A Feira das cabras de Merlán - 30/09/2013
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Unha tradición e unha compostura de facer festa, revelando honores a S. Ciprían. Tamén a feira de cabras, esa outra tradición engadida, transcende a feira das cabras 1un ámbito engaiolador e de agrandar o memorando do que representa para a parroquia chantadesa de Merlán. Os pasados días 13, 14 e 15 a Asociación de Veciños desta parroquia elevaron o ramo da tradición e dos acentos desa idiosincrasia do pasado e que foron modelando un xeito de facer festa e feira.

feira das cabras 2Digamos que a Asociación de Veciños de Santo Tomé de Merlán teceu, con esforzo e ousadía, un traballo particularmente singular; un modelo expresivo e extensivo dun labor con matices que fai posíbel unha feira das cabras que en Merlán se celebra anualmente, pola festa dedicada ao bispo de Cartago, S. Ciprián, ou S. Cibrao. Aquí as continxencias de unificar valores teñen a mais merecida recompensa dos veciños que traballan en formular creatividade sen miramentos de tempo e gastos. Así é que a festa e feira son un todo para os de Merlán, unha atracción exaltadora para os que se achegan ao lugar da Torre, esa especie de capitalidade parroquiana, onde se ergue a sinxela capela de S. Amaro, que recibe unha vez ao ano a imaxe do famoso bispo da patrística cristián. Nos seus arredores o campo da festa, coidado e arranxado para estas efemérides festeiras e festivas. E no promontorio do carballal do campo da festa os membros da Asociación ergueron un enorme alpendre, ou pendello, con doce departamentos que este ano deu abeiro a dúas centas cabras e castróns.

Un modelo de construcción moi equilibrado que non excede nen rompe coa estética da devesa. Así foi a feira da miña parroquia, ben nutrida de rabaños de cabras, onde se promociona a cabra galega e aos gandeiros desta especie da comarca de Chantada. Merlán é un referente e unha emerxencia notábel para promocionar o que non se quer que se perda. Aquí si que os comisionados da Asociación veciñal poñen énfase, amparados no legado do herdo e da tradición, no abrir camiño e agrandando perspectivas dunha feira –podíamos dicir medieval- que foi decaendo pola pouca demanda de materia prima cabrúa que surtiu de carne e de pelexos de carreteiro nas vésperas da bendima e no carrexar do viño.

Unha feira que decaeu cando o tractor entrou nas ribeiras e substituíu o transporte en carro de bois: todo un modelo de transporte do viño, onde o pelexo de cabra era o utensilio mais axeitado para ese transporte. Foron anos tristes na decadencia desta feira, que grazas a mobilización de mentes expertas da veciñanza asociativa reconstruíron a orde de ser, estar e ter unha feira con dignidade, aínda con substratos do pasado; atraer xentío ao redor dos pendellos ateigados de cabras; degustar cabra cocida á vella usanza viñateira; volver a retomar a tradición nun ritmo distinto ao que foi, onde as ganderías veñen a Merlán a exhibir, mais que a vender, a dicir que un resiste a calquera pertinencia decadentista.

Nesta festa feira están as cerimonias de santoral, misa grande e procesión, un tanto atípica e que para moitos un bocado exótica, quizais fora da normativa regulada no Dereito Canónico, no que se di sobre as procesións e que rompe coa tradición, mais os tempos mudan vertixinosamente. Refírome a que a imaxe de S. Ciprián vai nun carriño tirado por dous castróns lustrosos. É verdade que isto non se facía, mais que agora se fai, desde hai escasos anos. Esa fórmula atrae e contenta á parroquia, un invento non moi ortodoxo pero atrevido e consentido, é o que vale. Mais a imaxe de S. Ciprian, leva nesta súa festa, un ourizo regañado, anunciando castañeira, a outonada: unha maneira de anunciar festa de recolección de froitos. Tamén é o santo con dons curativos da reuma de doenza de ósos, a el van os seus peregrinos a ser tocados polo S. Ciprián pequeniño.

Aos que nacemos e nos criamos en Merlán, a festa e a feira das cabras de S. Ciprián patentou ese orgullo de parroquia, como comunidade estábel, de dar pulo e consistencia ao que herdamos dos nosos devanceiros, por iso, os meus humilde solidarios parabéns para os que traballaron na construcción de tantas cousas útiles que fornece a identidade de Merlán.