Celebrar a Alfonso Blanco Torrado - 11/01/2013
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Este sábado día 12, Guitiriz acollerá a un basto e amplo grupo de amigos e simpatizantes do cidadán e crego, Alfonso Blanco Torrado, que recibirá alfonso blanco torradounha merecida homenaxe por tantas referencias e prioridades que el lle da a Galiza desde ese espazo de adopción que é a chaira de Guitiriz. Desde onde exerce de tantas cousas e en tantas verdades emotivas e redentoras. Leva longos anos de vivencias e persistencias en Guitiriz implicándose en tantos proxectos alcanzados e reparadores dos alicerces da nosa patria común.

A pegada certa de Alfonso, por reconstruír nación, entraña moitas particularidades no compromiso de non ser pasivo nin silencioso. Falo dun home teimoso, afiliado a esa teima enriquecedora dunha xenerosidade que marca presenzas para camiñar en común e superar encrucilladas hostís. Falo do home cívico que ten posto a ollada en todas as incertezas e sufrimentos dos que padecen o xugo das inxustizas sociais. Falo do profesor que vive do seu traballo como docente e, tamén, do cristián cuxa referencia redentora é a de imitar a Xesús de Nazaret.

Blanco Torrado é un deses poucos cregos que bebe do Evanxeo e intenta practicar seus dons, por enriba de outros preceptos. Tamén é, aínda, un resistente continuador das marcas aperturistas do Concilio Vaticano II. Aquí está o crego-cívico que non aceptou nin privilexios, nin reverencias, nin ortodoxias fora do marco evanxélico. El é un modelo de espírito aberto na “verdade que nos fará libres”. Integramente libres na cultura e na lingua que practica o noso pobo. Alfonso é un ser obstinado na preservación dos nosos valores, mesmo nos que frutificaron ese ser comunal que mantén viva a nosa identidade.

Nese xermolar de cousas que se matizan no seu esforzo e na súa xenerosidade, o Festival de Pardiñas, a revista Xermolos, o museo e a biblioteca do mesmo nome xeran confianza. Alfonso infundiu ese sentido de comunidade que implicou fraterno convivio entre seus parroquianos que cada vez amplían a patria do sentido común e do espírito.

Alén do entusiasmo de Alfonso Blanco Torrado está a practica de como se fan as cousas, dunha maneira sinxela e dentro das precariedades que nos rodean. Un estilo propio e de humilde xenerosidade que crea adeptos e referencias. Alén da homenaxe está o convivio de celebrar á persoa e a súa traxectoria humana, como mestre de tantos valores e esforzos, en súa nobreza.