O non a Cataluña - 06 Febreiro 2014
logo nosjpg

Xosé Lois García

Simplificar e contradicir as expresións nacionais de Cataluña foi un arduo empeño de conquista colonial do Conde Duque de Olivares, o todo poderoso valido de Filipe IV; o promotor dun Estado único do que moitos chamaron o benfeitor do colonialismo interior da península. 

Simplificar e contradicir as expresións nacionais de Cataluña foi un arduo empeño de conquista colonial do Conde Duque de Olivares, o todo poderoso valido de Filipe IV; o promotor dun Estado único do que moitos chamaron o benfeitor do colonialismo interior da península. Nese período histórico o reino de Aragón tiña un peso e a política de residencia a tiña Cataluña, e as revoltas anticasteláns tamén. Nese estadio histórico, Cataluña soportou un non continuo e reiterado pola usurpación de Castela, ostentadora do nome de España. Mais a idea suxeridora do Conde Duque era homologar e, a posteriori, anular as institucións catalás. O confronto dialéctico deu paso ao conflito bélico (Guerra de Sucesión) que produciu miles de mortos naquel 11 de setembro de 1714. Unha data clave na historia tráxica de Cataluña, onde a maquinaria borbónica da Nova Planta non deixou de ser, durante tempo, unha apisoadora na liquidación dos dereitos lexislativos e corporativos e, tamén, das institucións cataláns.

"A omnímoda e sanguenta represión impuxo un longo silencio. Un silencio útil para todo un pobo que non claudicou nin se deixou asimilar e silenciosamente foi clarificando ideas e perfís dun novo deseño liberador".

A omnímoda e sanguenta represión impuxo un longo silencio. Un silencio útil para todo un pobo que non claudicou nin se deixou asimilar e silenciosamente foi clarificando ideas e perfís dun novo deseño liberador. Un silencio de longa duración que se deu neses inmensos guetos de Cataluña, nos que se foi alimentando e ordenando un novo contexto de loita e complicidade na recuperación da nación asoballada. E nese silencio colectivo ampliouse conciencia no que os cataláns non foron alleos a eses acontecementos e combates contra o nacionalismo españolista do Estado único. Nesas circunstancias de opresión organizaron un combate  manifestado na lingua do país, nas tradicións e en todo aquilo que prohibía o poder colonial. Nese silencio asimilaron os acontecementos de todo o período da Revolución Francesa de 1789, e cando Cataluña chegou a finais do século XVIII tíñase elaborado todo un tecido sólido e homoxéneo de concrecións para conspirar e para facerse valer. Dese silencio resucitou a súa voz e os seus ímpetos reivindicativos. 

Cando un repasa a historia de Cataluña, partindo de hemerotecas e arquivos documentais, estamos establecendo contactos coa intrínseca realidade. Unha realidade que calquera historia de España silencia e mesmo terxiversa. Ese outro silencio imperativo, sempre guarnecido polo sable e a confusión de calquera réxime conservador ou liberal, onde uns e outros foron impoñendo regras e insultos sobre  Cataluña. Eles foron os que elaboraron todas esas constitucións precavidas sobre o tema catalán. Entón o silencio estaba dando seus froitos nun posicionamento de forza fronte a esa maquinaria unitarista do españolismo mais retrógrado e casposo.

"Ese non continuo e cargado de prepotencias, ameazas,  prohibicións e da manipulación da realidade contra Cataluña, na procura de saídas despóticas como manifestou José Antonio Primo de Rivera"

Ese non continuo e cargado de prepotencias, ameazas,  prohibicións e da manipulación da realidade contra Cataluña, na procura de saídas despóticas como manifestou José Antonio Primo de Rivera, fundador de Falange, nunha carta dirixida ao xeneral Franco, datada o 24 de setembro de 1934: “Ya sé que, salvo una catástrofe completa, el Estado español podría recobrar por la fuerza el territorio catalán”. Noutra pasaxe, o instigador, fala do decoro patrio: “...o vence la concepción materialista rusa de la existencia, que, sobre someter a los españoles al yugo feroz de un ejército rojo y de una implacable policía, disgregará a España en repúblicas locales –Cataluña, Vasconia, Galicia- mediatizadas por Rusia”. O lector poderá facer as súas conclusións sobre os separadores conceptos existentes, até hoxe, do incontestábel nacionalismo españolista. 

Os imperativos de forza foron a dialéctica do despotismo do non e do pensamento único. Nesta dirección está Rajoy e seus acólitos, apelando a unha constitución española desbordada e superada polos excesos de tanto divinizala. E, tamén,  polos acontecementos sociais e políticos e polo incumprimento dos propios gobernos de quenda. As constitucións españolas tantas veces desprezadas e abolidas e tantas veces sacralizadas en función de intereses, ou para dicir un non rotundo a debates e cuestións como o que nos ocupa actualmente en Cataluña.

"Os cataláns de dereito sentímonos feridos, como os cataláns de feito, polo exceso de tanta insidia e manipulación. Até cando a mediocridade seguirá dicindo, non?"  

Coidado. Moito coidadiño coa cultura consolidada no silencio dos pobos con conciencia e autodeterminación. Un pode discrepar, e debe facelo, das políticas de Artur Mas e do nacionalismo burgués de CiU, outra cousa é utilizar a Constitución para pór barreiras co insólito e lacónico non a todo. É así como se mobiliza o invariábel sentimento dos cataláns fronte aos obstáculos e retrasos de temas fundamentais que ten pendente a Cataluña colectiva, como aconteceu coa sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Estatut.

A ninguén se lle escapa o oportunismo de Mas por sobrevivir ás políticas antisociais por el impostas, intentando abrir un punto de fuga para neutralizar os problemas existentes que o salpican, sendo incapaz de arranxalos. Outra cousa ben distinta en Cataluña é ese sentimento de país, fecundado durante tres séculos, no silencio das catacumbas. Esta é a clave do tema. Un sentimento que se ve ferido cando se despreza, humilla e se fai burla do ser catalán.  O mais detestábel e cando esas ridiculeces veñen dos propios gobernantes e dos medios de comunicación adheridos a ese anticatalanismo túzaro. A ese racismo separador. Os cataláns de dereito sentímonos feridos, como os cataláns de feito, polo exceso de tanta insidia e manipulación. Até cando a mediocridade seguirá dicindo, non?

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras