A cantadeira de Costoira, in memoriam - 06/08/2013
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O destino preferiu que a cantadeira de Costoira, Ada Vázquez Eiriz se fora deste mundo un día despois das patronais da súa parroquia de S. Fiz de ada vazquez eirozAsma (Chantada). A súa vida pulou neses dous días grandes que a parroquia dedica a S. Fiz, ou S. Pedro Fiz Advíncula. A tregua dos días concedendo festa a unha grande e enorme muller de plenitude e bondade. A Ada do Gaiteiro de Costoira, alcume da casa non porque foxe o seu avó gaiteiro, senón que era algo mais, artífice e artesán de compor gaitas. E pode que naquel humilde taller de gaitas, a canción popular, a cantarela e o alalá desen a Ada pan e compango, gracia soberana a esa voz ininterrompida que sempre ecoaba desde o seu lugar nativo até as viravoltas do regato de Lamaprado.

A cantadeira de Costoira finou aos 81 anos, longa vida de traballos polas ribeiras do Inferno de S. Fiz. Subindo e baixando escaleiras de xisto entre viñedos e saltando escairos e portelos.
O labor das viñas esixían estar baixo os torreiros do solano e facendo faenas de mandado e de pouca soldada. Ada era esa muller enteira e forte, con conciencia agraria que sempre conmovía polo que dicía e cantaba, non cantiga triste senón de rebeldía. Muller de estirpe rexa que afrontaba tódalas inquedanzas como as nosas labregas e viñateiras teñen afán e costume de superarse.

Foi longos anos emigrante en Suiza co seu home, Xosé Fernández e seu fillo Antonio, onde fixo presente e futuro sen fundamentar cobiza. E regresou á terra de nacencia: Costoira de S. Fiz. Foixe co canto do herdo e con el volveu sen depredalo. S. Fiz era a súa nación, bastaba esa corta xeografía de parroquia para que súa voz non esmorecera e volvera a resoar polas valgadas de ribeira voz nunca apagada dos nosos antergos; voz dos reencontros onde Galiza aparece agrandada. Servidor tivo a sorte de gravarlle un longo repertorio de letras inmemoriais que conservou desa esencia singular que o noso pobo soubo argumentar con conciencia de ser canto persoal e inesquecíbel.
Mais a Ada tiña conciencia de que cantar o que os que atrás ficaron era conservar e transmitir a creación popular que sempre tivo ese eficaz postulado de alentar a presencia e a permanencia dos valores mais profundos do pobo galego. Ada tiña conciencia de que o individuo, o colectivo que non canta non facía futuro de pobo nen de nación.

A súa longa doenza non a escureceu nin a perturbou, sabía que a canción popular era seu respiro verdadeiro e aínda que a voz íase apagando a nosa ribeirá cantaba e cantaba. Dou testemuño que catro días antes dela finar, mandoume sentar no seu leito e díxome: “Vouche poñer unha cantiga”. Sorprendente! Que desafío á morte para que o herdo continúe transmitíndose e para que as nosas esencias non se murchen.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras