A Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade? - 20 Marzo 2014
logo nosjpg

Xosé Lois García

Moitas incógnitas perfilan certas dúbidas sobre a orixe programática de consolidar un programa serio e comunicante que confirme unha críbel contundencia na que participen diversas asociacións comunitarias e os concellos da Ribeira Sacra, e non só. Non dunha maneira adhesiva ou burocrática, que seria aumentar a mediocridade

Moitas incógnitas perfilan certas dúbidas sobre a orixe programática de consolidar un programa serio e comunicante que confirme unha críbel contundencia na que participen diversas asociacións comunitarias e os concellos da Ribeira Sacra, e non só. Non dunha maneira adhesiva ou burocrática, que seria aumentar a mediocridade. Estamos falando dun tema enormemente sensíbel como é a presentación dunha candidatura en firme de que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, propiciada polas deputacións de Lugo e Ourense. A presentación desta candidatura non debe ser un tema exclusivo dunha elite institucional e administrativa, que dea a impresión de que se pecha en si mesma. Non estou dicindo que non sexa transparente. Mais en todo isto xurden preguntas moi concisas e de momento sen respostas, sobre un organigrama que contemple os tempos e os espazos sobre o concurso e as infraestructuras da candidatura, no equivalente a precipitarse antes de constatar un programa ambicioso e unha mobilización que sexa capaz de integrar a moitos colectivos. As precipitacións nunca foron boas conselleiras de acadar éxitos. 

"A presentación desta candidatura non debe ser un tema exclusivo dunha elite institucional e administrativa, que dea a impresión de que se pecha en si mesma"

O que entendemos por Ribeira Sacra, en súa diversidade xeográfica e cultural, cada vez menos dinámicas por falta dunha poboación estábel e sedentaria que vai perdendo esa tradición e esa capacidade de sustentar e acrecentar cultura e transmitila na súa singularidade a outras xeracións. A desfeita está en marcha e hai poucas perspectivas para poder paralas por parte das administracións. Neste sentido, os protocolos de admisión por parte da Unesco son bastante ríxidos sobre a valoración de cada elemento verificábel.

A nosa Ribeira Sacra ten ímpeto e personalidade que se constata na súa cultura milenaria, nas súas paisaxes, na súa arte medieval e actual, nos arquetipos dos hábitats que se manifestan desde a cultura castrexa até a arquitectura ribeirá, que marcan unha orixinalidade personificada na nosa identidade ribeirá, tan pouco cultivada e difundida polos concellos e pola propia Xunta de Galicia. O conxunto patrimonial en desfeita, esta vai ser unha cuestión clave no momento de verificar o patrimonio histórico e arquitectónico por parte da Unesco. En toda esta longa xeografía escasean os inventarios sobre patrimonio, flora e fauna autóctonas da zona e un longo etc., guías e a unificación e difusión de diversos traballos que se teñen feito a nivel escolar e universitario. Faltan, nestes requisitorios, varios expoñentes capaces de crear perspectivas e credibilidade, como exposicións itinerantes a nivel nacional e europeo e outras programacións para constatar a riqueza tradicional dunha cultura e dun modelo de vida que capacitou á Ribeira Sacra de ostentar unha serie de valores e de matices que propiciou unha comunidade estábel, isto non se esta explicando nen espallando.

"O conxunto patrimonial en desfeita, esta vai ser unha cuestión clave no momento de verificar o patrimonio histórico e arquitectónico por parte da Unesco". 

Neste tema hai unha falta de rigor impresionante e, tamén, no destaque do que fai ao respecto a un amplo temario antropolóxico e, sobre todo, a conceptos etnolóxicos nos que se configuran unha serie de enxeños funcionais do expoñente ribeirao e viñateiro. A cultura do cultivo vinícola; a cultura fluvial, xa desaparecida polos encoros do Miño e do Sil, constatan a verdade dese tecido cultural e artístico tan evidentes nos mosteiros, igrexas e oratorios románicos que guarnecen a sacra ribeira, con tantas referencias e emerxencias no pulo da nosa cultura nacional.

Todos estes elementos patrimoniais, mal protexidos, divulgados e explicados poden ser un revulsivo contra os precipitados amaños desta candidatura. Na Unesco hai contundencia nas fórmulas de verificación. Cando observen certos exemplos como a carencia de museos etnolóxicos e a falta dunha conservación manifesta de monumentos históricos, a falta de inventarios que deben rexer toda esa nomenclatura de protección e conservación, que se o hai en certas zonas da Ribeira Sacra é en mínimos.

"Todos estes elementos patrimoniais, mal protexidos, divulgados e explicados poden ser un revulsivo contra os precipitados amaños desta candidatura".

Que diremos da depredación de certos espazos naturais e de producción vinícola como é o caso de San Fiz de Asma (Chantada), onde a especulación e a construcción de diversos formatos atípicos corroboran a destrucción dos espazos naturais e das adegas tradicionais e funcionais dese xeografía. Onde non houbo nin hai unha intervención do concello nen de patrimonio. Estas anomalías as vai observar e tomar boa nota a comisión da Unesco, sen dúbida. Neste sentido, hai todo un temario que se debía resolver e planificar moito antes de formular a candidatura. As negativas da Unesco non son unhas negativas temporais, senón un secula seculorum.

Realmente a esta candidatura non a asiste o rigor, nen a puntualidade en certos temas, como se fixo coa candidatura da muralla de Lugo, na que se respectaron os temarios e as participacións con solvencia. O éxito foi ben claro. Neste sentido, lembro a candidatura presentada polo Vall de Boí, nos Perineos de Lleida, xunto a la Vall d’Aran, como cultivaron os espazos ecolóxicos, os monumentos románicos, crearon museos etnolóxicos e programaron unha difusión moi concertada á que se uniron todas as institucións catalanas que puxeron medios técnicos para mellorar a imaxe dese espazo. Un espazo mais reducido e complexo que o que ofrece a Ribeira Sacra. Así, o 30 de novembro de 2000, o traballo coordinado dos cataláns foi recoñecido coa declaración de Patrimonio da Humanidade o Vall de Boí. Abundan os temores de que isto poida suceder coa Ribeira Sacra.