de apropiación sistemática. A falacia do libre albedrío a expresou o filósofo Baruch Spinoza, cando escribiu: “Os homes coidan que son libres, porque eles son conscientes de súas vontades e desexos, mais son ignorantes das causas polas que son levados aos mesmos”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras